“SEMPRE EN GALIZA" VI, Libro Primeiro (fragmento)
A esta fala popular, viva e gloriosa, os imperialistas chámanlle dialecto. Mais eu preguntarialles: “¿dialecto de que idioma? ¿do que vós chamades español?” De ningunha maneira, porque o idioma que vós impuxéchedes pola forza é un irmán menor do galego, “¿Acaso queredes dicir que é un dialecto do latín?”. Pois entón, chamádelle dialecto ó francés, ó italiano, ó rumano, porque tamén son fillos do latín e irmáns do galego.
E diríalles máis: “ Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espíritu dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galego das igrexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunais de xustiza e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencia, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”. (.......)
Un idioma no nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola predisposición psicoloxica dun pobo, que, en condicóns históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa una atentado á súa cultura peculiar. Mais os pobos teñen unha forza máxica, invulnerable, e por iso, as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poderán converterse en parásitos da cultura dominante; pero endexamais se deixan asimilar.
O problema do idioma de Galiza é, pois, un problema de dignidade e de liberdade, pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, lavando nas mans o ouro da nosa cultura (sabiduria manisfestada) para ofrendalo ó acervo espiritual da Humanidade.