David Fidalgo foi unha das moitas sorpresas agradables do Certame PLASTIKA17, un dos moitos artistas galegos contemporáneos que seguen a crear en condicións precarias, rodeados polo mito da periferia. Menciono isto porque David non é soamente novo, fresco e divertido, David é CONTEMPORÁNEO con maiúsculas, pertence a unha xeración que ten que loitar moito para non sentirse deixada de lado, pero que ao mesmo tempo dispón das ferramentas para facelo. Con isto refírome, a que a propensión de xeracións anteriores de artistas que tendían a marchar cara a cidade europea máis próxima coa escena artística máis aberta, está volvéndose irrelevante, en parte debido a prácticas innovadoras coma a de David. Temos moito que aprender de prácticas como esta e deixar de poñer etiquetas a todo.
É moi fácil chamar a David un artista novo, galego, que traballa principalmente no eido da animación, pero na miña opinión iso non é o relevante. Si, David é novo, pero a súa práctica é madura, máis alá da súa idade. É galego, pero súa terra parece ser a eterotopía dos medios de comunicación. Traballa moito coa animación, pero non está definido nin restrinxido por ela, é a súa ferramenta principal, pero a súa práctica esténdese moito máis alá.
Hoxe gustaríame invitarvos a ver esta exposición sen etiquetas, adentrádevos na estética de David e antes de darvos conta estaredes inxerindo as súas fortes mensaxes. Porque debaixo da pel rosada das súas personaxes, hai persoas que intentan gritarlle aos medios de comunicación, os cales levan toda a vida gritándonos, empeñándose en dicirnos quenes somos e que deberíamos estar facendo.
Moitas grazas David pola túa obra e por ser unha das sorpresas tan agradables de PLASTIKA17, un primeiro premio o teu, moi merecido.
Elena Bangueses















