Retornos, conciliacións e outras loitas
Xa había tempo que non pasaba por aquí. Se me apurades, un ano. O ano do cambio. De súpeto, mudanzas, dentes, despidos e primeiras palabras se confunden nun todo. Pero se algo caracterizou estes últimos meses, foi a loita. A miña loita (de que me soa isto?) contra todo.
Neste ano vivín de forma cruenta a volta ao mundo laboral tras escasos cinco meses de permiso por maternidade. Neste proceso de reincorporación tocoume padecer ansiedade por separación (a min!), loitar pola lactancia sacando leite sentada nun wc da oficina, escoitar consellos non pedidos a nais que non daban peito ou a xente sen fillos. Tocoume facer horas de máis, rendir sen ter durmido a noite anterior, recibir queixas por solicitar permisos para asistir a cuestións de urxencia relacionadas coa miña filla, ser xulgada por persoas que consideraban que reincorporarme ao mundo laboral era un acto egoísta, ou ao contrario, que a “liberación da muller” pasaba por negar os meus instintos e loitar “coma un home” allea ao que aconteza de portas para fóra... e coma estas, máis.
Non foi doado tentar manterme fiel aos meus estándares de crianza tendo que deixar ao meu bebé de aínda non cinco meses en mans de descoñecidxs (ollo, tivemos a sorte de atopar a escola infantil coas profes máis riquiñas de toda Compostela). Non foi doado ter que entrar pola porta do traballo apretando os dentes mentalizándome de que todo o que fago, o fago por ela. Non foi doado ter que erguerme ás seis da mañá deixando un bebé de teta atrás, e saber que ata oito horas e pico despois non a ía volver ver ou ulir. Non foi doado lidiar con ese sentimento de culpa que me reconcome por querer ser nai a tempo completo e por querer ser a mellor versión profesional de min mesma.
Compaxinar ambas tarefas vivindo nunha cidade a 100km de calquera persoa que poida botar unha man resultou imposible. Así, durante este ano resentiuse todo: parella, traballo, vida persoal... e toca parar a reflexionar. Se cadra, é imposible telo todo. Si. É imposible telo todo sen axuda e sen comunidade. Sen tribo. Sen amigxs que boten unha man. E por que digo isto? Todas estas lamentacións teñen unha causa hoxe: mañá día 1 de setembro e o sábado día 2 ponse en marcha unha iniciativa a nivel estatal para visibilizar a través de twitter a necesidade de conciliar BEN. A idea é que durante esas dúas xornadas, ás 22h, empreguemos o hastag #MisionConciliacion coas nosas demandas. Co que desexaríamos que fose conciliar e non é. Porque conciliar non é que teña que pasar 8 horas sentada na cadeira dunha oficina mentres outra persoa disfruta de minutos da miña filla que nunca voltarán. Así é. Descubrir que dera os primeiros pasos na escola infantil, sen o pai nin a nai para velos, é algo que me rompeu o corazón.
Mais chegou o momento de deixar as queixas baldías. É o momento de loitar, aínda que para min xa sexa tarde, por aumentar esas estúpidas 16 semanas de “baixa” (que non estou enferma!), de equiparar á alza o permiso tamén para o outro proxenitor (ou persoa implicada na crianza), de fomentar o teletraballo nos casos nos que sexa posible (como xa están a facer algunhas empresas galegas implicadas no cambio de paradigma, coma Redegal), de poder alixeirar a carga dos avós, convertidos de súpeto en segundos pais na terceira idade, de entender que a crianza é en comunidade, en tribo, dende a casa e para fóra. É o momento de devolverlle a rúa ás familias, de esixirlle ao Estado que invirta en futuro, de plantarlle cara aos procesos de selección nos que preguntan de tapadillo se temos “cargas familiares” (CARGAS FAMILIARES!!!). Porque se nós non apostamos polxs nosxs fillxs, quen o vai facer? Porque se non cambiamos o modelo e miramos por elxs, por nós, estamos perdidxs.
Pequenas iniciativas coma a que vos presento, que vén da man das Madres Guerreras e conta en Galicia coa colaboración da Gaia dos Nenos ou das rapazas de Compostela Miúda, son primeiros pasos. Lembrade: 1 e 2 de setembro, ás 22h en twitter, #MisionConciliacion.
Eu, dende logo, penso sumarme. E vós?












