Este Nadal, Micronova para todos
Estes días tiven a terrible experiencia de atravesa-lo lineal dos xoguetes dun centro comercial. Foi moi duro porque a pesares de que a crise chama a tódalas portas e este ano hai aínda menos cartos que o ano anterior, aquelo estaba ateigado de xente intentando busca-lo xoguete desexado, ou busca-lo xoguete máis barato. E só a min se me pode ocorrer intentar atalla-lo camiño cara a panadería cruzando polos xoguetes.
Quizais compra destacar que son unha desas persoas nas que o espírito do Nadal non está moi arraigado; tamén eche certo que para min o Nadal iniciase o día que no supermercado atopo a primeira peza dun coñecido turrón de chocolate, e finaliza o día que remato de comela. Isto fai que o meu Nadal se vexa reducido a un par de días normalmente no mes de Novembro, aínda que cada ano o adiantan un pouco máis e ó mellor remato celebrándoo un ano en Xullo.
Pero, xa que andaba por alí, botei un ollo que nunca se sabe o que lle pode acabar pedindo unha o Apalpador. Mirando, mirando, vin moitos xogos de mesa, na súa meirande parte relacionados con programas de TV; vin unha morea de bonecas de dimensións faciais imposibles; vin unha morea de xoguetes que non sabería moi ben coma definir e botei de menos cousas. Por exemplo, onde andaba o Cheminova? O Meu Primeiro Telescopio? ou... Cousas que che facían desexar chegar a casa e intentar un par de explosións antes de merendar; ou mira-las estrelas despois de cear...
De nena fun tan apaixonada dos libros dos “Jovenes Castores” e os experimentos que neles se propoñían, coma sufridora das consecuencias en forma de reprimendas cando as cousas se saían, un chisco, dos cálculos inicias. Non sei se a miña vocación coma científico se desenrolaría de ter tido outros xoguetes, ou se non houbese dedicado o meu tempo a segui-las aventuras dos tres sobriños de Donald. O mellor seguindo as aventuras dos Cinco, rematase coma CSI; ou coma cirurxián por desmembrar toda boneca que caía nos meus dominios, aínda que iso tamén podería relacionarse con asasino en serie. Vaite ti saber!.
Pois o outro día, no corredor dos xoguetes, eu botei de menos estes xogos, como levo moito tempo botando de menos libros para nenos que lles conten as marabillas da ciencia e lles amosen como mancharse as mans e conseguir abraiantes resultados. Por suposto direi que non estou disposta a repetir a xogada e voltar a entrar no corredor dos xoguetes, porque seguro que algún hai, e tamén libros, o problema é que non son doados de atopar. Polo tanto, nun intento de xuntar o fomento da Ciencia, e tirando para a casa da Microbioloxía, entre os máis pequenos, cos axustados presupostos do Apalpador, Papa Noel ou Reis Magos para xoguetes, xunto co espírito austero que nos recomenda o noso Goberno, eu propoño que o agasallo estelar este Nadal sexa un Micronova, e aínda por riba, feito na casa.
Vexamos que cousas necesitaremos; tamén teremos que decidir que cousas irán incluídas na caixa do xogo, e que cousas non, porque aínda que sexa caseiro teremos que darlle un acabado bonito para competir coas Monster non sei quen ou os que viven no fondo do mar.
O seu sería xa que imos falar de Microbioloxía que no kit viñese un microscopio. Isto obviamente vainos subir costes, e facelo nos mesmos pode resultar especialmente complicado pero podemos conseguir algún do tipo “Mi primer microscopio” barateiro e que será suficiente para unha primeira aproximación. Se despois o neno quere, que aforre para mercar un mellor.
O primeiro será decidir que bichos metemos no paquete. Non podemos regalarlle nada tóxico, nin perigoso, nin que sobre todo o rapaz ou rapaza sexa capaz de desencadear un ataque biolóxico, aínda que algún o mereza. Eu poñería un pouco de Saccharomyces cerevisiae, que che é un fermento moi apañado que serve para facer viño, cervexa ou pan. Oé! Que non sae científico? Pois sairá panadeiro. De onde a sacamos? Isto é doado... en case calquera supermercado venden fermento natural, esa que está a 4 ºC, ou ben podemos ir a unha herboristería e mercar fermento de cervexa. Xa temos un.
Logo agora poderiamos meter na caixa unha bacteria. E. coli eche moi socorrida pero tamén pode ser perigosa. Logo terémola que rexeitar. Eu propoño botar un Streptococcus thermophilus ou un Lactobacillus delbrueckii subsp. Bulgaricus ou un Lactobacillus delbrueckii subsp. lactis ou se nos poñemos moi probioticos un Bifidubacterium lactis. Estes a maneira máis doada de acadalos será a partires dos postres lácteos que tedes en calquera supermercado. A verdade é que ignoro se o venden nunha herboristería ou tenda especializada para poder facer iogur na casa. En calquera caso, so o temos que illar do iogur, botando un pouco de iogur sobre un pouco de medio de cultivo e facendo que medre. Outra opción é mete-lo iogur no noso kit, e que o destinatario intente illa-lo bicho. Pode ser ata máis interesante. Porque obviamente, que nos iogures había microbios tódolos que somos da xeración das iogureira e os iogures feitos na casa, xa sabiamos da posibilidade de usar un para obter outro.Como tampouco queremos abusar, dous bichos, estarán ben aínda que alternativas haiche moitas máis.
Agora temos que meter tarriños para poñe-lo medio de cultivo. Neste caso, pode haber varias solucións pero eu apostaría por tarriños de cristal, porque che son moi útiles: poderémolos usar para medrar bichos en presencia de osíxeno, se os poñemos sen tapa, ou ben se os tapamos hermeticamente sen osíxeno.
Logo temos que poñer no paquete os medios de cultivo, vamos os sitios onde van vivi-los nosos amiguiños, e sobre todo, o que van comer. Eu inclínome por medios de cultivo xenerais, vamos que sirvan un pouco para todo. Neste caso as posibilidades son infinitas. Non é o máis adecuado para os que xa colocamos na caixa pero simplemente unha bolsa de puré de pataca eche un recurso moi socorrido para o cultivo de microorganismos. Tamén podemos poñer un pouco de leite en po. Para Saccharomyces nos laboratorios adoitase usar un medio que se chama YPD, é que leva o YPD? porque o mellor podémolo facer na casa: un pouco de glucosa, sucre de toda a vida; un pouco de extracto de fermento, en calquera herboristería; é un pouco de extracto de peptona, este pode ser un pouco máis complicado de acadar pero... É por suposto necesitamos un axente solidifícante. Se lembrade-la entrada sobre o agar, nunha tenda que venda comida oriental atoparede-la resposta.
Por suposto, necesitamos material para sembra-las bacterias. Podemos facer unha asa de sembra cun simple arame, e se non queremos complicarnos, cuns simples escarvadentes temos suficiente.
Como xa temos medios de cultivo, aparellos para illa-los microbios, tarriños para medralos, aínda por riba de xogar cos do kit podemos intentar illar novos microbios: mirar que medra se tocamos o medio cunha man; se lavamos a man, e despois tocala placa; con osíxeno u sen el... O que che ven sendo un xogo sen fin. E se xa lle métemo-lo microscopio na caixa, podemos tolear.
Obviamente, o xogo virá cun catálogo de instrucións moi completas onde explicaremos os protocolos básicos claro.. e con debuxos, moitos debuxos de tódolos aparellos e dos bichos.
Ben, queda unha cousa que non formará parte do kit senón que será indicado como elemento necesario pero non incluído: unha ola a presión. Si. ¿Para que a necesitamos? Para autoclava-los medios de cultivo, e para esterilizar o material de vidro. O de metal é mellor esterilizalo pasándoo polo fogo, pero neste caso poñeremos avisos no protocolo para que o rapaz o faga faixo supervisión dun adulto, e tampouco incluireimo-lo chisqueiro na caixa. Veredes, os autoclaves son uns aparellos que hai nos laboratorios para esterilizar de tal xeito que se poñen a máis dunha atmosfera de presión no interior e son capaces de subi-la temperatura da auga ata 121 ºC. Iso fai que toda forma viva no seu interior. Obviamente, non podemos mercar un para a casa pero cunha ola a presión das de sempre teremos máis que suficiente para poñer os nosos tarriños, ou o noso medio de cultivo, como cando cocemo-los botes das conservas caseiras.
Con todos estes elementos, xa temos un Micronova caseiro para todos. Se alguén se lle ocorre algunha cousa máis que deba estar dentro da caixa, admítense suxerencias. Aínda que o importante é conseguir que algún neno ou nena se interese pola Ciencia, por que se non conseguimos que o futuro se interese, como imos poder troca-lo sistema produtivo?
Eu creo que o Micronova pode se-lo regalo estrela este Nadal.