Pechas as persianas co descender das pálpebras todos os días. Perdes un mundo enteiro que te precisa aí fóra.
Antes, escondías as razóns da cegueira entre os bucles do teu pelo crencho; e saías a rúa. Agora, agora só palpitas desde o teu acubillo; á retagarda.
Noutrora, decidiras converterte en boneca, sen te pintar os beizos.
Gañando con orixinalidade ás tendencias, ás modas, ás costumes de estilo, ás rutinas. Arestora, nin sequera te vistes con canesús e volantes que luzan ben cuns tacóns deses que estragan as pernas completamente.
Vai pouco tempo, notábaseche a clavícula e víanseche as moas con cada sorriso. Actualmente, non prendes a luz; non tes diastemas.
Mentres antigamente, unha maleta vella enchíase en cinco minutos para estares perdida cinco días, na actualidade, non hai morada na que acougues.
Non estás ben.
Representas a unha morea de xente que non ten sosego.
Intranquila, digo «ti» por non dicir «todas as persoas deste mundo». Por non falar en primeira persoa. Do singular.
Estamos perdidos. Na busca de algo que descoñecemos. Precisamos cousas que non teñen nome.
Desacougamos a nosa quietude cando desconfiamos do que perdemos de vista ao pechar as pálpebras continuamente para non secar o globo ocular. Cando algo (endexamais saberemos que) se nos oculta.
Coma parvos aos que lles choveu cartos desde sempre e non sospeitaron ata que comezou a precipitar, fortemente, coitelos. Así somos nós, intuíndo a adiviñanza que nin se nos formula. Somos nós, fechando as fiestras para que todo deixe de existir, para non ter razóns, para non ter medo.
E non haberá xanela tan medrada que nos ampare disto permanentemente.
Clara Vidal
Poema gañador no
XX Premio de Creación Literaria e Ensaio 2013
convocado pola Universidade da Coruña. Edita a Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña no 2014.














