Independencia de Catalunya?
11 de setembro, Catalunya, co motivo do festexo da diada , preto de millón e medio de persoas saen a rúa para reivindicar a súa independencia. A marcha acaba de facer historia. De agora en diante o debate está na rúa, no Parlament, no Congreso e incluso nos medios de comunicación. Ata Juan Carlos toma partido no debate, pero vaiamos por partes:
Comecemos por explicar que a procura dun Estado catalán non é algo novo. Parece básico, pero en moitos medios falan de capricho do señor Mas, ou de extratexia política. O único certo é que a marcha do día 11 era pola independencia, e eu son dos que confía que cada asistente acudiu libremente, polo que xa estariamos a falar dun “capricho” colectivo, e como non é algo temporal o trataremos como sentimento colectivo.
Por outra banda está Artur Mas, dende o meu punto de vista un home que se veu superado pola situación, ao igual que Rajoy ou Juan Carlos, pero que rematou tomando unha decisión que lle honra. Despois de tensar a corda nas súas declaracións reúnese co presidente español para negociar un pacto fiscal, que permita a Catalunya recaudar os seus impostos independentemente do Estado. En ningún momento nega a solidariedade entre o resto de comunidades, aínda que deixa caer que se reduciría. Non fai gala de pudencia nesta situación, pois son moitas as empresas que tributando en Catalunya realizan a súa actividade en todo o Estado español, e que non gozarían desas oportunidades nun estado independente, e nun momento económico delicado onde España negocia un “rescate” a Catalunya para solucionar a ruina na que se atopa.
No resto de Estado o discurso apenas varía, todos unidos remamos máis, nos iría peor a todos...A situación é a que é, e sendo conscientes de que a historia a escriben os pobos e non os opinadores profesionais (eses que falan de cidadanía en terceira persoa do plural), as verbas de Pujol abren unha vía a cordura, cando recoñece a independencia catalá como case imposible, mais no caso de non loitar estarian mortos.
En definitiva, esta é a situación: Artur Mas deuse conta de que súa forza emana do pobo catalá, e que por tanto é quen de tomar a decisión, con o sen a aprobación do Estado. Case a ciencia certa garantizo que será a espaldas do mesmo, pois o déficit democrático no que se atopa España impide que a cidadanía podamos tomar partido en case ningunha decisión política. Se o resultado sae favorable dun xeito medianamente significativo non haberá constitución nin catro gaitas que frene o proceso independentista, pois xa contan coa lexitimidade necesaria para ir ata o final. No caso contrario, seguirá sendo unha comunidade autónoma do Estado español, e probablemente Mas poña punto e final a súa carreira política.
















