LIBERTO de MARELAS TEATRO. Por Afonso Becerra de Becerreá
LIBERTO liberta o tema da angustia vital, relacionado coa maternidade, tamén a paternidade, e o conflito de dar a luz para dar a morte. LIBERTO liberta o teatro galego dese medo endémico, na maioría dos casos, a facer pezas que se acheguen ao ferinte deslumbre da traxedia, apremadas como están as compañías de que as programadoras e programadores dos concellos de Galiza lles contraten funcións. E xa sabedes que, aínda chegadas ao 2020, segue prevalecendo o criterio cuantitativo, segundo o cal a maioría do público só quere comedias que lle fagan rir. A xente debe de estar tan fodida durante toda a semana, en traballos non desexados, que, claro, cando chega a fin de semana, é necesario desfogarse rindo, ou anestesiarse rindo. Non se dá conta o público desas programadoras e programadores municipais que o pranto sublimado da traxedia e do xénero dramático é liberador e emancipador, que a catarse que produce a identificación coas aflicións dos personaxes actúa en nós, nesa dose controlada pola arte dramática, como unha vacina que nos prepara para a vida. De tal xeito que, se nos cadra en sorte sufrir un conflito semellante ao da peza de ficción, imos estar máis preparadas porque xa experimentamos, de xeito sublimado, ese transo cando asistimos ao teatro.
LIBERTO, a peza de Gemma Brió, que estivo nomeada á autoría revelación dos Premios Max das Artes Escénicas, e que dirixe Tamara Canosa coa cía. Marelas, interpretado por Lucía Aldao, Rocío González e Cris Iglesias, liberta, certamente, o teatro galego dese medo aos temas fodidos, existencialmente comprometidos e, por tanto, tamén, politicamente comprometidos. Velaí o debate da eutanasia, cando é sacado das manipulacións partidistas, relixiosas e mediáticas, e se traslada ao seu lugar primixenio: ás persoas que padecen unha angustia vital insoportable e que, desde o amor á vida, abrazan unha boa morte (eutanasia) para liberar a un recentemente nacido, a un bebé de 15 días, do feito de malvivir conectado a unhas máquinas e sen posibilidades demostradas dunha mellora, despois de ter padecido asfixia no momento do parto.
Marelas Teatro bota man dun texto que sabe expoñer, coa emoción necesaria, o conflito e as personaxes, sen caer no sentimentalismo edulcorado nin no morbo lutuoso. Iso conségueo a base dunha estrutura fragmentaria que, cando a espectadora xa está prendida emocionalmente nunha escena, córtaa e salta a outra escena diferente. Ao romper a continuidade dramática, tamén rompe a continuidade emocional que redundaría, polo propio impacto do tema que se trata, nun exceso emotivo que impediría a sublimación. A emoción pola emoción, se callar, non vai a ningures e aquí, en LIBERTO, a emoción vai a algures, porque as personaxes, pegadas ás actrices, son progresistas, non fican en crenzas atávicas nin relixiosas, e queren mellorar na vida, nesta vida, non na outra. Por iso as personaxes, que interpretan Rocío e Cristina, experimentan unha evolución dramática (grazas á acción) da angustia e a esperanza desesperadas, cara á obxectivación da realidade e a decisión de aceptar os feitos, como camiño de superación e aprendizaxe.
Ademais da estrutura fragmentaria do texto, que nos permite non ficar ancoradas na emoción, a escenificación de Tamara Canosa non xoga tampouco a ilustrar a traxedia de xeito redundante, senón que lle vai á contra, compensándoa cun formato posdramático, no que se afirma a ruptura da cuarta parede, na que se afirma o show (xogo) máis do que o plot (argumento). Para iso conta cunha baza de ouro: Lucía Aldao, unha marabillosa show-woman, que non interpreta personaxe senón que actúa directamente, nunha afirmación posdramática da realidade escénica. Lucía toca a guitarra, canta, fai efectos sonoros en directo, interactúa coas actrices e coas súas personaxes. Porque as actrices, Rocío e Cris, sobre todo Cris, que xoga varios roles, entran e saen, de xeito natural, sen manierismos teatrais, das personaxes. Este recurso anti-ilusionista, anti-dramático, tamén está nesa mesma liña que a fragmentación da estrutura do texto, para non alimentar o sentimentalismo nin o morbo que se lle podería asociar á historia.
Na escenificación, tanto Lucía, como Rocío, como Cris, diríxense directamente ao público, escollen algunhas espectadoras para asignarlles personaxes referidos da historia: as doutoras Gayoso e non sei quen máis, as enfermeiras do hospital, etc. Unha vez seleccionadas as espectadoras ás que se lles asignan esas personaxes de ficción, entón as actrices asumen tamén as súas personaxes e dialogan directamente, desde o palco, coas personaxes que foron asignadas a esta ou aquela espectadora. Unha convención ficcional de xogo moi sinxela e asumible, sen sobreactuación, sen subliñados.
Lucía Aldao está nun rol de escoita incrible respecto ás súas compañeiras de escena e respecto ao público. Desde esa escoita semella que é ela quen vai orquestrando o show, como unha especie de árbitra, ás veces como mediadora entre a ficción e nós.
Rocío ten a difícil tarefa, non só de entrar e saír da súa personaxe, que é a da nai de Liberto, senón de chegar aos clímax emocionais de maneira xusta, próxima e crible, desde o proscenio e mesmo ao pé das butacas da platea. Ela, igual que Cris, xogan desde o estar aquí e agora, máis do que desde o buscar ser o que non son. Prima o estar por riba do ser. O ser é un relato que o propio texto debuxa moi ben, de tal xeito que as actrices, cunha marabillosa habelencia profesional, dedícanse a estar de verdade e cando se está de verdade, se callar, pode emerxer o ser. Pero, ao revés, é difícil e ficaría nas típicas personaxes teatralizantes que están todo o tempo a ser demostrativas, denotativas e explícitas.
Cris fai un traballo maxistral neste senso, porque a ela tócanlle diferentes personaxes da historia, desde a irmá da nai desgraciada, até un garda de seguridade, pasando polo pai de Liberto. Sería moi fácil se se dedicase a facer personaxes tipificadas, pero Cris marca corporalmente algúns trazos mínimos diferenciadores sen irse á caracterización, sen irse ao ser. Ela afiánzase na afirmación posdramática do estar en relación e, desde aí, desde a verdade do estar, consegue que emerxa a verosimilitude dun ser máis evocado do que interpretado, dun ser máis implícito e connotado do que explícito e denotado.
Cómpre reflexionar, tamén, sobre o feito nada gratuíto de tratarse dun traballo realizado só por mulleres. As personaxes de quita e pon que fai Cris poderían ser feitas por un actor, pero a lectura profunda non sería a mesma. O teatro, ao ser unha arte viva, unha experiencia en directo, ten algo que non ten o cinema, nin a literatura, nin a pintura, ten o afecto de vaivén, a vibración das enerxías e das sensacións entre o escenario e a platea. O relato non está feito, desde o propio texto de Gemma Brió, até a dirección de Tamara Canosa, pasando polo xogo das actrices, desde a perspectiva nin a sensibilidade dos homes e iso é outra das circunstancias liberadoras que nos propón este LIBERTO. Unha circunstancia liberadora, por exemplo, no caso do tema da eutanasia ou da maternidade, respecto aos relatos hexemónicos da Igrexa Católica, na que mandan os homes, ou da política, na que seguen a mandar tamén os homes, ou da dramaturxia e o teatro, nos que seguimos, por maioría, a mandar os homes. ¡Por favor, basta xa! Eu estou farto de que os homes expliquemos o mundo e dirixamos o mundo. ¡É un puto empacho! Por iso e por moitas máis razóns, digo que este LIBERTO é liberador tamén por ser un relato feito por mulleres.
Polo visto, despois da estrea, o 3 de marzo de 2019, no Teatro Colón da Coruña, o espectáculo tivo poucos bolos. Comentáronme que na feira galega de teatro, Galicia Escena Pro, non venderan moito, porque a maioría das programadoras e programadores asustáballes o tema e o feito de non ser unha comedia para que o seu público rira a cachón. Agora alégrome moito de que a profesión teatral, a través dos Premios María Casares, arroupe con 7 candidaturas, esta proposta.
Seica desde que LIBERTO está como candidata ao maior número de Premios María Casares, polo impacto mediático dos mesmos, dun día para outro o aforo do Auditorio Municipal de Vigo, onde as puidemos ver o 28 de febreiro, pasou de estar mediado a estar cheo de público. O meu alumnado da ESAD de Galiza mirou para mercar entradas por internet o día antes de que se fixeran públicas as candidaturas dos premios e sobraban sitios, ao día seguinte, unha vez difundidas as candidaturas, volveron entrar en internet para mirar e xa case non quedaban lugares libres. ¡Fantástico! Alégrome de que os Premios María Casares, desta vez, amadriñen unha proposta desas inusuais.
Alégrome de que os Premios María Casares axuden un pouco a espelir o medo que a profesión teatral galega lle ten ao xénero da traxedia. Levo en Galiza desde o 2005 e coido que aínda non puiden ter o pracer de ver unha soa traxedia feita polo teatro galego. Lembrade que unha das características principais da arte é a liberdade. Lembrade que o medo e a comenencia (que no teatro tampouco dá para moito) son inimigas da liberdade e, por tanto, da arte.
Velaí LIBERTO, mulleres libres que se atreven co máis difícil e que nos fan elevarnos da miseria. ¡Canto desfrutei vendo LIBERTO!











