Os primeiros chícharos
Os primeiros chícharos do ano chegaron nunha manchea. Despois de debullalos e de brincar un rato co meu fillo e as cornellas, púxenme con eles na cociña. A voltas coa miña lideira dos puntos de cocción, e tras probalos crus decidín que era un crime cocelos. Así foi a preparación:
Un lixeiro branqueado (nin 30 segundos en auga a ferver seguidos dun arrefriado brusco).
Salteado cunha migalla de aceite, unha pouca cebola, allo e xamón ibérico, non máis tempo do que precisou para fundirse a graxa.
Malamente deron para un pinchiño, pero como sabían!
Para dicilo todo, esquecín botarlle un pouco sal. Unhas escamas de Maldon arranxaron o meu terríbel despiste.
Esta breve experiencia doume que pensar. As veces morremos por pratos aparentemente de grande categoría (coma o sobrevaloradísimo arroz con lumbrigante do que xa terei tempo de falar), e esquecemos que o sabor, o verdadeiro pracer, a diferenza entre alimentarse e comer, está neses pequenos produtos, tantas veces desprezados ou cando menos ignorados.








