QUE VEÑAN (E ESPERTEN) PRA QUEDAR. Por David Sobral Fariña
[Foto de Rocío Cibes]
Tanxugueiras, con ‘Terra’, gañaron o apoio dos votantes no Benidorm Fest, pero non irán a Eurovisión. Gañaron elas e gañou Galiza, ou iso quere un pensar, co desexo profundo de que o acontecido nestas últimas semanas non sexa outra ensoñación.
Que difícil é falar de algo do que todas falan, mesmo cando un quere centrarse naquilo no que a maioría non repara. E é que, se callar, Eurovisión e o Benidorm Fest sexan o de menos e nós, as galegas, sexamos o de máis.
Eu son o amigo de Becerra que se enfadaba esta mañá porque o seu colega do mundo da cultura ao que admira e que, ademais, ten voz, non quería falar sobre isto. Becerra, que é moi listo, quería que eu falara. Seino, gústame o seu xeito de provocarme, coñéceme ben. E a cultura debe ser un elemento de provocación, debe espertar algo en nós.
É fácil esgotar hoxe entre tanto chío sobre este monotema. Que máis podemos dicir? Que non estamos de acordo co que fixo o “xurado”? Que foi unha afrenta?
Por poder, podemos dicir moitas cousas sobre RTVE, a mecánica empregada e o “xurado”. Podemos facer unha crítica estrictamente técnica e artística sobre a gañadora do “xurado” e do estupendas que estiveron as nosas pandeireteiras. Mesmo poderiamos falar da maquinaria que está detrás da elixida por RTVE para ir a Eurovisión nun acto realizado de costas á xente que permitiu que o Benidorm Fest rexurdira das súas cinsas tantos anos despois.
Poderiamos facelo mais, hoxe, por militancia cultural (e política) querería máis discursos coma o de Guadi Galego, que fala de Aida, Olaia e Sabela coma esas “tres mozas que representan os valores propios de calquer sistema educativo que se precie. Diversidade, inclusión, pluralidade, esforzo e calidade. Tanxugueiras son un Tsunami de Ilusión, de amor do bo, de enerxía, de potencia, de emoción e de superación”.
Ilusión, emoción, superación. Que palabras tan fermosas!
Hoxe, eu querería máis discursos falando do significado do ouro na pel das nosas artistas, da cor negra do seu vestiario lembrando que esa tamén era a cor das nosas heroínas para as festas. Desexaría ver máis discursos sobre a nosa danza, sobre a pandeireta e sobre o aturuxo. Encantaríame ler moito e escoitar moito máis falar sobre nós, sobre a nosa identidade e sobre a nosa historia. Sería marabilloso sermos conscientes de como con cada detalle unhas artistas levaron toda a nosa escultura e identidade a escea. Que importante é o detalle.
O día despois, todas se unen a felicitar ás Tanxugueiras e falar de inxustiza. As institucións públicas do noso país, persoas con certa capacidade de influencia, a poboación en xeral, todos coinciden nalgo, en destacar o valor dunha mostra da nosa cultura. As galegas unidas, sí, unidas. Que tolemia! As galegas unidas! Quen o ía dicir. Nós, unidas! Nós, un pobo minifundista en todo, pero que cando viu os ollos postos enriba súa, decidiu poñerse en pé e sentir orgullo do seu. Parece, logo, que as galegas precisamos estímulos externos para espertar e decatarnos do noso propio valor.
Que impotencia!
As Tanxugueiras non van a Eurovisión!
E as galegas, en dous días, olvidarán este fermoso espellismo de unión para retornar ao noso endémico minifundismo, por aquilo de sermos nós mesmos, claro. Voilà! C’est tout! Somos así. Éparte do noso encanto, disque.
E por iso, por iso mesmo eu me enfadaba co meu amigo Becerra, porque sinto certa rabia ao saber que, antes de que o sol volte a bañar a costa do pobo mariñeiro que me adoptou, Galiza estará durmida.
Tanxugueiras son máis que unhas rapazas que quixeron agasallarnos cun momento de visibilidade ás galegas. Pertencen a unha nova vaga de artistas do país, conscientes de onde veñen, da nosa historia, da nosa tradición milenaria. Xente moza que decidiu recoller a nosa tradición non escrita para darlle unha nova vida achegándoa a unha mocidade que maioritariamente renega do que somos. Son as nosas gardiás, as nosas guerreiras nunha guerra invisible, as que puxeron por escudo de protección o noso celme, aquilo que ninguén nunca poderá roubarnos: a nosa cultura.
Somos un pobo eterno. A maior parte da nosa cultura non está escrita e sobreviviu grazas a manterse na xente, nas persoas, nas galegas. Ese é o noso verdadeiro éxito.
Agora temos sorte de ter moito diso sobre o papel mais, amigas, a historia xa nos mostrou unha vez o importante que é manter a cultura dentro da mente das persoas e precisamos desta nova xeración de artistas para perpetuar a nosa esencia no tempo.
Lembrade: é a xente nova a única que poderá facer eterno algo que, por natureza, é efémero. Que contradición!
E lembrade que a cultura, para que sexa tal, precisa de emocións, de reaccións, de análise, de pensamento. E iso, amigas, non será posible se a cultura deixa de abrazar ao conxunto da sociedade e se esta lle da as costas á cultura. Imaxinade teatros, concertos e cinemas valeiros, libros sen lectoras… Mudar iso, depende de nós, de vós. Depende, pois, de abrir a cultura á xente.
As Tanxugueiras regaláronnos un soño que é preciso converter en realidade. E é que, como dixo Castelao, “o verdadeiro heroismo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos”. O meu soño, porque non podo falar máis que por min, é loitar por unha Galiza esperta, unha cultura viva que nos emocione.
Non, nin as nosas linguas nin as nosas tetas dan medo. O único que nos ten que dar medo é o noso adormecemento. Falade galego, consumide cultura galega, sede conscientes e sentide orgullo da nosa orixe. Ilusionádevos co noso como fixestes estes días e mantédevos unidos sen esquecerdes todos os retos que temos por diante como pobo.
Vivimos tempos complexos, de regresión. Vivimos tempos de non precisar que nos miren para mostrar que cremos no noso.
Hoxe, máis que nunca, todas temos que ser “esas bravas gorxas de fondo cantar que veñen pra quedar”.
Aida, Olaia e Sabela, grazas pola retranca, pola espontaneidade, pola madurez e pola intelixencia. Grazas por mostrar que vivir en galego é posible e que as fronteiras son aquelas que nós decidamos poñernos.
Grazas, Tanxugueiras, por levar ao palco unha completa representación da nosa tradición coidando cada pequeno detalle. Porque todo, absolutamente todo comunica mais a clave para proxectar cara fóra, e isto é aplicable ás artes escénicas en xeral, é ser quen de proxectar cara dentro e iso, vós, xa o lograstes por convicción.
Polo demais: a unión, a diversidade, o respecto, a tradición, a ilusión, as mulleres bravas… a nosa esencia… que veñan, que veñan (e esperten) pra quedar.















