TRAXEDIA ONÍRICA N’O ESTADO CRU, DE JAVIER MARTÍN. Por Ana Abad de Larriva
Un solo de danza que evoca un contraconto de fadas nunha paisaxe onírica en continua transformación, deixando imaxes dunha beleza tráxica, a partir da improvisación no movemento do corpo do bailarín e no xogo das luces. O estado cru, do creador e bailarín Javier Martín, presentouse a fin de semana do 6 e do 7 de outubro de 2017 no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, CDG, en Santiago de Compostela. A presentación da proposta encadrouse dentro dun programa de actividades máis amplo e moi interesante que incluíu obradoiros de investigación sobre o movemento con alumnos e alumnas de instituto, un encontro co proxecto de investigación Performa da USC, o seminario “corpo e vibración” en colaboración co festival Curtocircuito, e un encontro aberto mediado por Antón Lopo sobre o tema “repertorio e improvisación”.
A peza destaca pola diverxencia entre o movemento do corpo do bailarín, cos ambientes sonoros que se crean a partir de diferentes sons (de corvos, de máquinas de escribir, de respiración, de berros, de choros, de portas que se abren, de sereas...) que se mesturan coas músicas, cos fragmentos de diálogos de Deserto Rosso de Antonioni, creando contrastes, repeticións e acumulacións; así como as imaxes de grande plasticidade que se orixinan a partir da conxunción do corpo do bailarín cos elementos que emprega en escena, especialmente a montaña de rosas vermellas, e dos efectos da iluminación, belísima, a cargo de Octavio Más. Hai estampas de grande fermosura nas que os propios elementos, como as flores en movemento, o po que estas levantan e o fume en xogo coas luces, conseguen converterse no foco principal.
Poderían lerse dous planos neste traballo: por unha parte, o xogo plástico- sensorial, e pola outra, unha liña con tinturas narrativas algo difusa pola supremacía da plasticidade e polo ambiente de abstracción, de soño, do relato. Hai toda unha serie de cadrados con números, que nos remiten ao escenario dun crime. El mesmo leva o número 5 na camisa. O corpo de Javier Martín baila a diferentes niveis, con movementos segmentados, por momentos, e con elementos que quererían evocar o mimo, pois, de xeito simbólico, permiten ler, imaxinar outras realidades nos movementos. Como se move alguén con todas as cargas que leva enriba? Hai unha repetición e variación nos movementos que xera un ritmo por contraste en canto a tempos. Tamén é moi interesante o xogo espacial que desenvolve o bailarín, empregando diferentes planos e creando estampas con moita profundidade, como cando se afasta detrás da montaña de flores.
Resulta moi curioso o xeito que ten de achegarse ás rosas, nunha aparente loita interior. Hai un xogo cos elementos e unha reafirmación do presente escénico no son do coitelo ao bater contra o chan, ou no do líquido que bota por riba da cabeza e que o vai enchoupando; no son das flores ao moverse; no suor que lle pinga pola faciana. Ese xogo continuo e esa presenza do corpo do bailarín contrasta coa ruptura que se produce nas transicións entre unha microsecuencia e a seguinte, na que adopta unha certa calidade máis cotiá.
As imaxes que se espertan coa descuberta activa das flores son moi fermosas. Como colle as flores e as pon por riba da cabeza e van caendo, paseniño, como unha árbore que se esfolla, ata que só lle quedan unhas poucas penduradas dun brazo e as arrinca. Martín move as flores coa pa e levántase po, e hai unha danza destas partículas coas propias flores baixo o agarimo das luces. Mentres, el segue a lanzar as flores ao aire de diferentes xeitos: coas mans, coas mans máis alto, cara atrás, coma se fose un can... Hai unha repetición con variación que vai transformando a paisaxe, e por un momento parece que chovesen flores. O bailarín mergúllase nelas.
Pregúntome por un momento que pasaría se puidésemos encher o mundo de flores, pero axiña me decato de que non sería posible, serían flores mortas porque as flores non pertencen ao aire. Martín agóchase detrás da montaña e segue a encher o escenario de flores e follas e caer sobre elas e parece que segue a levar unha carga simbólica enriba do seu corpo. Prodúcese unha tensión por repetición dos sons, que se acumulan, e debaixo da montaña aparece un brazo de esqueleto e escóitase o choro dun meniño. Logo, atopa un gorro con cornos de cervo. Martín camiña de costas ao espectador, espectadora, sobre as flores secas e mortas, por entre unha nube de fume, con follas aínda pegadas ao seu corpo.
Acentúase a diverxencia da música, co diálogo que se escoita, co movemento, mentres el deixa os cornos e a luz e o fume se volven azuis. A luz comeza a oscilar, a cambiar, e a transformar a tonalidade das flores, que pasan de vermello, a azul e a negro, mentres o bailarín se esvaece; esvaécese e queda unha sombra, e o resto nun tímido claro de lúa nun bosque escuro. A estampa segue a afundirse na penumbra mentres se segue a escoitar o audio.
Importancia do repertorio
O estado cru estreouse no teatro Rosalía de Castro da Coruña en outubro de 2010, e no programa da peza aparece descrito como un “espectáculo de danza de gran formato donde se trabaja en improvisación pura a nivel de movimiento y luz”. O propio Martín, nunha entrevista realizada despois da presentación da peza que deu orixe a este artigo, explicou o motivo de escoller repoñer esta proposta. El, que leva trece anos de carreira e trinta coreografías presentadas, sentiu que esta peza, de 2010, fora instituínte na súa carreira en canto a que fora a primeira coa que realmente sentira que fora quen de crear “un universo por sí mismo”. Instituínte tamén en canto a que é un traballo de danza con moitos valores en canto a que lle serve para reivindicar o repertorio, ver que é relacionarse co repertorio, “un repertorio vivo, para mí, un improvisador; un discurso que adquiere nuevas formas al ser revivenciado”. Recoñece que o ano pasado a bailara por última vez en Burgos e tivera a tentación de pechala, mais que ao final non o fixo porque sentiu que aínda estaba viva.
O bailarín confesa que lle custou non entrar a cambiar algunhas das músicas do ambiente sonoro, porque despois de sete anos hai algunhas que se afastan dos seus afectos actuais, “pero me gustó la idea de ser honesto con cómo era mi yo creador hace siete años y observar la distancia”. Valora que, dalgún xeito, “uno se hace cargo del aprendizaje a través de esto”. Tamén é consciente do contraste entre esta peza e as súas novas creacións en canto a que O estado cru está moi preto de estruturas narrativas. Precisamente el desvela esa influencia do traballo cos símbolos e a influencia da narrativa dos contos de fadas, aínda que neste caso, prefire empregar a expresión de Roberto Fratini “contraconto” para referirse á súa peza. Non hai unha narración liñal, senón que se pasa por “algunos hitos de una narración de corte onírico, fantasioso, que te cuela por detrás la historia de un asesinato, la historia de un crimen”. Un enfrontamento e aniquilación simbólicos, con tinguidura tráxica, dun inimigo que descobre que é a proxección dunha pantasma interior súa. A historia está contada de adiante cara atrás, cun ambiente onírico, que evoca o que pasa no mundo interior dunha persoa.
Investigación nas artes do movemento
Javier Martín está a desenvolver un proxecto de investigación en torno ás artes do movemento (http://www.javiermartín.com/artesdelmovimiento/javiermartin.html) e para el os seus espectáculos son intensificacións dese proxecto máis amplo, resultando moi interesante como segue a facer bailar as coreografías anteriores, que son “aquellas que siguen algunos motivos, discursos, ideas, sensaciones, reflexiones, y que sigue siendo honesto compartirlas y que sigue siendo una posibilidad de aprendizaje”.
O coreógrafo considera moi interesante que o CDG aposte polo traballo dun coreógrafo e, máis, deixándolle desenvolver outro tipo de prácticas que non atenden só á exhibición, senón á “construcción de la obra en el proceso mediante estrategias de creación en comunidad”, das que tamén xurdiron novas sinerxías. Para el é moi importante a creación contextual, en canto a achegarse á xente e xerar un contexto que sosteña a creación artística, aproveitando o potencial da arte e, especialmente, das novas linguaxes que propoñen actualizacións da forma, xerando unha mediación en “colaboración con el resto de agentes del sector cultural”.
Bailarín e creador: Javier Martín.
Iluminación: Octavio Más.
Data e lugar de presentación: sábado, 7 de outubro de 2017, ás 19:00 horas, no Salón Teatro do CDG, en Santiago de Compostela.
*As imaxes son de David Rodas.
* Ana Abad de Larriva estudou xornalismo. Actualmente é alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Supervisión e coordinación: Afonso Becerra de Becerreá.