Aínda que poida soar un pouco raro o título desta entrada porque, como sabedes, para todos os nenos e nenas deste país o curso está xa rematado ou a piques de rematar, Violeta viviu o seu primeiro día de cole a semana pasada.
Porque un dos principais problemas da emigración é precisamente non dispoñer de avós que vivan na mesma cidade e que queden cos nenos o tempo que faga falta e, claro, se de súpeto che toca vivir unha semana con máis traballo do habitual, hai que buscar alternativas.
A nosa foi levala a un centro de ocio infantil e apuntala ao que eles chaman "ludoquepes" e a verdade é que tanto nós como ela quedamos encantados. Tanto, que decidimos pasar de gardarías e de historias e reservar praza alí para o curso que vén.
Despois disto, case que poderiamos dicir que, máis ca un comezo de curso, foi un ensaio para comezar o vindeiro, pero iso non quita que a nena vivise a súa primeira semana de cole anticipada.
Na miña opinión, levar o neno ou a nena a un centro deste tipo ten as súas vantaxes: non se paga matrícula, podes facerte con bonos mensuais ou por horas (pagas polo tempo que os leves), os prezos son moito máis razonables que os de moitas gardarías e non te esixen (como nalgunha que preguntei eu) comprar o chándal e o mandilón no Corte Inglés "exclusivamente" (isto mesmo chegaron a subliñarmo no papel da solicitude de dúas que fun mirar). Este en concreto, ademais, a nós vénnos estupendamete porque está no centro (ao ladiño do traballo de Elvi) e non funciona simplemente como "aparcanenos", senón que as monitoras (todas tituladas) realizan con eles talleres lúdicos, actividades dinámicas, ensínanlle a vestirse e a espirse, a comer…vamos, a ser autónomos, que é do que se trata nesta etapa.
Tamén nos gustou moitísimo (penso que para Elvi foi definitivo) o feito de que son un pouco "antichuches" (non podo dicir o mesmo dalgunha desas gardarías que visitei, que lle deron un chupachups a Violeta nada máis vela) e prefiren substituír as clásicas bolsas de lambetadas por un anaco de biscoito cando algún dos nenos está de aniversario.
En definitiva, que estamos contentísimos! E penso que Violeta aínda o está máis ca nós, que o primeiro día, en vez de chorar cando entrou, chorou cando lle dixemos que había que marchar.
Esta semana seguramente a levemos unhas horiñas máis e, logo, vacacións ata setembro, cando xa poderemos dicir que comezará o curso de xeito oficial.