Hoxe imos preparar un prato sinxelo, lixeiro, delicioso e saudable, ideal tanto como entrante como para cear.
Os ingredientes que necesitaremos son:
Unha berenxena
Unha cabaciña (calabacín) pequena
Media ducia de cogomelos
Uns 150 g. de xamón cocido
Uns 200 g. de queixo graxo relado
Uns 100 ml. de salsa de toma frito
Aceite de oliva
Alfábega
Sal fina
E o proceso de elaboración que seguiremos é o seguinte:
1. Lavaremos e cortaremos en lascas finas a cabaciña e a berenxena e en anacos os cogomelos.
2. Cubriremos, cunha cullerada de aceite, o fondo dunha fonte apta para forno.
3. Colocaremos na fonte unha serie de lascas de berenxena, de forma que queden un pouco superpostas unhas sobre as outras, formando ringleiras.
4. Botaremos un chisco de sal e alfábega ao gusto por riba de cada ringleira de berenxena.
5. Sobre a berenxena, iremos colocando lascas de cabaciña, tamén superpostas.
6. Botaremos un chorriño de salsa de tomate por riba de cada ringleira de berenxena e cabaciña, e sobre a salsa poñeremos un pouco de queixo relado.
7. Engadiremos outra capa de berenxena, sazonada con sal, e outra de cabaciña (desta vez sen superpoñer), con salsa de tomate por riba.
8. Sobre a cabaciña con tomate iremos colocando xamón cocido (cortando cada loncha de xamón lonxitudinalmente en tres, formando con cada anaco un cadrado do tamaño das lascas de cabaciña).
9. Enriba do xamón, poñeremos un pouco máis de cabaciña (media lasca sobre cada cadrado de xamón) e un chisco de tomate para decorar.
10. Se queda espazo entre as ringleiras, tamén botaremos salsa de tomate.
11. Cubriremos todo cos anaquiños de cogomelo e o queixo relado, antes de meter a fonte no forno onde cociñaremos durante uns 15-20 minutos, a 200ºC con calor por arriba e por abaixo (grill). E ao rematar ese tempo, a comer!
E se sobra (cousa improbable jaja) non vos preocupedes, porque sabe igual de ben, ou incluso mellor, ao dia seguinte, quentándoo no forno ou no microondas.