O Concello de Mondariz organiza para o vindeiro sábado 10 de setembro, unha proba de orientación nocturna na marabillosa contorna do río Tea, na que os participantes deberán percorrer unha distancia variable e tentar localizar, coa única axuda dun mapa, unha serie de puntos nun tempo determinado. Ademais terán que superar unha serie de probas variadas tentando acumular o maior número de puntos posibles, sempre co obxectivo principal de gozar da natureza á vez que se fai deporte.
A participación no Orienta-Tea será por equipos, que se deberán inscribir previamente desde o 17 de agosto ata o 8 de setembro. Os equipos estarán formados por un mínimo de 2 persoas ata un máximo de 5. O evento, debido ao seu carácter nocturno e a esixencia dalgunhas probas, non é apto para menores de 13 anos. O custo da inscrición é de 8,00 euros por persoa.
Os equipos participantes deberán presentarse o día da proba na Praia Fluvial do Val, en Mondariz, ás 20:30 horas.