Carreiras de obstáculos, a moda que percorre España e agora Galicia
Son a nova moda no mundo do deporte. Cun carácter lúdico-competitivo, as carreiras de obstáculos esténdense rapidamente pola xeografía española chegando, como non podía ser doutra forma, tamén a Galicia.
Correr ata a extenuación, brincar entre as pedras, subir muros e escaleiras, meterse en estanques de auga xeada, cargar con sacos de area, arrastrarse baixo aramados e chegar á meta con lama ata nas orellas. Son as carreiras de obstáculos. Unha moda que se estende por España á velocidade da luz. Hainas de produción nacional: Eternal Running, Bestial Race, Farinato Race, etc, e importadas, como a famosa Spartan Race ou a máis recente The Mud Day. Na nosa terra existen varias, sendo a Gladiator Race a máis coñecida. Todas teñen en común un carácter lúdico-competitivo. Algúns participantes prepáranse para gañar, mesmo para competir fóra das nosas fronteiras, pero a maioría cólgase o dorsal para pasar un bo momento.
Son carreiras que adoitan realizarse en zonas de campo, en plena natureza. Contan con distancias de entre 5 e 20 quilómetros ás que hai que engadir os numerosos obstáculos dispostos ao longo do percorrido, entre 15 e 30. O obxectivo destas novas competicións é crear un ambiente salvaxe, onde se pon a proba a resistencia, a fortaleza e a coraxe. O importante non é tanto o tempo que se realice, se non o reto persoal por superala e a diversión. Nalgúns casos, como na Mud Day, o formato de participación xeral é por equipos de 4 corredores. En resumo, é toda unha aventura que está a enganchar a miles de mozos e non tan mozos dispostos a desprazarse longas distancias para participar nalgún destes eventos.
Apetécevos pasar unha xornada levantando pedras, arrastrando rodas e chapoteando nun lamazal? Pois que saibades que nos próximos meses Galicia acollerá varias carreiras deste estilo, as cales vos mostramos a continuación:
Gladiator Race Pontevedra. O 4 de xuño, por segundo ano consecutivo, volverá á cidade do Lérez para facer gozar a todos os gladiators dos diferentes obstáculos e dificultades que terán preparados. Poderedes escoller entre varios niveis de dificultade adaptados á forma física de cada un.
Gladiator Rocket: é o nivel 1, conta con 6 km e 21 obstáculos cheos de emoción, adaptado a aquelas persoas con nivel físico básico.
Gladiator Warrior: este nivel 2 conta con máis de 11 km e supera os 30 obstáculos, con barreiras que poñerán a proba a vosa capacidade física e mental.
Gladiator Kids: ideal para gozar en familia dunha proba de obstáculos. Realizaranse percorridos entre 500 m e 1 km onde os nenos terán que ir acompañados dun pai, nai ou titor e superar cada un dos obstáculos que se atopen.
Se vos atrevedes, podedes inscribirvos ata o 30 de maio premendo aquí. Os prezos a estas alturas son un pouco elevados, oscilan entre os 15 e 39 euros.
Grand Prix Race Edition. O concello de A Veiga, na provincia de Ourense, será escenario os vindeiros 24 e 25 de xuño dunha proba onde deporte, diversión e traballo en equipo é a filosofía desta competición, inspirada no espírito do popular programa de televisión dos anos 90 e coa que se busca premiar á localidade "máis en forma" de España. A proba consiste nun circuíto de seis quilómetros no que se intercalan diferentes obstáculos naturais e artificiais, ademais de probas de equilibrio, habilidade e axilidade mental que os participantes deberán resolver contra-reloxo e coa axuda dos demais compañeiros de competición.
Para participar no Grand Prix é necesario formar un equipo mixto de entre 6 e 12 integrantes, que representará ao lugar de residencia da maioría deles, desde un barrio ou parroquia ata unha gran cidade, decidindo cada equipo a demarcación xeográfica que quere defender.
O Grand Prix celebrará o 24 de xuño a proba dos participantes menores de 18 anos, na que poderán participar nenas e nenos de 8 a 12 anos na categoría Junior e de 13 a 17 anos na modalidade Promesas. Nestes casos, os equipos poderán estar formados por entre 4 e 8 integrantes, que se enfrontarán a un circuíto máis curto e adaptado ás súas condicións. A proba de adultos terá lugar o sábado, 25 de xuño.
As inscricións poden formalizarse na web do evento, www.elgrandprix.es, estando limitada a participación a 100 equipos na versión adulta.
Samurai Xtreme Race. Celebrarase o sábado 2 de xullo no Lago de As Pontes, situado na localidade coruñesa de As Pontes de García Rodríguez. Esta proba desafía aos participantes á conquista de obstáculos extremos e terreo duro, sendo unha carreira de 7 km de distancia coa saída e a meta situadas na praia do mesmo lago. Os obstáculos repartiranse por todo o percorrido cunha separación máxima entre eles de 500 metros. A carreira partirá desde o sur da praia do Lago, pasará por terreos cedidos por Endesa ao Concello e penetrará na zona propiedade de Endesa. Todo o percorrido discorrerá por unha contorna natural con vistas espectaculares ao Lago das Pontes. Na Samurai Xtreme Race tamén hai sitio para os máis pequenos, os nenos de 4 a 13 anos poderán gozar ao mesmo tempo que melloran a súa actividade física da Samurai Junior Race, que se desenvolverá nas zonas verdes á beira da praia do lago.
O prezo da inscrición varía á alza a medida que se achega o día da carreira. Ata o 31 de maio poderedes inscribirvos a partir de 35 €. (Premede aquí)
Heroican Race. “Esta é esa aventura que estabades a buscar, un percorrido cheo de desafíos que poñerá a proba o voso valor. Poida que a xente non comprenda por que o facedes. Só os Heroes ou Heroínas entenderano. Non volo pensedes máis? ACUDIDE Á CHAMADA!” Así é como presentan esta carreira, que se celebrará en Ribadeo, Lugo, o sábado 3 de setembro e onde os participantes terán que completar un percorrido de 8 km e 30 obstáculos, que poñerán ao límite a súa pericia, a súa destreza e o seu valor. Incluída na OCR Teams League 2016 sendo puntuable para o Campionato de España por equipos.
Se queredes participar, ata o 30 de xuño poderedes inscribirvos a partir de 30 €. (Premede aquí)
Desafío Boot Camp Vigo. A praia de Samil acollerá o 1 de outubro e por segunda vez, esta carreira de obstáculos que tivo na súa estrea en Vigo máis dun milleiro de participantes, e que nesta edición é clasificatoria para o Campionato de Europa de Obstáculos. A proba, que se desenvolverá nas categorías Xtreme e Race, destaca pola combinación das superficies de praia, asfalto e monte nun mesmo percorrido e por desenvolverse en “lugares exquisitos” para visitar, ademais de incluír unha coidada selección dos obstáculos, mantendo o efecto sorpresa no corredor. O circuíto constará de 8 km e 26 obstáculos. Tamén haberá un Desafío Boot Camp Kids, pensado nos máis pequenos, para que compartan a experiencia dos maiores e demostren que hai un gran futuro neles.
As inscricións pódense facer en www.desafiobootcamp.com e en www.championchipnorte.com. Ata o 6 de xuño poderedes inscribirvos a partir de 24 ou 28 euros segundo a categoría que escollades.
Lembrade que o importante é divertirse e compartir a experiencia con amigos ou compañeiros de aventura. Animádesvos?