Resumo da actividade: ferramentas, metodoloxías e sesións de traballo
“Outras Coruñas” desenvolveuse ao longo de 4 sábados durante o mes de novembro de 2016. Foi unha actividade aberta á cidadanía en xeral co obxectivo de formar un grupo de persoas interesadas na creatividade audiovisual e de narrar unha historia diferente da cidade de A Coruña. A metodoloxía de traballo elixida foi o Vídeo Participativo, logo desenvolvemos un proceso formativo en técnicas de creación dixital e audiovisual ao mesmo tempo que traballamos nas dinámicas que promoven a participación social, a partir de historias contadas dende abaixo, nas que a horizontalidade, a diversidade e as diferentes identidades culturais que participan no proxecto son sempre as protagonistas do proceso.
O espazo para traballar foi o Centro Cívico Cidade Vella, nunha aula de distribución flexible con conexión WiFi, mesas móbiles, pizarra e proxector.
As catro sesións comezaron ás 10:30h da mañá e remataron ás 20:30h da tarde, cun descanso para o xantar entre as 14h e as 16h. As comidas faciámolas xuntas e así incluímos un espazo para a interacción social e lúdica, como parte do proceso grupal que desenvolvíase no interior da aula.
Na primeira sesión, fixemos unha actividade na que replicamos unha práctica do artista Rogelio López Cuenca: eliximos unha foto de Coruña ao azar e, individualmente, cada participante escribiu a historia que lle suxería esa imaxe. O obxectivo: facer unha primeira aproximación á subxectividade impresa en todas as narracións. Cadaquén veu unha historia diferente na mesma foto, pero todas estas historias son a mesma cidade. O resultado deste exercicio pódese ver aquí.
Despois, traballamos a linguaxe documental e iniciámonos na narrativa audiovisual. Como tarefa, retamos ao grupo a retratar o barrio nun Minuto Lumière: plano fixo, sen movimentos nin cortes, replicando unha proposta educativa que podedes consultar aquí. O resultado dos nosos Minutos Lumière está nesta ligazón.
Rematamos o día arrancando o guión do noso webdoc: primeiro falamos das historias que nos gustaría contar, despois agrupamos estas historias concretas en grandes temas (soidade, espazos públicos, amor, memoria...) Por último, traballamos na liña narrativa que podería unilas todas e comezamos a escribir o guión.
Para poder traballar máis aló das sesións presenciais do sábado, utilizamos a ferramenta PiratePad, na que íamos engandindo ideas, contidos, necesidades de produción...
Na segunda sesión, comezamos revisando o documento de PiratePad e as ideas compartidas para o guión.
Facemos grupos, repartimos tarefas e saímos a gravar. Para isto, utilizamos unha cámara dixital de fotografía (DSLR) e os nosos móbiles.
Gravamos durante a mañá e parte da tarde; cando chegou a noite, volvemos á aula para traballar contidos teóricos sobre especificacións técnicas da cámara e sobre linguaxe audiovisual.
O terceiro día, rematamos as gravacións que faltaban e, á tarde, fixemos unha introdución á edición de vídeo. Para rematar o día, comezamos a editar.
Editamos coa versión gratuíta de VideoPad e co Openshot.
E o último sábado que compartimos, adicámolo a rematar as montaxes. Despois, puxemos en común todo o que tiñamos e eliximos a narrativa para o noso webdoc.
Finalmente, dividimonos en grupos: deseño, web, vídeos e textos. Así, optamos pola ferramenta Atavist como plataforma final, combinada cun mapa de Google Maps e coas playlists e as anotacións de Youtube.
Aínda que quedan moitas cousas que arranxar e retocar, velaquí o resultado do noso traballo: https://outrascorunas.atavist.com/webdoc