En apenas 3 anos, Ezetaerre convertéronse nunha banda referente da música galega. Así de sinxelo. Isto é o primeiro que se me vén á cabeza despois de escoitar ‘Pólvora e tormenta’, o segundo LP na produtiva andaina da banda, que inclúe tamén un EP e algún tema solto.
Estes novos 11 temas, gravados de volta co Iago Pico en Pousada Son Studios, demostran que Ezetaerre manteñen intacto o motor creativo e non só nos temas de corte político e social -’Fulanito e menganito’ é a mellor mostra disto- e engaden por riba moito máis variedade nas súas bases hip-popeiras.
Pero realmente o que máis presta ver é a mellora brutal que a banda experimentou nos directos nestes 3 anos escasos que levan activos. Desde a primeira vez que os vin, na final do III Premio Revenidas de 2016, até os concertos do 2018 hai unha absoluta transformación ao vivo, detrás da que só pode haber moito traballo no ensaio.
Así que xa nos tarda o 1 de decembro, data marcada para a presentación do disco na sala Karma, para gozar cos novos temas en concerto. Será a canda High Paw, unha das colaboradoras do disco, no que tamén achegan a súa parte Arnau de Zoo, Martin Plan B, Akelarre, Ginestá, Salma, La Pegatina e Samu Acaracán.
De todos os xeitos, eles non queren romper a escena, senón rachar o sistema. A misión é fodida, pero non imposible. Polo menos, os Ezetaerre xa nos van pondo a banda sonora.
Nao presenta dúas cancións do seu derradeiro disco
A banda da Estrada escolleu o 20 de novembro para sacar o seu derradeiro disco e non foi por acaso. Fixérono porque querían lles dedicar esta canción a piara de fascistas, nostálxicos e dementes que quer erguer o pezuño de volta.
Mais os Nao decidiron hoxe mesmo sacar un outro tema de adianto do seu novo disco. Trátase do que será o derradeiro tema do derradeiro disco, ‘Adeus e grazas’, unha canción onde os da Estrada se despiden das e dos seus seareiros.
Nados en Carballo hai 4 anos, Chicharrón veñen de publicar o que é o seu 3º disco de estudio.
Despois de 'Chicharrón' e 'Postal' chega 'Cancións clínicas'.
Este 3º traballo reúne 11 cancións -3 delas pequenos fragmentos instrumentais- que recuncan no pop de sintetizadores, desta volta máis escuro -por veces, como no remate do disco, desacougante- con letras que polo xeral apenas dan pinceladas de historias, imaxes, que o cerebro da ouvinte interpreta ao seu xeito.
E cando letra e música gañan en contundencia e explicitude 'Non creo nada do que venden' e sobre todo 'Que máis dará?' fano para confirmar que a desesperanza é o único que temos.
Dálle unha escoita ao #DiscoDaSemanaEnOuve 🔊👇
O que vivimos o sábado en Bueu foi tremendo. Moi emotivo. E moi importante para a música do país, Porque non era, só, un concerto de DAKIDARRÍA, era a música galega en pé, como dixo Gabri.
Unha produción complexa e moi ben organizada, cun cento de persoas a pasar polo escenario.
A carpa que se montou nas Lagoas ateigada de xente con gana de troula, que puido coa chuva e con todo.
A confirmación de que as cousas se poden facer desde abaixo e poden saír así de ben.
Parabéns, DAKIDARRÍA!!! A por outros 15.
ps O audio é regular, pero con este minutiño queremos facerlle a nosa humilde homenaxe á banda.
Ás veces, na música danse felices casualidades, como a que uníu nun mesmo proxecto García Mc, Lydia Botana e Leo Arremecághona 🔝🔝🔝
Foron Labregos do Tempo dos Sputniks 👨🌾👩🌾🚀 e deixaron no seu paso efémero polo noso panorama musical un disco fantástico e algún bo concerto, como o dado o 9 de xullo de 2016 no CS da A.C. A Tiradoura.
Era a Festa de Presentaçom do Festival da Liberdade e as que tivemos a sorte de estar aló ollamos un concerto cheo de forza, emoción e arte.
Velaquí tedes un petisco daquela xornada, rescatado dalgún disco duro esquencido. Dálle ao play! 🔊📽️
Apresentación de 'Unha noite xa é bastante' na sala Rebullón
Primeiro sábado de novembro. Non había calacús con candeas dentro nin nada polo estilo nas Pedriñas, ese oasis que se mantén contra vento e maré no alto do Rebullón. O que alí había era por volta das 250 ánimas dispostas a gozar dunha noite intensa de música ao vivo e en galego.
Convocáraos a presentación de ‘Unha noite xa é bastante’, disco de estrea de Residuos Atractivas, traballo que xa foi Disco da Semana en Ouve!, que se presentaba apadriñado por dúas bandas ben peculiares. Por unha banda, e dando comezo á noite, o Puto Coro do Exército Froilanista. Por outra, e para fechar, Os Putos.
Chegamos ao Territorio Cultural creado pola Comunidade de Montes de Tameiga cando o Puto Coro xa estaba a tocar. Despois dun pouco de caos na entrada -probabelmente non contaban con tanta asistencia- demos entrado. Xa coñeciamos o Puto Coro e o seu monarco-punk doutras ocasións -de feito contamos con amigos entre os seus compoñentes- así que xa sabiamos o que iamos atopar aló. O que máis nos sorprendeu foi a raiba e a presenza das federiquistas. A sección feminina do movimento froilanista puxo a maioria da provocación e o punk que o Coro deitou no escenario. Mira que hai machista-leninistas salaiando hai anos por unha revolución e agora que teñen unha diante dos fociños non a dan mirado.
Porque unha das sorpresas agradables da noite foi constatar o aumento imparable de mulleres enriba dos escenarios do país. A outra foi a cantidade de xente que conseguiron xuntar as bandas no concerto. É verdade que se tes 25 anos ías sentirte rodeado de velloucos, pero vender mais de 200 billetes para un concerto en Mos unha noite non moi apacible de novembro non é algo que se vexa decote.
E despois das proclamas monárquicas do Puto Coro, chegou o momento dos protagonistas da noite.
Os Residuos Atractivas son unha desas bandas intermitentes que viven marcadas polo devir artístico dos seus integrantes, ensarillados sempre noutros proxectos. Así, foi a parada dos Cuchufellos de Manzaneda, nos que andaba enleado Nacho, peza imprescindible nestes Residuos, o que dalgún xeito propiciou esta nova etapa da banda.
No concerto, Os Residuos repasaron todo o seu novo disco ademais de incluír varios temas que Nacho compuxera para Os Cuchufellos, dos que incluso o Cacharro, Andrés, se achegou para botar un par de temas nesta noite. Sorprendentemente rodados despois dos anos de parón, con moitas horas de ensaio no lombo e moita gana de agradar e de mostrar todo o que gardan dentro, fixeron un concerto moi bo, coa súa mestura de tradición e punk que de seguro vai triunfar este verán nos festis mais folquis do país.
Impecábel sección rítmica, Juan á batería e Álex ao baixo, -e como prestou ver a Juan nunha batería despois da súa saída de Liska e reconversión en gaiteiro caruncheiro- sobre a que voaban o acordeón de Nacho, a gaita de Masha e a zanfona de Álvaro. Moitas das colaboracións do disco pasaron polo escenario, comezando polo propio Isaac Millán encargado da gravación deste disco no seu estudio da Lagharteira. Isto quitoulle un chisquiño de ritmo ao concerto, de feito quedamos con gana de miralos nun concerto máis estándar, pero desde logo non lle pode tirar méritos á proposta que vimos de coñecer ao vivo. Longa vida a estes Pogues de noso!
E para rematar a noite, outra banda novísima aínda que cunha migalla de truco. Porque Os Putos levan pouco tempo rodando polos escenarios pero entre os seus integrantes atopamos xente que xa andou en Nen@s da Revolta, Sérxio, ou en Skacha, Kino, para alén doutros moitos proxectos. Así que de novatos, pouco. E boa mostra deron disto cunha proposta que soou extraordinariamente ben -a sala Rebullón axuda, pero non fai milagres- e que nos apresenta un punk garaxeiro, pero que non ten un son tan sucio ao vivo como no disco. Letras boísimas e a descuberta das cualidades do Sérxio como frontman. Guitarra, baixo, teclado e batería, sinxeleza e procura consciente dun son retro, tirado directamente da cerna do punk.
Gostamos, abofé, e se xa eran unha banda de cabeceira en Ouve! pois agora xa nos declaramos fans absolutos.
E máis nada, despois tocou voltar para o Morrazo -houbo valentes que foron continuar a festa no Rikitri de Vigo- e volvemos moi ledos coa boa saúde que mostra a música galega e o tirón que a pesar das repunancias varias que nos arrodean segue a ter.
O #Lavesedo marchou cos NAO Galiza até Euskal Herria hai un par de meses. A banda da Estrada foi aló gravar un par de temas de 'Ata que o lume se apaque', o que será o seu derradeiro disco e o noso compañeiro aproveitou para lles facer algunhas preguntiñas.
Aquí tedes o primeiro petisco do que deron de si aquelas conversas no Garate Baserri. Andade atentas ao longo dos vindeiros días os Nao hai seguir subindo anacos daquela viaxe.
Formados no 2017 para lle render unha homenaxe inconsciente ao punk do 77, en abril deste 2018 publicaron un EP -4 temas- cheos de punk, referencias cinematográficas e melodías á beira do pop.
Eles son Bule e isto é "Aquelas Cancións", o seu EP de estrea, gravado e mesturado en estudios "La Cortina Roja" na Coruña en decembro de 2017.
Se gostas de The Undertones, se che fai tilín The Homens ou Oh Ayatollah! vas gostar desta nova banda galega. Has mirar, ti dálle ao play 🔊👇
Nos primeiros días do 2018 coñecemos o disco de estrea de Oh Ayatollah.
Este notable traballo veu confirmar o que xa adiviñabamos nos 2 ou 3 temas que foron subindo ás redes no 2017: punk-pop desvergoñado que lle vai facer máis dano á túa mente do que parece. Coidado.
Un gusto pouco agochado polo kitsch, a voz do Nuno cravándose nos teus miolos, letras que reflicten a angustia existencial de ver pasar a vida desde a capital dun reino que é o máis vello de Europa -disque- e agora olla con envexa calquera república, por efémera que for.
No retrogusto -como din os que non saben o que é un furancho- atopamos notas inconfundibles de The Homens, aromas a todo o punk garaxeiro galego deste século e moito pouso da escena compostelá, tan esquencida fóra do microcosmos capitalino por -curiosamente- apolítica e pouco festivaleira.
'Volve a canción protesta' intitularon o traballo este grupo de 4 mozos e unha moza, gravado e mesturado no Laboratorio Soyuz polo Hevi. Quizais nunca marchara, é difícil dicilo, pero desde logo Oh Ayatollah tráena de volta cos folgos precisos para aturar toda a repunancia que nos arrodea.
Se diciamos que o 'Xénese' de DKTC meteu a música galega no século XXI... Non é mentira, pero Mercedes Peón xa estaba alí, nese século, moito antes.
Ademais, M. Peón demostra a súa posición na vangarda musical galega con cada novo disco que saca e 'Déixaas', publicado por Altofalante no 2018 non ía ser menos.
Nunha nova volta de parafuso, o novo disco supón unha amálgama de sons tradicionais e industriais. A potencia sonora dos estaleiros -Navantia, en concreto-, aires xamaicanos, electrónica e os ritmos e cantares das pandereteiras ensaríllanse para nos apresentar un disco denso, cheo de matices, que pode sorprender de principio -como moito do que M. Peón fai- pero que acaba por namorar de vez.
Conexións coa India, feminismo, as achegas de Mónica de Nut e Ana Fernández,... todo axuda a facer medrar o universo sonoro de Mercedes Peón.
Probabelmente, a música galega chegou ao século XXI da man destes rapaces de Ordes.
Da unión de #Ghamberros e #5Talegos naceu Dios Ke Te Crew hai xa 15 anos para crearen -no 2006 e co permiso dos Resentidos, Skornabois ou Non Residentz- o que se adoita sinalar como o primeiro LP de rap 100% en galego, 'Xénese'.
Despois de varios discos máis, dun parón de varios anos e de diferentes proxectos en solitario dos seus integrantes, #DKTC anuncian oficialmente a súa volta.
Será na vindeira primavera cando dean a coñecer o novo disco que xa están a gravar. Xa nos tarda escoitalo!
Garaxeiros, lusófilos e descarnados, Os Putos presentaron hai 10 meses o seu primeiro traballo.
Riffs guitarreiros 🎸 ruído 📢 teclados 🎹 que axudan a crear atmosferas de aire retro e letras que mostran retranca, reflexión e anticapitalismo a partes iguais.
'Rompe-lo tudo', 'Pagha-me' ou 'País' son boa mostra do que fan este feixe de garotos e garotas galegas que apesar de estar a se estrear con este traballo non son uns acabados de chegar á música.
De feito, até os lembrados e esenciais Nen@s da Revolta podemos rastrexar a andaina dalgún dos seus integrantes.
Punk con moi bo gusto, nunha liña sonora que nos trae á cabeza a Terbutalina ou Oh Ayatollah! e unhas letras que, de certo, lle van encantar ao teu xefe :P
Pégalle unha escoita! 🔊 👇
🎵 Adianto do novo disco que sae o vindeiro 16 de novembro.
😎 Temazo, vaia, na liña contestaria e algo popie destes 3 rapaces e cunha convidada ben interesante: High Paw 🔝🔝
▶️ Dálle ao play! 👇
Hai 10 meses e despois de 20 anos de silencio, os Rastreros presentaron novo disco.
Tralla pura, un paseo polo punk-rock e o bravú que veu demostrar que a banda se mantiña en forma -e con raiba abonda- para seguir a nos dar a súa singular ollada do mundo.
12 temas, en galego os máis bravús, con maior peso da gaita e letras -se se quer- máis costumistas (como na moi destacable "Leopoldo") e en castelán as máis punroqueiras, auténticos vergallazos nos que demostran que malia anos, quilos e canas seguen a ter moito que dicir. Imprescindibles, entre estas, "Gran Hermano" e "Mi generación".
Mesturando a experiencia con sangue novo, co Heléctrico á fronte coma sempre, a banda de Chantada apresenta un máis ca digno segundo disco que vén demostrar que o rural segue a ter a resposta para moitas cousas.
'Xente que mira' é o novo videoclip de Atrás tigre.
Trátase dun tema incluído en 'Fainos saír' (Triunvirato, 2017), o primeiro disco longo desta banda.
Gravado nos Estudios Terraforma do Hío (Cangas) por Ibán Pérez, o traballo transita carreiros popies, inzados de melancolía e melodías que se apegan a ti, como este 'Xente que mira'.
Dálle ao play!