Galiza, terra meiga
Dende ben neno, vin (e vivín) moitas situacións que a maioría da xente se nega a crer se llas contasen, como rituais en cruces de 7 camiños, conxuros, curacións con óleos aromatizados, animais espirituais, etc
Pola miña ruta habitual, do traballo á casa, a través do monte, sempre atopo xabaríns, raposos, esquíos... Pero fai un par de semanas, despois de sair to traballo, sobre as 23:30h quedei hipnotizado: un moucho grande voando diante do meu coche, a modo de guía ou, quen sabe, intentando avisarme dun perigo potencial. Quedei maravillado polo voo dese fermoso animal, pero non fixen máis caso. A semana pasada, ese suceso insólito volveu a acontecer. Esta vez dun xeito máis brusco, cruzando rápido por diante do coche, a altura do parabrisas. Frenei case en seco. O susto que levei púxome o corazón a mil e fíxome ir máis atento, máis desperto. E máis amodo tamén. ¿Foi un aviso? ¿Unha chamada de atención? O certo é que eu ía distraído, pero nesa noite non pasou nada.
Este luns pola mañá, ó máis puro estilo Destino Final, en décimas de segundo apareceron na miña mente imaxes dun accidente, coches esnafrados, cristais, sangue no asfalto... Levantei o pé do acelerador, agarrei con forza o volante e prepareime para o peor. Duas curvas máis adiante, un coche viña cara min polo meu carril e a moita velocidade. Por hábil que eu sexa ó volante, de certo que non tería evitado o accidente se eu non tomase en serio as imaxes que vin.
Podédesme crer ou non, pero foi tal que así como ocorreu. ¿Sorte? ¿Amuletos vikingos? ¿Maxia? ¿O moucho? ¿Espíritu guia? Non o podo explicar. So podo estar agradecido porque, unha vez máis, "algo" me alertou dun perigo. Seica non era a miña hora.












