A metamorfose de Narciso. PEREZA de IGOR CALONGE. Por Laura Porto Crabeiro
Faise a luz nunha lagoa coma un espello negro. Un corpo núo aparece e lentamente describe una parábola camiñando sobre as augas que o reflicten. Así comeza a Pereza da Cía. Cielo Raso, da que puidemos gozar o pasado domingo no Teatro Ensalle de Vigo.
Coma o Narciso do óleo de Dalí, o bailarín abáixase e detense na contemplación da súa imaxe. Un segundo bailarín aparece, camiñando sobre as puntas dos pés, conectado co seu reflexo por un só vértice.
Asistimos dende este punto á creación dun mundo escénico de ton surreal que se recrea nos tempos sostidos, na inercia e a relación do mundo co seu reflexo. Este “movemento flotante” vólvese súbito e acelerado na interrelación dun bailarín co outro, porén a atmosfera mantense densa, perezosa.
Narciso volve abaixarse ó seu relflexo e disponse a bicalo cando cae a última luz.
Pero o que convirte ó noso Narciso nun de seu xenuino é que este non se namorou do seu reflexo, namorouse da auga e por iso se fundiu con ela.
Espectáculo: Pereza da Cía. Cielo Raso (Euskadi)
Dirección: Igor Calonge
Actuación: Beñat Urretabizkaia e Igor Calonge
Iluminación: Pedro Fresneda
Teatro Ensalle de Vigo, 5 de decembro de 2014
Laura Porto Crabeiro é alumna da especialidade de Dirección escénica e dramaturxia da ESAD de Galicia.
(Coordinación e supervisión de Afonso Becerra de Becerreá)











