iPotty for iPad ou «ata aquí podiamos chegar»
Por aquí si que non paso! Porque, aínda que en varias ocasións fíxenvos partícipes do moito que me gustan as modernidades, sobre todo se levan un i diante, hai algunhas que non entrarían na miña casa nin regaladas. Non nego que son dos que leva o móbil ao váter, cando non un libro, unha revista ou algo para ler (as etiquetas dos xampús só me valen en váteres alleos), pero de aí a permitir que a miña filla converta o cagadoiro nun espazo tecnolóxico hai un mundo e medio. Porque... a que clase de toleirán se lle ocorreu inventar un ouriñal cun soporte para a tablet e, aínda por riba, chamarlle iPotty?
O iPotty foi creado pola empresa CTA Digital e presentado na Feira de consumo electrónico CES 2013 de Las Vegas. Disque é (ou sería, no caso de chegar a comercializarse) bo para a operación cueiro, a saber, cando queremos que os nenos deixen de utilizar cueiros e pasen ao ouriñal. A min, sen probalo, dáme a impresión de que para o que serve é para que vexan o cagadoiro como unha zona de xogos máis entre as mil cen que xa teñen na casa. Tamén din que, coa tapa, alóngase a vida do aparello, que se converte nun asento. Eu digo que no IKEA (ou en Muebles Mendoza) hai cadeiras bastante máis bonitas e máis cómodas que o iPotty. Sinceramente, ter un iPotty na casa sería levar ao extremo a típica frase de nai "Non deixa o móbil nin para ir cagar", e Violeta aínda é noviña de máis para ter que escoitar cousas tan molestas.









