Fantasía e ciencia ficción con sabor a fanzine
A medida que se achega o verán, os fanzineiros poñen as máquinas a funcionar para poderen presentar os seus traballos en eventos de autoedición estivais como o Autobán da Coruña ou No Tengo Mamá de Vigo, ademais de aproveitar sinerxias con festivais coma Viñetas dende o Atlántico. De entre a variada oferta de fanzines aparecidos nestas datas destacamos tres que teñen en común a súa ambientación fantástica ou futurista, aos que engadimos un número especial dunha coñecida revista estranxeira en cuxas páxinas atopamos o novo traballo dun dos máis sólidos valores da nova banda deseñada galega.
Cuberta do Altar Mutante nº7 por Jagoba Lekuona
Un dos clásicos do panorama galaico da autoedición dos últimos anos é Altar Mutante, revista consagrada ao “horror putrefacto e ciencia ficción graxenta” que dirixen Luis Sendón e Álvaro López e que acada xa o seu sétimo número. Fiel ás premisas sentadas nas primeiras achegas, a cabeceira acolle os traballos dos autores habituais (Sendón e López, Cráneo, Benlloch...) ao tempo que incorpora colaboradores ocasionais (Dani Xove, Jagoba Lekuona, Gairah Love...). Cada un deles asume o espírito que inspira a publicación dende as súas propias coordenadas creativas, dándolle forma de ciencia ficción hiperviolenta, fábula perversa, terror urbano, espada e bruxería ou humor macabro. O menú é máis variado do que podería parecer, sendo os mellores petiscos aqueles que provocan unha certa ansiedade pola súa inevitable brevidade. Por destacar algúns: a colaboración de Kike J. Díaz amosa o indiscutible progreso dun autor que debutou hai cinco anos co ambicioso Nordés e que leva tempo afinando un estilo máis próximo ao cartoon; Kike Benlloch e Diego Blanco ofrecen un relato de contornos ásperos que resulta interesante pola súa proximidade, talvez casual, ás claves literarias de Hawthorne ou Borges; e finalmente, Debelius atopa a mestura exacta de humor e gore nun capítulo que recunca no espírito das súas achegas nos números anteriores. O debuxante coruñés está chamado a cumprir nun futuro inmediato coas grandes expectativas que os seus traballos recentes están a xerar.
Deseños preliminares do personaxe de Amair por Luis Sendón
Un que este ano se amosa especialmente prolífico é Kike Benlloch. Ademais de colaborar en Altar Mutante presenta dous cómics autoeditados, Amair e Legado, ambos en formato grampa (é cando menos un paradoxo que a grampa, que perdeu hai tempo a súa preponderancia dentro do cómic comercial, estea a ser recuperada dende o ámbito da autoedición) e primeiros capítulos de senllas sagas que continuarán en futuras achegas. Amair desenvólvese nun escenario fantástico semellante ao que o propio Benlloch creara para Cuimhne e a súa secuela, Cuimhne: La deuda, aínda que o ton poético que presidía aqueles dous relatos (especialmente o segundo) é substituído aquí por un alento épico que o fai abalar decididamente cara o xénero de aventuras. A fantasía guerreira é un terreo no que o debuxante Luis Sendón sabe desenvolverse con soltura, sendo a ambientación, a creación de paisaxes e a definición visual dos protagonistas, onde o seu traballo brilla máis. Moi suxestivo cando a narración avanza de forma pausada, as súas páxinas reséntense nos lances de acción, onde o seu característico trazo groso tende a recargar excesivamente as viñetas. Este primeiro capítulo esgótase na presentación da premisa argumental, na que uns deuses escuros utilizan a dúas tribos rivais para enfrontárense entre si. O personaxe de Amair, chamada a ser a protagonista do relato, ten unha participación menor que supoñemos que aumentará en futuras achegas.
Detalle da capa de Legado por Xulia Pisón
Pola súa banda, Legado transpórtanos a un escenario de ciencia ficción clásica no que se escenifica a confrontación entre o individuo e as grandes estruturas de poder. Xulia Pisón, que xa amosara a súa querenza polas paisaxes futuristas en ∞-1, segue a medrar como artista a medida que asume retos cada vez máis ambiciosos. A pluralidade de personaxes protagonistas deste cómic, a súa estrutura non lineal e o ritmo cambiante ofrécenlle a ocasión para despregar toda unha serie de recursos narrativos e de caracterización que probablemente non tivera oportunidade de ensaiar ata o de agora, cun balance claramente positivo. A historia desenvólvese en dúas partes, polo que o final deste primeiro capítulo deixa todas as portas abertas. Agardemos que o segundo e derradeiro non se demore demasiado, e non só para que non esvaeza o interese da trama, tamén para manter a unidade de estilo. Unha artista en crecemento como Pisón pode evolucionar moito nuns poucos meses.
Judge Death: Darkness descends
Viñetas de Xulia Vicente para Judge Death: Darkness descends
Malia non tratarse dun fanzine, non resulta forzado mencionar aquí o novo cómic de Xulia Vicente. En primeiro lugar, porque a debuxante non está desvinculada da escena da autoedición da que formou parte activa durante os últimos anos; e, en segundo lugar, pola afinidade temática dos cómics que acabamos de mencionar co seu traballo máis recente, unha colaboración coa lendaria revista británica 2000 AD. O magazine inglés de ciencia ficción por excelencia ten cambiado moito entre os anos 80 e a actualidade. Aínda que moitos dos personaxes seguen a ser os mesmos (os Xuíces Dredd e Anderson, Rogue Trooper, Tharg...) o enfoque ten mudado de maneira irremediable. A contratación de Vicente, debuxante de estilo riquiño, abonda para corroboralo, máis se consideramos que a súa colaboración ten como protagonista o sinistro Xuíz Morte, un secundario habitual nas aventuras do Xuíz Dredd que acadou o seu pico de popularidade nos lapis de Brian Bolland. A versión da galega pouco ten que ver coa dureza hiperrealista do debuxante inglés. O seu relato, escrito por unha das guionistas habituais da cabeceira, Leah Moore, entrecruza o camiño do Xuíz zombie cun grupo feminino de música punk, dándolle á trama unha ancoraxe cotiá que facilita o encaixe da debuxante. Agradécese o necesario cambio de rexistro dunha Vicente cuxos traballos máis recentes (Ari, cazador de dragones, Duerme pueblo) transcorrían en escenarios menos sinistros. Tamén se agradece o contraste de ler, neste mesmo exemplar, unha aventura do Xuíz Dredd ou un capítulo do clásico serial Future Shocks debuxados por artistas de claves creativas tan distantes coma Babs Tarr e Tillie Walden respectivamente.