'Unha noite xa é bastante'
Apresentación de 'Unha noite xa é bastante' na sala Rebullón
Primeiro sábado de novembro. Non había calacús con candeas dentro nin nada polo estilo nas Pedriñas, ese oasis que se mantén contra vento e maré no alto do Rebullón. O que alí había era por volta das 250 ánimas dispostas a gozar dunha noite intensa de música ao vivo e en galego.
Convocáraos a presentación de ‘Unha noite xa é bastante’, disco de estrea de Residuos Atractivas, traballo que xa foi Disco da Semana en Ouve!, que se presentaba apadriñado por dúas bandas ben peculiares. Por unha banda, e dando comezo á noite, o Puto Coro do Exército Froilanista. Por outra, e para fechar, Os Putos.
Chegamos ao Territorio Cultural creado pola Comunidade de Montes de Tameiga cando o Puto Coro xa estaba a tocar. Despois dun pouco de caos na entrada -probabelmente non contaban con tanta asistencia- demos entrado. Xa coñeciamos o Puto Coro e o seu monarco-punk doutras ocasións -de feito contamos con amigos entre os seus compoñentes- así que xa sabiamos o que iamos atopar aló. O que máis nos sorprendeu foi a raiba e a presenza das federiquistas. A sección feminina do movimento froilanista puxo a maioria da provocación e o punk que o Coro deitou no escenario. Mira que hai machista-leninistas salaiando hai anos por unha revolución e agora que teñen unha diante dos fociños non a dan mirado.
Porque unha das sorpresas agradables da noite foi constatar o aumento imparable de mulleres enriba dos escenarios do país. A outra foi a cantidade de xente que conseguiron xuntar as bandas no concerto. É verdade que se tes 25 anos ías sentirte rodeado de velloucos, pero vender mais de 200 billetes para un concerto en Mos unha noite non moi apacible de novembro non é algo que se vexa decote.
E despois das proclamas monárquicas do Puto Coro, chegou o momento dos protagonistas da noite.
Os Residuos Atractivas son unha desas bandas intermitentes que viven marcadas polo devir artístico dos seus integrantes, ensarillados sempre noutros proxectos. Así, foi a parada dos Cuchufellos de Manzaneda, nos que andaba enleado Nacho, peza imprescindible nestes Residuos, o que dalgún xeito propiciou esta nova etapa da banda.
No concerto, Os Residuos repasaron todo o seu novo disco ademais de incluír varios temas que Nacho compuxera para Os Cuchufellos, dos que incluso o Cacharro, Andrés, se achegou para botar un par de temas nesta noite. Sorprendentemente rodados despois dos anos de parón, con moitas horas de ensaio no lombo e moita gana de agradar e de mostrar todo o que gardan dentro, fixeron un concerto moi bo, coa súa mestura de tradición e punk que de seguro vai triunfar este verán nos festis mais folquis do país.
Impecábel sección rítmica, Juan á batería e Álex ao baixo, -e como prestou ver a Juan nunha batería despois da súa saída de Liska e reconversión en gaiteiro caruncheiro- sobre a que voaban o acordeón de Nacho, a gaita de Masha e a zanfona de Álvaro. Moitas das colaboracións do disco pasaron polo escenario, comezando polo propio Isaac Millán encargado da gravación deste disco no seu estudio da Lagharteira. Isto quitoulle un chisquiño de ritmo ao concerto, de feito quedamos con gana de miralos nun concerto máis estándar, pero desde logo non lle pode tirar méritos á proposta que vimos de coñecer ao vivo. Longa vida a estes Pogues de noso!
E para rematar a noite, outra banda novísima aínda que cunha migalla de truco. Porque Os Putos levan pouco tempo rodando polos escenarios pero entre os seus integrantes atopamos xente que xa andou en Nen@s da Revolta, Sérxio, ou en Skacha, Kino, para alén doutros moitos proxectos. Así que de novatos, pouco. E boa mostra deron disto cunha proposta que soou extraordinariamente ben -a sala Rebullón axuda, pero non fai milagres- e que nos apresenta un punk garaxeiro, pero que non ten un son tan sucio ao vivo como no disco. Letras boísimas e a descuberta das cualidades do Sérxio como frontman. Guitarra, baixo, teclado e batería, sinxeleza e procura consciente dun son retro, tirado directamente da cerna do punk.
Gostamos, abofé, e se xa eran unha banda de cabeceira en Ouve! pois agora xa nos declaramos fans absolutos.
E máis nada, despois tocou voltar para o Morrazo -houbo valentes que foron continuar a festa no Rikitri de Vigo- e volvemos moi ledos coa boa saúde que mostra a música galega e o tirón que a pesar das repunancias varias que nos arrodean segue a ter.













