Durante séculos a Alquimia foi a gran Ciencia. Ó contrario do que está a pasar estes días grandes reis e raíñas meteron unha morea de cartos no I+D representado por xente de toda caste e condición cun único obxectivo: transformar en ouro calquera tipo de material. Esa era a súa pedra filosofal. O secreto que perseguiron durante séculos e séculos.
E os grandes magos da época tamén cometeron erros na súa investigación. E onte, o igual que hoxe, tamén chos había mentireiros, capaces de dicir que xa acadaron o seu obxectivo; outros, que pedían máis cartos para acada-los obxectivos porque querían estafa-lo rei; outros, sinceros que dedicaron toda a súa vida a intentalo e nunca o acadaron. Por que?? A quen se lle conte que alguén nos seus días ía a pensar de verdade que se podía transformar unha pedra en ouro!!
Imaxinades o que podería ser hoxe en día, cos tempos que están a correr, ter o secreto para poder fabricar ouro!! Sen ter que ilo buscar as entrañas da terra e rirse destas tendas que proliferan hoxe en día de Merco Ouro!. Poderiamos poñer nos unha que fose algo así coma: Véndoche eu o ouro que queiras!. Pero claro, obviamente iso non é posible. Só nos queda, pois, a resignación.... ou tal vez non?.
Sempre estamos a falar de que a Microbioloxía ten moitas das respostas que andamos a buscar. Xa viñeron no noso auxilio outras moitas veces, xa nos deron os antibióticos, xa nos deron a produción dunha morea de produtos a través da biotecnoloxía. Se cadra tamén nos poden axudar en tempos de crise. Imaxinades o que sería? Ter unha bacteria capaz de producir ouro!! Iso sería a bomba!!!. Pero claro só estamos a soñar,... ou tal vez non?
Pois non amigos, non nos queda soñar non. Unha vez máis, confiar na ciencia, traerano-la resposta, que xa decía aquel outro que estaba no aire!. Unha bacteria alquimista! Iso, simplemente iso, é o que necesitamos pero non unha calquera non, so necesitamos a Delftia acidovorans, bacteria de difícil nome da que sabemos que gusta da compañía dos seus porque gusta de vivir formando biofilms. E nós xa sabemos o que son os biofilms pero e que os da Delftia sonche biofilms moi especiais. Están nas pebidas douro.
Sí, meus amiguiños, esta bacteria como aqueles novos ricos, gusta da ostentación e do luxo. Gusta dos ambientes dourados e recargados.
Pero o gracioso do asunto non é que exista unha bacteria capaz de vivir encima das pebidas de ouro, non. Tampouco é novidade que unha bacteria viva en comunidade e forme biofilms. Pero a novidade que ven de descubrir un equipo da Universidade McMaster de Ontario (Canada) é que a bacteria e capaz de recubrise de ouro.
Veredes o metal ouro nunha cantidade elevada é tóxico e o que realmente fai a bacteria é secreta-los ións de ouro que penetran no interior celular o exterior como se estivese bañada en ouro. A bacteria o que sintetiza realmente non é o ouro, senón unha proteína chamada delftibactin que se une os ións de ouro e os transporta cara ó exterior, de tal xeito que se acumulan no exterior e por unha simple cuestión química os ións buscan o estado enerxético máis adecuado que resulta que é formando partículas de ouro. Logo, estamos ante a bacteria dourada!
Eu xa estou a facer o conto da leiteira!! Eu xa vexo todo o que podemos facer!! Eu xa vexo todo o que nos estamos a perder por non investir en I+D!!!!
Se vos interesa o artigo orixinal: Nature Chem Biol http://dx.doi.org/10.1038/nchembio.1179 (2013).