O FULGOR INDELEBLE DE EMMA SANTOS. Por Afonso Becerra de Becerreá
Entre os danos colaterais da pandemia, alén dos xa coñecidos, está deixar arrombados tesouros cuxo brillo non ficaría nun fulgor se non fose por culpa do confinamento e as conseguintes restricións. O tesouro ao que me refiro é o descubrimento dunha actriz creadora galega, dun talento e unha cualidade fóra de serie: Emma Santos.
Nunca ouvira falar dela até que asistín a Gas letal. Unha peza estreada en agosto de 2019 no Festival de Edimburgo, que veu para Galiza e aquí pasou totalmente desapercibida para a crítica e o público por varias razóns, a principal a pandemia e o parón que ésta supuxo. Pero tamén influíu o feito de que Emma Santos é unha galega que fixo toda a súa carreira artística fóra e acababa de chegar sen facer moito ruído. A súa traxectoria teatral desenvolveuse principalmente en Londres, onde se formou na Royal School of Speech and Drama e onde traballou nos principais teatros, desde o sempre vangardista Royal Court até o prestixioso National Theater. De súpeto, esta prodixiosa actriz de orixe galega decide vir á nosa terra e faino cun monólogo posdramático arredor da personaxe de Mari Gaila, de Divinas palabras de Valle-Inclán, titulado Gas letal. Un título impactante para unha proposta perturbadora.
Cando vin o espectáculo de Emma Santos lembrei aquel Hamlet no que Robert Wilson (re)presentaba el só toda a peza de Shakespeare dun xeito fascinante e hipnótico, tanto na dimensión plástica visual, como naquela coreografía de alta precisión na que aparecían motivos relacionados coa fábula shakespeariana. Dun xeito semellante, Emma Santos sublima a historia da traxedia de aldea de Valle-Inclán, a través dun xogo asociativo no que o coreográfico e o traballo cos obxectos configuran un poema no que as divinas non son as palabras, senón as visións alucinatorias que nos porporciona Emma.
A súa presenza estilizada, a elegancia inmensa do seu movemento e a precisión no manexo dos obxectos simbólicos que utiliza na performance, capturan a nosa atención de principio a fin e transpórtannos á mesma cerna da desgraza e da graza que latexan na peza de Valle-Inclán.
Había tempo que non asistía a unha tal epifanía artística, a dunha actriz creadora e non reprodutora, que é capaz de facer, ela soa, unha das pezas máis desafiantes do repertorio universal.
Gas letal supón o debut en Galiza dunha creadora que nos amosa o mellor da escola británica actoral, no seu amplo despregue de sutilezas interpretativas, tanto na dicción como no movemento. Hai nela unha trindade de valor incalculable: bailarina, actriz e dramaturga. Interpretación, danza e creación son unha soa cousa, nun xogo inzado de matices e sorpresas, capaz de xerar no escenario pactos de xogo inéditos que nos involucran case sen querelo.
Malia todos os meses que pasaron desde que asistín a Gas letal de Emma Santos, continúo co impacto indeleble daquela experiencia artística e, por iso, recupero agora estes pensamentos arredor desa peza. Unha peza na que a maxia do teatro máis renovador e fóra de cánones se conecta, por obra e graza desta actriz, coas forzas máis subterráneas galaicas. É difícil ver algo así, onde o contemporáneo ten tanta raíz no noso e, sen recorrer ao de sempre, acaba por revelarnos.
(Fotografía: Marc Brenner)









