DERRADEIRO VERAN CON DORA
“…non son feliz, mais estou no limiar da felicidade” (Franz Kafka, en carta ao seu amigo Hugo Bergmann, sobre a súa estadía en Graal-Müritz, no verán de 1923)
No East Ham Jewish Cemitery de Londres pódese ler na lauda dunha tumba: „Quen coñece Dora sabe o que significa o amor”. Esas palabras son de Robert Klopstock, médico e amigo de Franz Kafka, e a Dora á que fan referencia é Dora Diamant, profesora e actriz polaca, o derradeiro amor do escritor de Praga, a persoa que estivo onda el até ao final e que conservou algúns dos seus escritos últimos antes deles seren confiscados pola Gestapo en 1933. Como no significado do seu propio apelido, hai tamén algo diamantino e moi precioso para Kafka na presenza de Dora, algo que dá a cifra exacta, como se for un meteoro raro, a aquel verán acendido que era tamén unha despedida para o escritor, entre a doenza fatal, o desespero e un entusiasmo renovado e inconmensurábel.
Porque era o mes de xullo de 1923, na costa báltica, en Graal-Müritz, (distrito de Rostock), nun campamento para nenos da Europa do Leste, nenos refuxiados da Primeira Guerra Mundial que vivían en Berlín, un Berlín daquela frenético e xa corroído pola crise e a inflación. Alí traballaba de voluntaria unha muller nova de vintecinco anos, procedente dunha familia xasídica de Pabianice (Polonia), chamada Dora Diamant. Logo do final da I Guerra Mundial, Dora rompera coa súa familia e fuxira a Berlín para traballar alí de profesora infantil e mais como costureira nun orfanato.
(Dora Diamant, © Lask-Collection)
Aquel campamento de verán estaba situado moi preto da pensión "Haus Glückauf" de Müritz, a onde ese mes de xullo viaxara Franz Kafka, xunto coa súa irmá Ellie e mais os fillos dela, para se tentar recuperar dunha tuberculose letal e dunhas febres que non daban desaparecido. Ao chegar a Müritz reparou que, a pouca distancia do cuarto da súa pensión, se alzaba un predio de dous andares que acollía un campamento de verán para cativos desarraigados pola guerra, dirixido por unha institución denominada “Fogar do Pobo Xudeu”. Sabía dese proxecto, porque nas súas dependencias de Praga colaborara a súa prometida Felice Bauer tempo atrás.
Ao pouco, coñece unha moza de dezaseis anos chamada Tile Rössler, que se estaba a aloxar no campamento e que sabia de Kafka e da súa obra, porque na montra da libraría onde fixera unhas práticas como estudante expuseran o seu libro O Fogoneiro. Ela convida o escritor a xantar ás instalacións do campamento e alí sería onde coñeceu Dora Diamant. O encontro entre Dora e o escritor semellou concentrar toda a potencia dese amor que non capitula, toda a luz dun verán elexíaco que abre todas as xanelas cara ao mar e cara a vida. Dora vira Franz por vez primeira na praia, a xogar cunha crianza que pensou sería o seu fillo. Ao día seguinte, ela estaba limpando peixe na cociña do campamento cando notou unha sombra tras dela. Era o home da praia, que lle sorriu e lle dixo: “Unhas mans tan delicadas e teñen que facer un traballo tan sanguento!”.
(Foto de 1930 da pensión "Haus Glückauf" en Müritz)
Nas próximas tres semanas serían xa inseparables. Pasean pola praia, déitanse ao sol co vento mareiro, tecen con palabras e silencios esa materia interior e inmemorial que é o falar dos namorados. Franz axuda na cociña, xoga cos nenos do campamento, desfruta de escoitar a Dora ler en hebreo, matina xa na súa fuxida de Praga para se instalar en Berlín…Tempo despois Dora diría del: “Cando vin Kafka por vez primeira, decateime deseguido de que a súa imaxe se correspondía coa miña idea e concepción da humanidade.” Ao filósofo Felix Weltsch confesoulle que “vivir con Franz apenas un día valía máis ca toda a súa obra.” E Max Brod, o mellor amigo do escritor, dixo que Dora o perfeccionara, que, por fin, nesa etapa última da súa existencia, atopara a verdadeira compañeira da súa vida. Kafka sempre mantivera a tese de que a vida e a arte non eran compatibles, que non se podía ter ambas cousas, mais Dora foi a evidencia diáfana de que estivera enganado todo ese tempo.
Logo dunha estadía de tres semanas Kafka deixa o balneario de Graal-Müritz, aínda que xa acordara con Dora reunirse con ela máis tarde en Berlín para vivir alí xuntos, a pesar das tensións económicas e sociais que se vivían na capital alemá. Porque Berlín era daquela unha cidade enloquecida, con moreas de mendigos errantes, tolleitos da guerra por todos os cantos, anciáns que ficaran sen fogar, fileiras e fileiras de xentes á espera interminábel dun anaco de pan, sombras sen corpos e corpos sen esperanza algunha. Un territorio grotesco de padecemento e incerteza, onde as persoas chegaban mesmo a ir facer a compra con carretillas cheas de cartos.
(Franz Kafka en 1923)
Para Franz e Dora a vida en Berlín tampouco foi sinxela. El recibía unha pensión en coroas checas do seu antigo empregador, mais o diñeiro chegaba a Berlín desde unha conta en Praga coa intermediación dos seus pais, de xeito errático e escaso para Kafka. No entanto, a pesar da precariedade material e da doenza, o escritor estaba ben feliz coa nova situación, xunto a Dora (era a primeira vez que vivía xunto a unha muller), lonxe daquela canga de Praga da que sempre se quixera desprender.
Primeiramente, a parella aluga un cuarto ben situado, mais aos dous meses deben deixalo por constantes discusións coa caseira, quen lles reclamaba a cada pouco un alugueiro maior. Sobre isto escribiría Kafka: “Alugáronme o cuarto a finais de agosto por 4 millóns ao mes e hoxe custa ao redor de medio billón”. Múdanse logo a un apartamento na Grunewalstrasse 13, na vila dun médico, mais os namorados tampouco se podían permitir aquela vivenda. Así, en febreiro de 1924 e cun Kafka xa moi enfraquecido pola tuberculose, mudan novamente de casa e vanse para un andar máis económico, en Zehlendorf, alugado pola viúva dun escritor.
No entanto, a situación faise aínda máis precaria, pois o crecente deterioro na saúde de Franz esixe cada vez maiores gastos médicos. Max Brod alerta do estrago físico do escritor ao tío deste, o Dr. Siegfried Löwy, quen consegue finalmente que Franz parta de seguido a Praga - un 17 de marzo de 1924 - onda a súa familia. Dora ficará en Berlín. Aquela liña de fuga concibida nos días altos do verán do Báltico escurece de vez, para sempre.
(Max Brod en 1964, © Max Brod Archive/The National Library of Israel)
Así comeza, pois, un capítulo xa sen a luz suntuosa de xullo, un relato cruel de sanatorios e desvelos, inzado de días como estacións término. Ao seu regreso a Praga, a familia procura con desespero unha clínica que lle poida salvar a vida a Franz. Nun primeiro momento barállase a opción de Davos, mais é rexeitada porque non poden obter visados de entrada en Suíza. Por fin, atopan unha praza para el no sanatorio “Wienerwald” en Pernitz, unha pequena localidade na Baixa Austria, a 70 km de Viena. Entrementres, Dora regresara de Berlín o 5 de abril para estar ao seu carón. Sen embargo, un exame revela que a tuberculose se espallara xa á larinxe de Franz e que o sanatorio non estaba equipado para poder tratala.
Trasládase o doente ao Hospital Universitario de Viena, onde traballaba o Dr. Markus Hajek, un reputado especialista en doenzas pulmonares (operara a Sigmund Freud do seu cancro de padal en 1923). Os motivos non están totalmente claros, mais Franz e Dora deciden abandonar ese hospital a pesar das protestas do Dr. Hajek e deciden trasladarse ao sanatorio do Dr. Hugo Hoffman en Kierling, ás aforas de Viena, moito máis modesto que o anterior, pero que á parella lle resulta máis acolledor e flexíbel nas súas normas internas (no Hospital Universitario de Viena soamente se permitían visitas durante dúas horas ao día, como máximo). Ademais, nese sanatorio Dora dispuña tamén dunha habitación para ela, polo que ficaría alí, para coidar día e noite de Kafka.
Un reloxo de area maldito, colocado entre Franz e Dora, aceleraba a medida do seu deserto. A tuberculose avanzaba implacábel e Kafka xa non era quen de comer nin falar. Daquela, o escritor proponlle matrimonio a Dora e mesmo lle escribe unha carta ao pai desta para que lle dea o seu consentimento, mais o pai non llo dá. Nas últimas semanas, Robert Klopstock, bo amigo de Praga, trasládase a Kierling para axudar a Dora nos coidados do doente. A comunicación apenas é posíbel xa por medio de pequenos anacos de papel.
(Foto de 1960 dunha das entradas ao sanatorio de Kierling, na Baixa Austria)
Ás catro da mañá do 3 de xuño, Dora, que pasara toda a noite en vela ao carón do leito de Kafka foi correndo alarmada ao cuarto de Robert Klopstock dicíndolle que Kafka xa case non podía respirar. Logo de varias intervencións, o médico que acudiu de urxencia, non consegue mellorar o seu estado. Así, como para tentar evitarlle ser testemuña do que era xa inminente (e tamén dun suposto pacto entre Klopstock e o escritor), dinlle a Dora que vaia enviar unhas cartas á oficina de correos. Parece ser que Kafka lle pedira ao seu amigo que, chegado o momento, lle suministrase morfina abondo como para rematar coa súa vida. Agora esixíallo. Este episodio non está totamente contrastado, mais dise que os dous amigos tiveron mesmo unha discusión, porque Kafka pensaba que Klopstock non lle estaba a inxectar a cantidade certa de morfina.
Segundo esa versión, Kafka diríalle ao seu amigo cunha voz case imperceptíbel: “Mátame ou serás un asesino”. Pouco despois, deste xeito, falecía Franz Kafka no sanatorio de Kierling. Cando menos segundo o relato de Max Brod, quen posteriormente falaría con Klopstock sobre o acontecido. No entanto, hai unha crónica algo diferente daqueles derradeiros instantes na vida de Kafka e que sería publicada en 1953 no xornal alemán Tagesspiegel por Willy Haas co título de ‘Os derradeitos días’. Uns vinte anos despois da morte de Kafka, Haas entrevistou unha enfermeira do sanatorio que tamén estaba presente na habitación do moribundo aquel día. En palabras da enfermeira, Kafka ficara durmido logo da inxección de morfina cando, de súpeto, acordou e comezou a chamar por Dora. Enviaron unha camareira, quen logo deu con Dora, pois a oficina de correos estaba preto de alí. Sen folgos, Dora correu cara ao leito cun ramo de flores e termando delas perante ao rostro do escritor, aparentemente inconsciente, rumoreoulle: “Franz, olla que flores tan fermosas, úleas”. Entón, segundo o contado por aquela enfermeira, “o moribundo incorporouse de novo e uliu as flores. Non se podía acreditar. E foi aínda máis incríbel que o seu ollo esquerdo se abrise de novo semellando estar vivo. Tiña uns ollos radiantes e marabillosos…”
A segunda versión do pasamento de Franz Kafka, entre o aroma dunhas flores cara ao fin daquela primavera de 1924 en Kierling, deixa, finalmente, unha nota doce, como de absolución calma, a tantas tribulacións e a tantas feridas. Lonxe ficaban xa o espanto perante o pai, as fuxidas dunha raíz para as que non atopara un nome certo, as obsesións e os días absurdos de Praga, que eran días como peixes temibles, nocturnais; lonxe ficaban o desexo taciturno e estragado, a materia inexcusábel do conflito, as mulleres perdidas como unha liña abrasada do horizonte, a vontade de ser un pel vermella, todo…Mesmo as palabras, mesmo elas. Toda a coraxe por se atrever a entrar en nós como, tal vez, non fixera antes ninguén na literatura do século vinte. Todo iso ficaba lonxe. Apenas quedaban aquelas semanas de verán á beira do Báltico e o amor de Dora como unha avalancha que nada puido deter.









