TnO- Foi unha casualidade toparnos neste río de palabras. Onde choros e risas forman un todo. Inconsistente.
BrF- Non hai choro nin risa, xa. Hai conxestión e bágoas coma perlas nun espazo sen gravidade. Tan fermoso que sorrío.
TnO- Se non queda máis que un baleiro, entón, entenderás o porqué das miñas palabras. Ese vacío con sabor a ausencia a estas alturas sabe a sorrisos tolos e podo escoitarte entre as liñas.
BrF- É a casualidade, si, nunha das súas mil formas, mil corpos de suor e escamas. É o círculo da serpe o que nos trouxo aquí. O que nos deu o don da mirada. E quen es ti pregúntome a min mesma mentres me afasto tanto do meu centro que case xa podo tocarme. E quen son eu, e se hai diferencia...
TnO- Diferencia sería a distancia entre as nosas letras, que pelexan por achegarse. Só estamos dando voltas, sabes que ollando entre as túas curvas podo verme e se somos nós, tocándote podería atoparme. Agora mesmo es o meu centro. Localízame.
BrF- Semella simple o don da brúxula. Tan so apuntar na dirección que sinala e agardar que as ás alcen voo. Coma sen saber como siguen o rumbo os paxaros, coma sen decatarse de que as pupilas se derriten. Coma se for sinxelo busco cara adentro. Coma se for sinxelo atoparte na noite escura dos meus beizos.
TnO- Escura é a nosa noite, mais desta vez síntome acompañado. Serás compás entre as estrelas, marcando o camiño deste soñador. Experto en delinquir coas verbas, hoxe coma un neno te miro e sinto por vez primeira calor. Imaxino eses bicos e cada cabelo salta para sairse do meu corpo. Es real blancafror?
BrF- Non son real, non. A realidade non me presta tanto coma o soño esperto (ese soño, ou pesadelo, que se esgaza en soidade). Mais na irrealidade sinto a miña pel enmornecer o pensar na túa, compañeiro, e pregúntome por que paso soa cada inverno.
TnO- Es o que imaxinaba, agora o medo me afoga. Tantas veces imaxinándote, aí soa. Tantas veces quencéndome baixo as túas follas. Farás que olvide cada cor para visitarte en cada inverno. Farasme cantar ao teu carón para que sea bo ese soño. Está claro que xa nunca máis durmiremos sos.
BrF- A miña fiestra fica sempre aberta por se alguén se quere colar, pero agora, en canto entres, coido que a vou entornar. Fechada pra que non molesten, aberta para respirar. Alédame ter atopado alguén con quen poder falar do xeito que de tódolos xeitos éme o máis natural. Magóame, nesta noite, non o poder tocar. Pero tempo ó tempo, tempo ó tempo, que noutra noite será.
TnO- Entornada a fiestra, para que pase o ar. Ar que purifica, que enfría este corpo. Corpo, que tumbado na cama arde. Arde coa paixón desmesurada do sofoco de escoitarte, porque de ter sido xordo, aínda así escoitaría as túas palabras. Palabras que xa viven en min como a noite dos teus invernos. Por certo, finalmente e moi adentro, tocáchesme.
BrF- Toqueiche coma ti a min. Coa forza escura, incomensurable das palabras soas. Pero hei de engadir, por certo e finalmente, que gostaría de coñecerte.
TnO- Estas palabras que nos dedicamos crearon o noso mundo, tan ilusorio e fráxil coma a vida dunha flor en inverno. Se no irreal nos tocamos, no certo e verídico en canto nos distanciamos? Onde estás brancafror?
BrF- Estou na cidade na que nas ondas do mar veron ó amigo que eu busco, as ondas do mar de Vigo... se te veron non o sei. E onde é que a terra se perde nos ollos? Ha de ser lonxe do mar.
TnO- Eu biquei o mar cada día deste curso, respirando cada ola do paseo marítimo da cidade da Coruña. Mais son de aldea coma Balbino, entre Coruña e Santiago vivo. Canta terra hai entre nós Brancafror! :(
BrF- Existen os trens. Aves metálicas sen ás. A min gustábame moito ir neles, sentíame en movemento antes, cando estudaba en Compostela. Agora prefiro camiñar. Convídote a un paseo polo mar.
TnO- Queres camiñar con este vello á beira do mar? Xunto o mar de Vigo? E coa brisa falar dos desvaríos dun corpo escuálido? Serei inesperado e desilusorio para ti, posiblemente.
BrF- Inesperado e inoportuno como tódalas cousas boas de certo. O teu corpo escúalido xunto as miñas cadeiras anchas, tan anchas coma o mundo, pisando area. Xunto ó mar de Vigo, cando ti queiras, sempre que non che molesten a miña fala silenciosa e o fume ocasional do meu pensamento.
TnO- Nunca estiven en Vigo, polo que se ve máis dunha flor ten que nacer alí. En xaneiro, chegados os 26 e rematados os exames pensarei nese paseo xunto o mar de Vigo, en min xa tes un amigo. Podes chamarme Pablo, Brancafror.
BrF- Ó outro lado, Laura. Agardarei a que remates os exames mentres remato eu os meus. Entre tanto falaremos abondo agardo, de amigo a amiga, amiga a amigo, cando a noite sexa escura.
E así foi como se coñeceron, a 23/12/2015 e desde entón non hai día que non falen e non hai mes que non se vexan, se toquen e se completen.
Así nos coñecimos @brancafror. Seguro que xa estás sorrindo.