Ti tamén fuches un microbio.
Moitas veces hai que escoitar leccións de vida que explican amablemente os procesos de superioridade de algúns con respecto a outros, dalgunhas disciplinas científicas sobre outras, de que a ciencia aplicada é mellor que a básica, que a cultura en tempos de crise ten que ser recortada,... e así ata o infinito e máis aló, coma Buzz Lightyear. E por suposto, organismos superiores en contra dos organismos inferiores. Ben, chegados a este punto creo que deberiamos revisar conceptos, porque todo é cuestión de concepto... Xa o dicía Manquiña.
Como xa vos comentei algunha vez, para min non hai Ciencia aplicada e Ciencia Básica, só boa ciencia e mala ciencia. Non hai Ciencias mellores que outras porque dan unha aplicabilidade meirande. A Cultura non é prescindible nin a Ciencia debe sustituíla porque o maquiavélico é tratar de enfrontalas... e sendo sinceros non sei cantos dos que nos denominamos científicos conseguiriamos superar un cara a cara con algún membro da cultura.
Normalmente cando falamos de organismos superiores, na visión máis simplista do asunto realmente superior, superior, só o home, cun pouco de sorte imos abrindo o termo, e pensamos tamén nos monos..., ou nos mamíferos. Por suposto, xa de falar de sapos, víboras, e demais... e tratalos en igualdade de condicións, empeza a custarnos no maxín popular, e xa necesitamos dun profesional que nos diga que si, que son organismos superiores... logo xa case, case só nos quedan os pequenos organismos que nos adoitan ter ocupados semana tras semana por estes lares. Home, se a clasificación é por tamaño, obviamente inferiores son... pero eu non me considero mellor que ninguén por ser máis alto. Se a clasificación é en base o desenrolo do sistema nervioso, obviamente perden as bacterias e os fungos ... porque non é que teñan nervios de aceiro, é que simplemente non teñen. Se falamos de eficacia, sen embargo, deberían gañar os virus porque haber quen é capaz de sobrevivir coma eles... sen dar pau a auga, sen medios propios,... simplemente aproveitándose doutro,.. home!, quizais aquí todos poderiamos dar algún nome de persoa. E se falamos de produtividade tamén se podería pensar nunha morea de bacterias máis produtivas que moitas persoas. Eu tamén lembro das miñas clases de lingua, que se cando a profesora che pedía amablemente que definises algo, e a ti se che ocurría empregar a palabra a definir na definición, pois a muller non o consideraba moi positivamente.
E como podemos considerarnos logo superiores a algo que forma parte de nos mesmos?
Está a piques de facer un ano que finou Lynn Margulis. Esta muller foi una das maiores científicas e microbiólogas e a principal impulsora da Teoría do Endosimbionte. E iso que é?. Pois é o suficiente para que non debamos considerarnos superiores a ninguén porque as bacterias forman parte da nosa mesma esencia e orixe.
Para irnos entendendo dividamos o mundo en dous tipos de células: procariotas e eucariotas. A bote pronto diremos que as procariotas son as bacterias e non teñen un verdadeiro núcleo, teñen o DNA mesturado co resto dos compoñentes celulares. As eucariotas pola contra teñen un núcleo de verdade, separado do resto por unha membrana, como cando dividimos unha finca ó facer as partixas (se hai algo que partir). A partir de aí tamén podemos falar de células eucariotas animais, as que forman parte dos animais, e as células vexetais, que che son as das plantas. Pois o que di a teoría do endosimbionte é que as eucariotas proceden das procariotas, propón que as células se foron agrupando e asociando para conseguir avantaxes mediante relación simbióticas, xa o dicía algún concursante de Gran Hermano. O primeiro que pasou foi que se tivo que organizar unha membrana ó redor do material xenético dunha bacteria dando lugar o primeiro núcleo diferenciado. A continuación, esta célula puido unirse a outra que aportou a capacidade de incorporar o osíxeno e a respiración. Foi o orixe das mitocondrias. As mitocondrias son as responsables de que as nosas células poidan consumir osíxeno e tamén as que producen os radicais libres (os das cremas anti-arrugas). As mitocondrias, aínda hoxe, teñen o seu propio material xenético e divídense independentemente do núcleo celular. Ben é certo que perderon a súa independencia e agora so poden vivir dentro da célula eucariota. No caso das células vexetais a incorporación máis destacada foi a dos cloroplastos, que son organulos específicos das plantas que fan posibles que estas poidan respirar e fixar o dióxido de carbono. O igual que no caso das mitocondrias, os plastos teñen o seu propio DNA, divídense independentemente e tampouco son agora capaces de vivir fora das células eucariotas. Tamén fixo falta que se incorporara outra bacteria que dese lugar os peroxisomas, que son os encargados de face-la limpeza no interior da célula. Os peroxisomas perderon todo o seu propio DNA a diferenza dos outros orgánulos. Realmente o que se cree é que estas antigas bacterias transferiron parte do seu DNA ó núcleo da célula de aí que agora sexan dependentes e incapaces de sobrevivir fora da célula eucariota.
A día de hoxe hai moitos argumentos que refendan esta teoría e os científicos tratan de poñerlle nome as distintas bacterias implicadas nos distintos pasos, que foi o orixe das mitocondrias, quen o dos plastos etc... e incluso revisión das teorías. O grande acerto de Lynn Margulis foi que presentou a súa teoría referendada por unha morea de probas bioquímicas e xenéticas. Logo, boa ciencia, como por exemplo o tipo de división que sofren mitocondrias e plastos, que é coma o das bacterias, a presencia dalgunhas estruturas típicas de bacterias dentro destes organulos.
A partires da aparición das células eucariotas, estas foron capaces de organizarse en tecidos, en órganos, en corpos, ... en organismos superiores ...
pero como podemos considerarnos superiores de algo que forma parte de nos mesmos?
L. Margulis (1967), "On origen of mitosing cells", Journal of theoretical biology , 14 (3): 225.
L. Margulis (1975), Origins of Eukaryotic Cells. Yale University Press, New Haven.
L. Margulis (1981). Symbiosis in Cell evolution. Freeman, New York. L.
L. Margulis (1992), Symbiosis in Cell Evolution: Microbial Communities in the Archean and Proterozoic Eons, Freeman, New York.
L. Margulis and D. Sagan (2001). «Marvellous microbes». Resurgence 206: pp. 10–12.