Devorando o planeta, abastecendo o Estado
Non é difícil vérmonos como importadores de deterioración ambiental asociada á demanda exercida por outros territorios sobre os nosos recursos naturais. Un bo exemplo disto, de actualidade por causa da prórroga da concesión de ENCE en Pontevedra, é o emprobecemento da biodiversidade dos nosos montes debido á súa eucaliptización para a obtención de madeira de trituración coa que producir pasta de papel destinada á exportación ao resto de Europa. Mais esta é só unha das caras da realidade. En moitos casos é Galicia a que se sitúa no lado privilexiado, exportando destrución do medio a outros territorios dos que se abastece de recursos naturais, beneficiándose dun intercambio ecoloxicamente desigual. Algo que nos resistimos a ver.
Desde o blog Un claro no bosque temos abordado en diversas ocasións o consumo de materiais (alimentos, madeira, combustíbeis fósiles, minerais) en Galicia (1), suliñando a dependencia material externa dunha economía galega ecoloxicamente insustentábel e socialmente inxusta (tamén desde a perspectiva da xustiza global). E por non existiren datos dispoñíbeis na altura, mesmo fixemos un cálculo aproximado do importante déficit físico da balanza comercial galega, pondo en evidencia que a nosa estrutura produtiva e estilos de vida actuais serían inviábeis sen a importación masiva de recursos naturais procedentes doutros territorios, a miúdo situados no Sur Global.
O metabolismo socioeconómico
A economía ortodoxa, ignorante da nosa ecodependencia e cega perante os límites ambientais, preocúpase só polos fluxos monetarios. Porén, a economía ecolóxica pon o seu foco na “economía real-real”, estudando os fluxos de enerxía e materiais que atravesan o sistema económico. Este compórtase como se fose un ser vivo. Se estes inxiren alimentos e enerxía para vivir e excretan residuos, a economía usa enerxía e materias primas xerando residuos que acaban na natureza.
O enorme vacío de información sobre o metabolismo socioeconómico de Galicia vén de ser coberto en parte por un estudo dos economistas Xoán Ramón Doldán e Sebastián Villasante, profesores da Universidade de Santiago, integrado nun libro sobre o metabolismo rexional español no período 1996-2010, coordenado por Óscar Carpintero e publicado por FUHEM-Ecosocial (2). El metabolismo socioeconómico de Galicia, 1996-2010 é un estudo imprescindíbel para entendermos a Galicia de hoxe e o seu lugar en España e no mundo, a pesar do cal até agora ten pasado desapercibido.
Entre 1996 e 2010 as importacións galegas de materiais aumentaron máis dun 50%. Este incremento foi paralelo a unha diminución da extracción de recursos naturais en territorio galego. Xa que logo, a nosa dependencia material agravouse. Dous terzos das importacións son internacionais e o terzo restante interrexionais. Galicia ocupa o cuarto lugar no ranking español de importacións internacionais, por detrás de Cataluña e Andalucía e moi próxima ao País Basco.
Ao aumentar a dependencia material medrou tamén a deterioración ambiental externa causada pola economía galega. Ao importarmos materiais exportamos os custos socioambientais asociados á súa obtención. Unha deterioración oculta aos nosos ollos que cómpre considerar tamén á hora de avaliarmos o noso desempeño socioambiental. Algo que lamentabelmente non adoita acontecer, nin no noso país nin tampouco no conxunto de Europa, a rexión do mundo con maiores importacións netas de recursos naturais (3). Como xa se ten feito para o País Basco (4), sería moi interesante relacionar o metabolismo socioeconómico coa débeda ecolóxica xerada polas nosas importacións, analisando casos notábeis como o da extracción da bauxita en Guinea (para a produción de alúmina e aluminio nas fábricas de Alcoa), a minaría do carbón en Indonesia (orixe principal do carbón queimado nas centrais térmicas de Meirama e As Pontes) ou a actividade dos monster boats da frota pesqueira.
Unha economía exportadora con déficit físico permanente
En todo o período analisado (1996-2010), “o balanzo comercial físico da economía galega reflite unha economía netamente importadora”, debido sobre todo aos intercambios co estranxeiro. Case todas as comunidades autónomas españolas presentan un déficit físico, isto é, o peso das súas importacións supera o das exportacións, mais o déficit o galego é ben maior que o déficit medio español. O de Galicia ascende a 3,8 toneladas/habitante, fronte ás 2,2 de España.
Aínda que o conxunto da economía galega presenta déficit físico, este varía en función do tipo de materiais e do ámbito do comercio. Nos intercambios con outros estados, o déficit xérase maiormente no comercio de materiais abióticos (non renovábeis) e en menor medida, desde 1999, de semimanufacturados. Porén, nos manufacturados, de maior valor engadido, existe superávit físico en grande parte do período analisado.
Nos intercambios co resto do Estado español o panorama muda. Para os manufacturados existe sempre déficit físico, importamos máis toneladas deste tipo de materiais das que exportamos. Pola contra, para os materiais bióticos (renovábeis) hai sempre superávit (algo que resulta excepcional no comercio internacional). E no que atinxe aos materiais abióticos (non renovábeis), son deficitarios até 2003 e posteriomente altérnanse anos de déficit con anos de superávit físico.
O dobre papel da economía galega: manufacturas para o mundo, alimentos e enerxía final para España
A economía galega xoga un papel na economía internacional e outro diferente na española. Xoán Doldán e Sebastián Villasante sintetízano así: “industrias manufactureiras para o mercado mundial, despensa alimenticia e reserva mineira e enerxética para a economía española”.
No mundo, o papel da nosa economía, crecentemente internacionalizada, vén determinado pola importación masiva de materiais abióticos e semimanufacturados (combustíbeis fósiles, minerais metálicos, abonos, sementes oleaxinosas,...) e polo protagonismo de grandes multinacionais (Alcoa, Ferroatlántica, PSA Peugeot-Citroën, Inditex,...) en cuxa estratexia o noso país “é unha peza máis”. Empresas sen as que moi poucos, tamén na esquerda, imaxinan hoxe o porvir da economía galega. Mais, ¿nun futuro marcado pola escaseza de recursos naturais, en particular de petróleo, e polo imperativo de combater o caos climático, en que medida serán viábeis estas grandes empresas?. ¿Que papel xogarían nun modelo de produción sustentábel e xusto empresas que transforman minerais extraídos en países empobrecidos situados a miles de quilómetros do noso ou que representan o peor do sector téxtil en termos socioambientais?.
Dentro de España, Galicia fai parte do grupo de comunidades autónomas economicamente periféricas que abastecen as economicamente centrais, nas que se concentra a poboación e a actividade económica. A economía galega salienta no subministro de leite, carne, peixe (capturado en augas propias e, sobre todo, alleas), madeira de baixa calidade, semimanufacturas metálicas para a súa manufacturación noutros lugares ou enerxía dispoñíbel para o consumo final (electricidade e derivados do petróleo obtidos despois da transformación de recursos enerxéticos autóctonos e, maiormente, importados), “sen desprezar o seu papel de sumidoiro dos residuos contaminantes asociados a estas actividades, amén de soportar o seu impacto no territorio”.
O mito do excedente enerxético oculta unha forte dependencia externa fósil
Un dos aspectos nos que se observa mellor a división do traballo ecoloxicamente desigual entre comunidades autónomas españolas é na produción e no consumo de electricidade, aínda que, debido ás súas unidades de medida, enerxéticas e non de masa, non se recolle na análise do metabolismo socioeconómico.
Galicia, xunto con Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón e Estremadura, presenta un excedente notábel de xeración eléctrica a respecto do seu consumo interno, electricidade vertida á rede de transporte e distribución da que se benefician comunidades como Madrid, onde practicamente toda a electricidade consumida procede doutros territorios. Con todo, non está de máis sinalar que Galicia é, entre as devanditas comunidades, a que presenta un excedente menor (o 28% en 2010, fronte ao 76% de Estremadura) (5). Ademais, unha parte da electricidade xerada em Galicia expórtase a Portugal, se ben non toda ela se destina ao país veciño, pois pode acabar finalmente en España a través doutras interconexións entre os dous estados (6).
Curiosamente, o excedente eléctrico galego converteuse, para boa parte da opinión pública, nun suposto excedente enerxético. Até non é estraño referirse a Galicia como unha “potencia enerxética”. Un espellismo resultado de pór os ollos só nunha parte do balanzo enerxético. A diferenza do que acontece cos materiais, para os fluxos de enerxía que atravesan a economía galega si dispomos de información oficial: os balanzos enerxéticos anuais elaborados polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Se ademais de vermos as saídas dos balanzos enerxéticos (a enerxía final) nos fixamos tamén nas entradas -a enerxía primaria, isto é, os recursos enerxéticos a partir de cuxa transformación, por exemplo nas centrais eléctricas ou na refinaría, se obtén a enerxía final- comprobaríamos que, lonxe de sermos excedentarios, temos unha enorme dependencia enerxética (fósil), algo que debería desacougarnos profundamente nun escenario de crise global enerxética e climática con tendencia a se agravar. En 2012, último ano para o que se dispón de información, nada menos que o 84% da enerxía primaria usada en Galicia procedeu do exterior (7). Sen a enerxía primaria importada nin sequera poderiamos atender unha demanda interna de enerxía dispoñíbel para o consumo que medrou moito nas últimas décadas.
Un consumo material alto baseado en recursos non renovábeis
O consumo material interno (CMI) de Galicia é elevado, malia caer o 27% entre 2007 e 2010, até as 16,8 toneladas/habitante. Ao igual que o doutras comunidades españolas economicamente periféricas, é superior ao consumo medio español (12,6). Isto non significa que os padróns de consumo de Galicia sexan aínda máis insustentábeis e insolidarios (co resto do mundo e coas xeracións vindeiras) que os das comunidades con maior riqueza monetaria. Ten máis a ver coas limitacións do estudo, pois non puido incorporar estimacións dos fluxos ocultos das extraccións internas e das importacións de materiais (por exemplo, os estériles das minas ou a erosión do solo producida na obtención de biomasa). Se estes fluxos se incorporasen, reflitaríase toda a pegada material do consumo, e non só a directa, o que colocaría os territorios máis ricos á cabeza do ranking de consumo material, pois a maior capacidade adquisitiva maior consumo. E canto maior é o consumo, maior é a pegada ambiental.
Desde mediados dos anos cincuenta constatouse unha mudanza no consumo de recursos da economía española á que non foi allea a economía galega. Como en todos os países ricos, pasouse dunha “Economía da Produción” a unha “Economía da Adquisición”. Os recursos bióticos renovábeis –que supoñen unha verdadeira “produción” de materia vexetal no sentido físico e ecolóxico- perderon importancia relativa fronte aos recursos abióticos . Hoxe a economía apoiase na “adquisición” e consumo masivo destes recursos preexistentes non renovábeis (8).
Non dispomos de datos para Galicia anteriores a 1996, mais si podemos asegurar que, desde ese ano, esta tendencia insustentábel a basear o consumo en recursos non renovábeis proseguiu. Os materiais abióticos xa representan unhas tres cuartas partes do consumo total. Entre estes predominan os minerais non metálicos (fundamentalmente os empregados na construción e nas obras públicas), seguidos polos combustíbeis fósiles (carbón, petróleo, gas natural). No que atinxe aos minerais metálicos, gañaron importancia entre 1996 e 2010, incrementándose o seu consumo nun 40%. Dado que a extracción en Galicia foi nula durante ese período, todos os minerais metálicos procederon de “zonas de sacrificio” -como chama a escritora Naomi Klein ás áreas de extracción mineira- situadas fóra das nosas fronteiras (9).
Menor extracción no noso territorio, maior deslocalización de impactos ambientais
O fin provisorio da minaría metálica, ao igual que a desaparición en 2007 da minaría de carbón, debido ao esgotamento dos xacementos de lignito das Pontes e de Meirama, reduciu a extracción de recursos no noso país, deslocalizando totalmente os impactos socioambientais negativos asociados á extracción de minerais metálicos e de carbón, agora integramente soportados alén das nosas fronteiras por outros pobos. No caso do carbón queimado nas centrais térmicas de ENDESA e Gas Natural Fenosa podemos supor que esta deslocalización contribuiu mesmo a incrementar notabelmente os danos ambientais, pois a práctica totalidade do carbón importado procede de Indonesia, un dos países do mundo con maior biodiversidade, no que a minaría de carbón é unha causa importante de destrución da selva (10).
Entre 1996 e 2010 a extracción de materiais en territorio galego diminuiu o 22%. Algo no que tivo moito que ver, ademais do peche das minas de carbón, a crise da construción de vivenda e obras públicas, que fixo descender a extracción de minerais non metálicos (pedras ornamentais e da construción, areas e gravas, pedra caliza e xeso, pizarra).
Os recursos renovábeis supoñen un terzo da extracción interior utilizada de materiais. Salientan os cultivos forraxeiros e biomasa pastada – en consonancia coa crecente orientación gandeira do agro, que tamén demanda importacións de materiais como abonos, cereais e sementes oleaxinosas-, a madeira e os cultivos primarios – con tendencia decrecente no caso dos tubérculos e raíces e dos cereais, en aumento as froitas e hortalizas-.
A crise económica reduce as emisións e os residuos
Os materiais que usamos acaban por se transformar, máis cedo ou máis tarde, en residuos. A caída no consumo de materiais inducida pola crise económica traduciuse nun descenso da xeración de residuos, aínda que difícil de cuantificar polas sorprendentes carencias e contradicións das estatísticas oficiais. No que se refire, en particular, aos residuos urbanos, as estatísticas da Xunta e do Instituto Nacional de Estatística (INE) teñen chegado a discordar sensibelmente, se ben nos últimos anos tenden a converxer, coincidindo ambas as dúas fontes na redución deste tipo de residuos a partir de 2007.
As industrias son a orixe dun 70% dos residuos. A información sobre a evolución dos residuos industriais semella pouco fiábel, mais a súa notábel diminución desde 2007 é indubidábel. A maior parte dos residuos industriais proceden, por esta orde de importancia, da industria manufactureira, da construción e da produción e distribución de enerxía eléctrica, auga e gas.
Para as emisións de dióxido de carbono e outros gases causantes do cambio climático, ás que tamén se refire El metabolismo socioeconómico de Galicia, 1996-2010, dispomos de estatísticas oficiais desde 1990, as cais constatan unha caída das emisións entre 2007 e 2010. Como temos analisado en Un claro no bosque, esta redución foi debido tanto á menor actividade económica, como á diminución do uso do carbón na xeración eléctrica. Despois de chegaren a un mínimo en 2010, ano moi favorábel para a produción eléctrica renovábel, as emisións de gases de invernadoiro volveron medrar.
Vale a pena apuntar que a evolución seguida polos gases de invernadoiro, contaminantes globais, é diferente da amosada polos contaminantes de alcance máis local e rexional, con efectos tóxicos para o ambiente e a saúde humana. Así, mentres as emisións dos gases de invernadoiro apenas se recortaron desde 1990, os segundos si experimentaron diminucións significativas -aínda que insuficientes- a respecto de 1990, nomeadamente no que atinxe ao dióxido de xofre (SO2) e aos metais pesados (11). Ao noso ver, isto foi así porque as reducións destes contaminantes son moito máis fáceis de conseguir, ademais de seren socialmente máis demandadas, pois, en contraste cos gases de invernadoiro, os seus efectos negativos son inmediatos e locais.
Galicia é un país cun elevado consumo material e enerxético, deficitario en recursos e excedentario en residuos fronte ao resto do mundo. Un mundo inmerso nunha gravísima crise socioecolóxica no que certamente será cada vez máis difícil, e máis inxusto, soster o noso actual modelo de produción e consumo.
Sen unha transición ecosocial cara a un modelo económico moito menos devorador de recursos e moito máis baseado en recursos propios e renovábeis, que invirta as tendencias seguidas nas últimas décadas, o futuro semella ben sombrío, pois máis que os espellismos, falsos problemas e curtopracismos do presente nolo oculten.
1. Por exemplo, nas entradas O custo real do aluminio galego, Alimentos quilométricos para unha alimentación insustentábel ou Nin megaminaría nin megaconsumo.
2. El metabolismo económico regional español. Óscar Carpintero (director). FUHEM-Ecosocial. Madrid, 2015.
3. The global resource footprint of nations. Carbon, water, land and materials embodied in trade and final consumption calculated with EXIOBASE 2.1. A. Tukker, T. Bulavskaya, S. Giljum, A. de Koning, S. Lutter, M. Simas, K. Stadler, R. Wood. Leiden/Delft/Vienna/Trondheim, 2014.
4. Justicia Ambiental Global: impactos socio-ambientales de la economía vasca en el Sur. Leire Urkidi e Eneko Garmendia. Ekopol (Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Ecoloxía Política da Universidade do País Basco) e Ecologistak Martxan. 2012.
5. El metabolismo económico de las regiones españolas. O. Carpintero, S. Sastre, P. L. Lomas. Revista Ecologista nº 87. Inverno 2015/16.
6. Por exemplo, en 2014, ano ao que se refire o último informe sobre o sistema eléctrico español de Red Eléctrica de España, houbo unha exportación neta de 4.500 GWh desde Galicia a Portugal. O excedente eléctrico total galego dese ano ascendeu a 11.500 GWh. Nos intercambios de electricidade entre España e Portugal o saldo é positivo para España e a maior parte da electricidade española exportada a Portugal provén de Galicia.
7. 10.587 toneladas equivalentes de petróleo (tep) importadas sobre un total de 12.663 tep. A maior parte en forma de cru de petróleo e produtos petrolíferos (6.007 tep). O carbón, con 2.877 tep, segue a ter máis importancia como fonte de enerxía primaria que o gas natural, do que se importaron 1.547 tep. Os agrocombustíbeis achegaron só 156 tep.
8. El metabolismo de la economía española. Recursos naturales y huella ecológica (1955-2000). Óscar Carpintero. Fundación César Manrique. Lanzarote, 2005.
9. Como se apunta en El metabolismo socioeconómico de Galicia, 1996-2010, ao pecharen as explotacións de chumbo e cinc de EXMINESA en Rubiais (O Cebreiro, Lugo), a minaría metálica galega cesou a súa actividade en 1991, na que achegaba o 3,8% do valor da produción mineira galega, lonxe do 18,2% do ano 1975. “Non obstante, na actualidade existen varios proxectos promovidos por empresas estranxeiras que pretenden reactivar esta actividade sobre xacementos de ouro, wolframio, tantalio ou litio”.
10. Double jeopardy: Coal's threat to forests. Report by Mark Olden and Jess Neumann. FERN. 2015
11. Segundo os datos para Galicia do Inventario Nacional de Emisións Contaminantes á Atmosfera do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.