Galicia Confidencial consolídase como o primeiro diario electrónico en galego
Galicia Confidencial (GC) bateu recentemente as súas marcas de audiencia. Este diario alcanzou nestes meses intres de máis de 100.000 páxinas a semana, unhas 15-000 ao día.
Esta suba de audiencia permitiu a galiciaconfidencial.com superar a barreira do top 100.000 entre todas a páxinas do mundo, de acordo ao ranking de Alexa, a principal métrica en aberto de tráfico da Internet. Segundo a clasificación que realiza a revista electrónica Código Cero cos datos de Alexa, GC é, con bastante diferencia, o xornal dixital en galego máis lido.
No conxunto de webs de medios de comunicación escritos orixinalmente na nosa lingua, só a CRTVG recibe máis visitas que GC. De feito, GC ten máis tráfico que varias das edicións electrónicas de diarios en papel editados en castelán no país.
GC continúa a ser o principal referente na información política galega en Internet, grazas aos 14 anos de traxectoria ininterrompida marcada por unha liña editorial crítica pero independente de calquera partido.
A incorporación dunha sección de noticias de última hora é outra das causas de que GC estea a bater a súa marca. Estes novos contidos son posibles grazas a aumento da publicidade que acompaña a suba da audiencia e a axuda dos lectores a través do GCplus. O equipo de GC dá as gracias a lectores -con máis de 33.000 seguidores nas redes sociais- e anunciantes que permiten o paulatino crecemento deste medio.
Galicia Confidencial (GC) ofrecerá en directo os resultados das eleccións a medida que se vaian publicando na plataforma oficial. Na portada deste xornal iranse actualizando ao minuto varios infográficos que permitirán coñecer como evoluciona o reparto provisional de escanos no Parlamento de Galicia, o escrutinio e a porcentaxe global de sufraxios de cada partido.
Ademais, os infográficos permitirán acceder a datos máis específicos; tanto a nivel de provincia como para cada un dos máis de 300 concellos que hai en Galicia. Todas as cifras poderanse comparar cos resultados de hai catro anos, na eleccións de 2012.
GC reforza así a súa cobertura desta campaña electoral na que, fiel ao seu compromiso coa independencia e o pluralismo poltico, deu voz a candidatos de todas as principais forzas políticas. Así, entre outros, publicou entrevistas con cabezas de cartel de Partido Popular, PSdeG, En Marea, Bloque Nacionalista Galego, Ciudadanos, Compromiso por Galicia e Recortes Cero.
Galicia Confidencial (GC) publica dende esta semana unha nova sección, alimentada polos teletipos elaborados polo servizo galego da axencia de noticias de Europa Press, a maior axencia privada do Estado. GC é o primeiro xornal do país que oferce en aberto este servizo na lingua propia do país.
GC agradece o apoio dos seus lectores e anunciantes. O progresivo aumento da súa colaboración nos últimos anos permitiu a GC financiar a incorporación a nova sección. Ademais, permitu tamén adicar máis recursos aos seus colaboradores xornalísticos, que publican informacións propias. Os contidos propios seguirán a constituír o núcleo da información deste medio, comprometido dende hai 13 anos co xornalismo de investigación e a independencia editorial.
Cómpre sinalar que as informacións da sección de última hora aliméntase automáticamente cos noticias elaboradas polos profesionais de Europa Press. Polo tanto, estes teletipos non reflicten necesariamente a liña editorial de GC.
GC é o diario en galego máis lido da Internet. Con máis de 10.000 páxinas servidas cada día de media, suma xa os 33.000 seguidores nas redes sociais.
Galicia Confidencial xa forma parte dos libros de texto
Nos doce anos de historia Galicia Confidencial alcanzou moitas metas. Hoxe é o diario dixital en galego máis lido, sirve máis de 10.000 páxinas de media todos os días e ségueno máis de 30.000 persoas a través das redes sociais.
Malia a importancia destas cifras, son datos que non abondan para entender até que punto GC é parte da rutina cotiá de miles de galegos. Son detalles como a inclusión dun artigo deste xornal -en concreto unha reportaxe da nosa sección de Deportes sobre o triatleta Javier Gómez Noya- nun libro de texto os que permiten comprender o impacto de GC na realidade diaria da nosa sociedade.
Aquí vos deixamos a páxina do libro da Editorial SM para a asignatura de Lingua en primaria. Sen dúbida, unha das citas que máis ilusión nos fixo nestes doce anos.
GCtoday: comeza a campaña electoral máis retranqueira
GALICIACONFIDENCIAL (GC) ESTREA CANLE SATÍRICA EN COLABORACIÓN CON TEMPOS GALEGOS
Luns, 27 de abril de 2015.- GCtoday é dende hoxe a primeira canle de humor paródico dun medio dixital en Galicia. Galicia Confidencial, o xornal líder da Internet no idoma propio, e Tempos Galegos, a primeira revista dixital satírica da actualidade do país, colaboran xuntos nesta nova canle, accesíbel dende a portada de galiciaconfidencial.com .
Fotomontaxe do alcalde de Santiago vestido como un hipster, primeira imaxe de GCtoday
Un dos obxectivos de GCtoday e desdramatizar o debate político galego, que arestora está fervendo debido a proximidade das eleccións municipais do 21 de marzo. Con todo, GCtoday non se cinguirá exclusivamente a temas da actualidade política do país, senón que abordará tamén a axenda político estatal e internacional; ademais de outras cuestións de actualidade social, económica, etc.
Os contidos son elaborados polo equipo que actualiza Tempos Galegos, a primeira revista de actualidade satírica en galego. Nacida hai dous anos, Tempos Galegos conta xa con máis de 2.000 seareiros en Facebook.
GC é o diario dixital en galego máis veterano, con once anos de traxectoria continuada. Actualmente máis de 5.000 lectores consultan este xornal cada día e case 24.000 son seareiros a través das redes sociais.
GC lanza un novo portal especializado en emprendemento e innovación
GCEmprende.com
. Esta é a nova canle temática que acaba de abrir Galicia Confidencial (GC), un portal especializado en información económica que funciona como un suplemento da cabeceira principal. O obxectivo de GCEmprende é informar en detalle das novas oportunidades empresariais e os éxitos xa logrados por compañías galegas. Proporciona tamén información útil sobre como lanzar unha empresa, exportar e innovar no país.
O novo portal conta con financiamento do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo; da Deputación de Lugo e da Unión Europea através do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
GCEmprende abordará tamén cuestións de tipo macroeconómico de Galicia e publicará entrevistas cos principais axentes do sector. Algunhas destas conversas fornecerán unha canle específica de vídeo en liña.
Galicia Confidencial (GC) é o diario decano en liña en Galicia. En 2013 cumpriu o seu décimo aniversario. Nesta década GC converteuse en lectura obrigada para todos os líderes de opinión do país, como políticos, profesionais da comunicación, altos funcionarios e empresarios. Máis de 23.000 persoas sígueno nas redes sociais e máis de 40.000 consúltano cada mes.
Nestes once anos, GC medrou incorporando varios canais temáticos. En 2012 abriu GCtendencias, unha canle especializada en cultura, consumo e tendencias sociais. En 2013 estreou o GCdeportes; en 2014, GCagro e agora no 2015, GCEmprende.
GC aproveita estas datas para desexarlles a todos os seus lectores un bo Nadal, a pesares da mala situación económica que afecta a milleiros e milleiros de familias galegas.
Este desexo é especialmente sentido para todos os afectados polas preferentes, os desafiuzados, os parados, os que están a punto de perder o seu traballo ou aqueles que viven situacións de desesperanza.
O equipo de GC agarda que o vindeiro ano a cidadanía poida afrontar esta complicada situación de crise con unidade e determinación e que a clase política estea á altura das circunstancias.
O Galicia Confidencial tentará seguir adiante para contar o que outros calan ou ocultan por diversos intereses, tal e como ven facendo desde hai once anos.
O proxecto
O noso é un proxecto sen mecenas, nin axudas de colectivos políticos, sociais ou sindicais. É un traballo que, con moito esforzo, facemos coa axuda de lectores comprometidos a través do GC Plus e co soporte daquelas institucións, asociacións e empresas que confían en nós coma soporte publicitario.
Un dos nosos principios é a defensa do galego. E nese principio e con esa fin seguiremos loitando para, a pesar da mala situación que atravesa o noso idioma, o galego poida seguir tendo mil primaveras máis, tamén no Nadal.
Nós brindaremos cun chupiño de licor café a vosa conta ;-)
Galicia Confidencial (GC) cumpre once anos este outono. Grazas á confianza dos lectores, consolidámonos como a principal referencia da prensa dixital en galego.
Dende 2010, publicamos 19.516 noticias. Os usuarios rexistrados, máis dun milleiro, subístedes 201.346 comentarios. As páxinas vistas nos últimos anos superan os 15 millóns. Nas redes sociais, sodes 22.000 os que nos seguides.
Nacimos en 2003 como un blog para contar o que os grandes medios calan. Hoxe somos un xornal no que se publicitan as principais marcas e institucións do país.
Medramos mantendo a independencia. Investigando a corrupción, salpique a quen salpique. Sen estar atados por mecenas políticos, patronais ou sindicais.
Dependemos, sobre todo, dos usuarios que disfrutan do GCplus.
A cambio dunha pequena axuda, os gcpluseiros acceden en exclusiva a reportaxes de investigación e a promocións, como entradas para concertos.
Dende hoxe, os lectores que queirades botar unha man, podédelo facer tamén mediante este formulario de domiciliación bancaria para un ano de GCplus por 48 euros, 4 euros ao mes. Tamén podedes darvos de alta mediante tarxeta, transferencia ou Paypal.
Quedamos a túa disposición para calquera dúbida. Un saúdo en nome de todo o equipo que facemos GC.
Entradas para o Outono Códax Festival para GCpluseiros
Irma Thomas, Sonny Knight&The Lakers, Ray Gelato&The Giants … O Outono Códax Festival logrou reunir un cartel de luxo para a súa 4ª edición.
Haberá tres concertos na Sala Capitol de Santiago: o inaugural o 20 de setembro (Sonny Knight&The Lakers + TT Syndicate + The Lákazans), logo o 27 de setembro (a raíña do soul de Nova Orleans Irma Thomas + The Absenters) e rematará o 11 de outubro (Ray Gelato&The Giants + Hannah Williams&The Tastemakers + Mad Martin Trío) .
GC está a piques de cumplir once anos informando en galego. Seguimos a ser o diario máis lido en galego. Cada día, máis de 5.000 persoas se informan neste portal. Nas redes sociais superamos os 23.000 seareiros.
Ningunha destas cifras tería sido posíbel sen os GCpluseiros, os usuarios que coas subscripcións a GCplus contribúen ao mantemento desta fiestra de información libre. GC quere premiar a súa fideldade sorteando 3 entradas dobres para o concerto do 20 de setembro, 1 dobre para o 27 de setembro e 1 dobre para o 11 de outubro. Cada entrada dobre está valorada en 48 euros, prezo en taquilla.
Velaquí as normas do sorteo:
- GC e Raíña Productions sortean unha entrada doble para as dúas últimas actuacións do Outono Códax Festival (27 setembro: Irma Thomas+The Absenters; e 11de outubro: Ray Gelato + Hannan Williams + Mad Martin Trío). Para a actuación inaugural sorteanse dúas entradas dobles (20 setembro: Sonny Knight + TT Syndicate + The Lákazans).
- As entradas sortearanse entre os gcpluseiros, os usuarios suscritos ao GC.
- Os participantes deberán remitir un correo electrónico á conta "comunicacionarrobagaliciaconfidencial.com" co asunto "sorteo abonos outono códax festival" indicando tamén:
a) Co seu nome e apelidos completos.
b) O seu identificador de usuario como gcpluseiro
c) O nome das tres bandas galegas que forman parte do cartel
d) O concerto para o que aspiran obter as entradas.
- GC realizará o sorteo entre todos os correos recibidos até dous días antes do concerto. GC informará aos gañadores a través do correo electrónico facilitado e comunicará o seu nome a organización do festival.
- As persoas gañadoras deben dirixirse directamente á entrada principal da Sala Capitol, onde deberán identificarse co seu DNI ante o persoal de control de acceso ao recinto.
Gañadores do sorteo para o concerto do sábado 20: rfernandez, luxgallaecia e caterpillar.
Este ano celebramos o 25 de Xullo dun xeito moi especial. A Asociación puntoGAL escolleu a candidatura de Galicia Confidencial como unha das 93 webs que teñen a honra de ser pioneiros no novo dominio de internet para a cultura galega. Por iso, dende agora mesmo, pódese acceder a este xornal dende galiciaconfidencial.gal .
En total presentáronse 134 candidaturas, cando inicialmente só había 90 prazas de pioneiros. Un éxito de puntoGAL, quen "seleccionou aos 93 pioneiros segundo criterios de representatividade na sociedade, en función da contribución ofrecida ao lanzamento do .gal e garantindo que todos os sectores sociais estean representados".
Dende GC queremos agradecer a confianza de puntoGAL ao seleccionar a candidatura deste diario, o priemiro entre os que se editan en Internet en Galicia. E tamén a Dinahosting, pola axuda técnica e o seu soporte coa hospedaxe da web.
O .gal naceu para ser punto de encontro de toda a comunidade galega na Rede e GC, con dez anos informando inenterrumpidamente na lingua propia, é un dos referentes desa comunidade . O dominio servirá, ademais, para facilitar a identificación de contidos escritos na lingua propia do país e, polo tanto, para mellorar a audiencia dos portais en galego.
Os pioneiros que apostaron polo .gal temos a vantaxe de contar cun dominio propio dende este 25 de xullo. O resto terá que esperar até setembro, cando se poderán adquirir algúns dominios. Daquela será o turno dos propietarios das marcas e tamén haberá poxas para direccións especialmente apetecíbeis. Logo en decembro, o .gal comercializarase como calquera outro identificador dos que levan anos pola Rede, segundo informa puntoGAL.
O GCTendencias estrea vestiario e novo equipo. O medio cultural, dependente do GC, iniciará unha nova andaina con cambios no deseño e no equipo. A partir de agora, a xornalista galego-inglesa Ursula Neilson e o produtor Xosé Gago faranse cargo deste suplemento. As novidades inclúen, ademais, unha apariencia gráfica máis atractiva.
En canto ao novo concepto, o GCTendencias busca converterse nun dos medios culturais de referencia de Galicia. Para acadar este fin potenciarase a axenda cultural, agora máis destacada e completa. O obxectivo é construír unha axenda de eventos culturais a nivel galego con todo tipo de efemérides, dende pequenos concertos de bar a grandes actos institucionais.
O novo enfoque pasa por converter ao GCTendencias nun “medio inclusivo e plural, onde toda expresión cultural, artística e novidosa feita en Galicia teña cabida”, segundo comenta Ursula Neilson, a nova directora do GCTendencias.
“Entendemos a cultura dun xeito amplo. En Galicia están a facerse cousas moi interesantes, iso é o que hai que destacar desa vella e nova cultura e arte con aire fresco que se quere transmitir neste medio”, asegura Neilson.
Dita pluralidade verase tamén reflectida nun maior número de colaboradores que, sendo especialistas nos seus respectivos ámbitos, terán seccións fixas no GCTendencias, dendearte contemporáneo e branding, sexualidade, turismo ou gastronomía ata agresións urbanísticas.
O medio, susténtase coa publicidade dos anunciantes, o que garante a súa independencia e a súa calidade, xa que “o obxectivo é facer un medio atractivo para os lectores que provoque que as empresas queiran anunciarse nel”, en verbas do produtor Xosé Gago.
Unha presentación arroupada
O propio acto de presentación (o próximo día 30 de abril, mércores, ás 20:30 no Abastos 2.0 fronte ao mercado de abastos, Santiago) deixa patente esta visión integradora e inclusiva, xa que os diversos trazos da Cultura estarán da man arroupando ao GCTendencias. Gastronomía, literatura, música... Tamén a Historia e as lendas galegas estarán presentes.
Despois da presentación do GCTendencias María Soliña, a lendaria canguesa acusada de bruxería no S.XVII, fará aparición no Abastos 2.0. o xornalista Pemón Bouzas acaba de presentar un libro sobre esta figura fixada no imaxinario mitolóxico galego, polo que fará unha breve intervención para achegarnos a esta figura.
Pola súa banda, a cervexeira de Cangas Menduíña presenta a súa nova cervexa afumada, chamada tamén María Soliña en alusión á súa suposta morte nas brasas.
Ao rematar as intervencións o Abastos 2.0 e Menduíña ofrecerán unha degustación da cervexa con hamburguesas de vaca galega e patacas, todo a prezos populares.Cañas de María Soliña a 2€ (prezo habitual 3€), Hamburguesas a 5€ (prezo habitual 7€) e patacas a 3€. Así, quen o queira, poderá saír completamente ceado cun menú Premium por 10€ ou simplemente probar unha cervexa de primeira calidade, tirada de barril, a un prezo reducido.
Para o peche do acto, a cantante Alba María, convidada de honor, animará cun par de temas aos asistentes. Alba María vén de gañar o Certame de canción de autor en galego en Teo e é unha das promesas da música galega.
“A confluencia dunha cervexa artesá e un libro na figura de María Soliña no mesmo momento é unha casualidade marabillosa” sinala Xosé Gago. “Iso é xusto o que buscamos noGCTendencias: sumar esforzos, aunar. Parécenos moi bonito que conflúan no mesmo acto un libro, unha cervexa, ambos construídos sobre unha figura lendaria galega, e unha cantante novel á que lle auguramos moito futuro.”
A boa práctica de citar aos compañeiros doutros medios
O equipo que realiza GC agradece a todos os compañeiros que nos últimos tempos citaron algunas das nosas informacións. Compañeiros como, por exemplo os da Peneira, que publicaron unha das entrevistas da nosa nova sección GC Agro, ou os do programa Foro Aberto da Televisión de Galicia, onde GC acostuma a saír na sección de resume de prensa dixital, que presenta o periodista Pablo Acción.
No GC aplicamos a política de citar sempre as informacións dos outros medios que nos parecen interesantes, incluíndo o nome do informador cando a peza ten especial mérito. É unha boa práctica, que á maioría dos xornalistas lles gustaría poder seguir sempre. Lamentablemente, a miúdo non poden aplicala pola cultura vixente nas súas empresas, moi remisas a recoñecer a labor da competencia.
E agora que falamos de citas, tamén agradecemos a nosa presencia en Tempos Galegos, una publicación satírica dixital moi recomendable. Nos últimos anos os comentarios do GC melloraron moitísimo, grazas a políticas como a moderación permanente, unha lista de palabras bloqueadas e o baneo dos usuarios que reiteradamente violan as regras de publicación. Con todo, como ben reflicte a retranca de Tempos Galegos, os comentarios do GC siguen sendo un dos mellores lugares para tomar o pulso das liortas na vida política galega:
Atopan, no Galicia Confidencial, un troll do BNG que fala ben de Anova
GC estrea unha canle especializada en información agrícola
Este luns estreamos GCagro, unha nova canle de información especializada en noticias do sector primario. Algúns dos focos de atención de GCagro serán a discusión política sobre este sector e as novas fórmulas de negocio como, por exemplo, a agricultura ecolóxica.
Con este lazamento GC busca cubrir un espazo informativo baleiro, pois en todo o país non hai ningún medio de comunicación diario especializado na actualidade do sector primario. Unha entrevista co fundador dunha adega de sidra ecolóxica da Estrada que vende en Xapón e nos EE.UU. é o primeiro tema de apertura da nova canle.
Ademais, con este lanzamento GC completa a súa oferta informativa especializada, pois xa publica dende o ano pasado GCdeportes -centrado nos equipos galegos- e dende hai dous anos GCtendencias -focalizado en información cultural e de consumo.
GC é o diario dixital máis veterano do país, pois en 2013 cumpriu unha década en liña. Arestora conta con máis de 5.000 usuarios únicos diarios e case 20.000 seareiros nas redes sociais.
Miriades.net e Rosa de Corcoesto nas Encontro Galego de Educación Ambiental
O sábado 25 de xaneiro, en Santiago de Compostela, organízase o Encontro galego de educación ambiental. É unha iniciativa do Grupo de Investigación SEPA da USC, a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Educación Ambiental.
O obxectivo é reflexionar e debater sobre a situación actual da educación ambiental en Galicia, promovendo un espazo de lectura crítica atento ás novas liñas de traballo que se están a emprender.
Unha das liñas de traballo novidosas que se presentarán será Miriades.net, a nova plataforma de distribución de contidos en HD .
Miriades é unha nova ferramenta de distribución de contidos informativos en alta calidade. Miriades.net permite a distribución de vídeo e audio en HD e está deseñada para que plataformas cidadáns, como aqueleas que defenden o medio, poidan fornecer con material multimedia en alta calidade a telexornais, informativos de radio e medios escritos. Como mostra da potencialidade da ferramenta, en Miriades xa se poden descargar material informativo sobre o conflito da mina de Corcoesto, incluído un documental de 34 minutos.
Cada día centos de notas de prensa chegan ás redaccións, a maioría comunicados de institucións pero tamén notas de prensa de colectivos cidadáns. Sen embargo, as fontes que proporcionan contidos multimedia son moi poucas, e case todas institucionais. Miriades.net busca rachar este cuasimonopolio facilitando que calquera fono e poida colgar vídeos, fotos e audio de alta calidade para a súa descarga e reutilización por parte dos xornalistas. O público obxectivo de Miriades son os profesionais da información.
Na plataforma xa hai un pequeno documental sobre o proxecto da macromina a ceo aberto de Corcoesto (Cabana de Bergantiños). Ademais, tamén se poden descargar en formato HD os recursos dese documental (entrevistas planos de recurso, etc.) para que calquera televisión os poida editar ao seu xeito.
Dúas ducias de fotografías en alta resolución, cortes de audio das entrevistas e catro pezas escritas sobre o conflito mineiro tamén están dispoñíbeis en www.miriades.net para a súa reutilización.Unha bolsa iProx outorgada polo Colexio de Xornalistas de Galicia e Novagalicia Banco fixo posíbel o desenvolvemento de Miriades con unha axuda de 1.500 euros.
No desenvolvemento da plataforma colaboraron Xurxo Salgado (coordinación e produción), Manuel Vilas (redacción, fotografía e guión documental), Xosé Bocixa (filmación, edición e guión documental), Ozono Multimedia (deseño e programación) e Miguel Nuñez (fotografía).
Este domingo o equipo de Audiovisual do GC foise de estrea. Xosé Bocixa e Manuel Vilas foron convidados a Corcoesto para presentar un mini-documental sobre o conflito en torno a mina de ouro ao público máis interesado. É dicir, a propia veciñanza afectada.
A resposta da parroquia foi moi boa. O local local social da veciñanza de Corcoesto (a Escola de Cures, reconvertida tras pechar por falta de nenos) encheuse con varias ducias de veciños nun evento organizado pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños.
Dende GC queremos agradecer unha vez máis a colaboración da veciñanza para este documental, parte do proxecto Miriades.net, unha plataforma de distribución de contidos multimedia en HD lanzada grazas a unha bola iProx do Colexio de Xornalistas e Novagalicia Banco.
Agradecemento tanto aos cidadáns que están en contra da mina -en especial a Braulio Amaro por facilitarnos tantos contactos- como aos que están en contra, particularmente aos da Plataforma "Corcoesto Si, Mina Si".
Os membros desta plataforma deron a cara mentres outras fontes que estaban a favor do proxecto -a empresa Edgewater, o alcalde de Cabana e a Consellería de Industria, entre outros- preferiron non falar nun documental que se esforza por mostrar todos os puntos de vista sobre a polémica:
Neste sentido queremos agradecer tamén especialmente a presencia no evento de José Antonio Pose Mato, concelleiro do partido gobernante en Cabanas, o PP. Para o equipo do GC foi moi interesante o debate que se xerou despois da proxección entre o alcalde e os veciños sobre o papel dos poderes políticos locais na polémica tramitación da mina.
En Hollywood hai máis 'glamour', pero a nós gústanos máis Corcoesto, porque sempre nos fan sentir como na casa.
Facebook xa é, ademais, unha das principais fontes de tráfico á paxina web de GC. Neste ano 2013, Facebook está aportando ao noso xornal o 68% do tráfico que provén de fontes sociais e o 20% das visitas totais ao noso sitio web.
Segundo os datos demográficos das estatísticas de Facebook, o 58% dos seguidores de GC nesta rede son varóns e o 38%, mulleres (o 5% restante son seguidores cuxo xénero non foi identificado).
Por idades, predominan os seguidores entre 25 e 44 anos.
A inmensa maioría, 7.028, están xeolocalizados no Estado español e as cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Madrid son, por esta orde, nas que contamos con máis fans localizados por Facebook.
Do total de seguidores de GC nesta rede social, 2.285 apostan polo uso de Facebook en galego, é dicir, o 28,5% dos 8.010 fans que contabilizamos hoxe.
GC quere agradecer a todos estes usuarios a confianza depositada en nós e convídaos a que sigan apoiando a un xornal de información independente e en galego e aos demais medios en galego que existen na rede.
GC patrocina unha mesa redonda sobre os medios en galego na Facultade de Xornalismo de Santiago este venres que rematará coa música do grupo Herbens Consort. Representantes de PPdeG, PSdeG, Anova, BNG, Esquerda Unida, Compromiso por Galicia, Xunta de Galicia e Real Academia confirmaron a súa asistencia ao evento que comeza as 19:30 horas.
Asistentes
O mundo da política estará representado por deputados ou membros das directivas dos partidos PPdeG, PSdeG, Anova Irmandade Nacionalista, BNG, Esquerda Unida, Compromiso por Galicia. Do eido institucional confirmaron a asistencia o secretario de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
Foi un 28 de outubro de 2003 cando naceu este medio dixital. Daquela era o blog persoal do xornalista, e hoxe director do medio, Xurxo Salgado. Desde aquel primeiro post sobre as leas no Executivo de Fraga ata hoxe pasaron xa tres gobernos diferentes. Durante todos estes anos, xurdiron novos medios en galego e pecharon outros emblemáticos.
En Nadal de 2009, o GC deu un salto cualitativo técnico e informativo e duplicou a súa audiencia. Hoxe, o GC é un dos medios de referencia de políticos, xornalistas, funcionarios, empresarios ou estudantes e é o xornal xeralista en galego máis lido e máis veterano na Rede. Tamén é o sexto xornal on line galego logo das edicións dixitais de La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Opinión de A Coruña e o Grupo El Progreso, segundo o ranking de Alexa.
Equipo
Canda Salgado, colaboran a miúdo no medio Alberto Quián (responsábel de redes sociais), Xerardo Porto (deportes), Xosé Bocixa (vídeos), Xosé Manuel Fernández 'Hermanager' (humor e ilustración) e Manuel Vilas (desenvolvemento web e publicidade)
Na sección de Opinión deste medio participan ou teñen colaborado dirixentes políticos, destacados escritores e poetas, dirixentes sindicais e sociais, xornalistas, historiadores, arqueólogos, empresarios e cidadáns anónimos. Entre eles, o presidendente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o ex ministro de Fomento, José Blanco; o ex portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez; o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; o presidente do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro; a ex vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez; o director xeral de Xerais, Manuel Bragado; a ex deputada e líder do PSOE da Coruña, Mar Barcón; o ex senador Xosé Manuel Bouza; a eurodeputada do BNG Ana Miranda; o ex portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich; o ex líder de Converxencia XXI, Carlos Vázquez Padín; o ex deputado e líder da UPG, Francisco Rodríguez; o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber; o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; a deputada do PSOE, Marisol Soneira; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Xesús Veiga; o secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao ou o líder de CxG, Rafael Cuíña. Tamén xornalistas como Félix Soria, Valentín Carrera; activistas sociais como Lois Pérez Leira, Óscar Lomba, Fins Eirexa, Adela Figueroa, Carlos Callón, Miguel R. Penas, ou Carlos Morais; escritores como Francisco Castro, Henrique Arguindey, Juan Tallón, Sechu Sende ou Mariña Pérez e arqueólogos como Xurxo Ayán.
"Honestidade e transparencia"
Durantes estes dez anos, as informacións de GC foron críticas cos poderes establecidos —Goberno de Fraga, bipartito ou Executivo de Feijóo—, pero "sempre co obxectivo de tentar que a honestidade e a transparencia rixan os códigos éticos dos nosos gobernantes políticos e económicos". "A nosa intención non é buscar inimigos nin publicar informacións incómodas, senón dar a coñecer o que, como xornalistas, consideramos que os cidadáns libres deben coñecer", segundo se recolle nos obxectivos xornalísticos do GC.
Por iso, este medio apostou por potenciar a función social e humana das novas e por practicar un xornalismo liberado de intereses económicos, partidos políticos, sindicatos ou grupos de poder. "Xornalismo sustentable". Ese é o lema deste medio que puxo en marcha un sistema pioneiro en Galicia, o GC Plus, unha sección de noticias de investigación pechada e de pago para aqueles lectores que, realmente, confían nun xornalismo sen ataduras de ningún tipo e que contribúen de xeito anónimo e solidario ao mantemento deste medio.
Mesa redonda, música e viño
Para celebrar este aniversario, o GC celebrará un acto aberto na Facultade de Xornalismo de Santiago o vindeiro 8 de novembro, a partir das 19.30 horas. Entón terá lugar unha mesa redonda sobre o pasado, presente e futuro dos medios en galego en Internet no que estarán presentes Rocío Castro, primeira directora de Vieiros, medio galego pioneiro na rede; Marcus Fernández, coordinador de Código Cero, o xornal de ámbito científico e tecnolóxico máis antigo do país; Ubaldo Cerqueiro, director de Que Pasa na Costa, principal medio dixital da Costa da Morte, e o decano de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro. Coordinará esta mesa o decano da Facultade de Xornalismo Xosé Pereira.
A partir das 21.00 horas terá lugar unha presentación destes dez anos de traballo no GC a cargo de Xurxo Salgado e pechará o acto o grupo musical Herbens Consort con Felipe Rodríguez (frauta), Eliseu Mera (barítono), Carlos García Amigo (viola da gamba) e Diego Rojo (arquilaúde). Ao final do acto haberá uns petiscos e un viño.
O equipo de GC invita a todos os compañeiros e lectores a asitir ao acto.
Galicia Confidencial @gconfidencial - Tumblr Blog | Tumgag