Esta fin de semana convidáronnos a unha xantar castellano e tocounos levar a sobremesa. Non son moito de cociñalas, principalmente porque o mellor xeito de non caer nunha tentación é evitala. Aínda así hai 3 ou catro cousiñas que fago con máis ou menos xeito (ou iso din os que as proban), e as tellas son unha delas.
A receita foime entregada polo mesmo Enrique Castillo ante as miñas louvanzas por un inesquecible xeado de mandarina coa súa tella. Por desgracia, o manuscrito está perdido entre os feixes de receitas que se amorean pola casa adiante. Para a miña fortuna, publicouna no seu blog e xa ten unha entrada no meu evernote de onde nunca máis desaparecerá.
125 g de fariña de améndoas
Con boa ferramenta traballa calquera, e os ingredientes de calidade non afectan en menor medida. Eu fago o azucre glas e a fariña cunha thermomix, deste xeito acado unha fariña de améndoas cunha boa granulometría.
Tamizar a fariña triga e derreter a manteiga (serve o microondas). Preparar o zume de laranxa (ou mandarina se queres darlle outro sutil matiz).
Mesturamos todo nun bol ata ter unha pasta homoxénea. Introducir na neveira ata que compacte (eu fágoo o día anterior pero chega menos tempo).
Cando as queiramos preparar, quentamos o forno a 180º e botamos unhas petadiñas da masa sobre papel vexetal, sulfurado ou unha prancha de silicona. Estendelas ou non xa queda da túa man.
E non te separes do forno! Agora están feitas e un intre despois queimadas.
Esta pasta consérvase uns días polo que non tes que facer todas as tellas xuntas. De feito hoxe mesmo, vou preparar unhas poucas, aproveitando que imos utilizar o forno para preparar unha pescada nel.
Podes estendela toda nunha única prancha e logo, ir rompéndoa de xeito irregular que é moi fashion (ou era, haberá que preguntarlle aos de disquecool), ou ben deixa unhas petadiñas, que calor xa se van espallar. A da foto é feita dese xeito.
Na miña experiencia, as petadas pequenas son máis doadas de controlar, porque o complexo desta receita é a cocción e non a preparación. Os extremos tenden a queimarse e o centro a quedar cru, e é algo que se pode ver porque sucede en menos dun minuto.
Finalmente, se alguén quere darlles o efecto tella (para facer unha foto, porque senón penso que non paga a pena), hai que retiralas do forno, e cando se deixen tocar, pousalas sobre unha superficie cilíndrica (un vaso ou unha botella serven), e agardar a que collan consistencia.
Alguén se atreve? Que tal vos quedaron?