RIMINI PROTOKOLL – SITUATIONS ROOMS. Por Agustín González Alonso
Calquera sabe que vai vivir unha experiencia extraordinaria cando algo o saca do seu lugar de confianza. Esta foi a sensación que vivimos as 30 persoas que asistimos á peza Situations Rooms do colectivo de directores alemáns Rimini Protokoll.
As/os espectadoras/es entramos por bambalinas ao escenario mentres un equipo de técnicos comeza a darnos instrucións do que temos que facer antes de entrar ao espectáculo: ter a man o DNI, quitar as chaquetas, non levar ningún artiluxio nas mans… estas advertencias comezan a xerar unha mezcla de inquedanza e responsabilidade entre as/os asistentes. Cadaquén conta cunha tablete uns auriculares e imos ter que seguir o noso video, que actúa coma unha lupa da nosa rota polos espazos que imos percorrer. A última instrución que recibimos é que na pantalla aparecen algúnhas iconas que indican se temos que deitarnos, sentar, dar a man ou realizar outro tipo de acción. Tras toda a explicación avísase que se alguén se perde hai saídas de emerxencia ou pódese levantar a man e alguén do equipo técnico pode reorientar. Comeza unha conta regresiva e cadaquén colócase diante dunha porta: Situations Rooms dá comezo.
Entramos nunha especie de escape roomon de temos que encarnar a 9 persoas e ver o que ven no seu día a día. Aínda que, ao principio, é difícil coordinar a atención no video e as interaccións, pouco a pouco vaste deixando levar. Neste espectáculo podes entrar na pel dun hacker que substrae información militar, dun fabricante de armas, dun político antibelicista, dun neno soldado… e todo o tempo estás executando actividades. Este bombardeo de imaxes provoca sensacións verdadeiramente agobiantes; como estar tumbado no chan mentres un soldado israelí che conta, a través da pantalla, que pode estar 9 horas nesa posición sen facer ruido ningún.
Un dos aspectos máis logrados deste espectáculo é conseguir que a voz das testemuñas absorba os teus pensamentos. Esta realidade virtual achégate a esas vidas de maneira estremecedora. Todo o que ocorre é unha precisa reconstrución subxectiva de axentes activos ou colaterais do cosmos armamentístico e bélico.
Cando rematamos esta experiencia, todas as persoas que asistimos, respiramos tranquilas e contrastamos as nosas experiencias dos personaxes que encaramos. Saír dos Teatros do Canal foi un alivio, mais ninguén queda impune da carga que xera esta live experience. Rimini Protokoll apunta a cada un de nós e a cada unha de nós, coas nosas pantallas, televisores, smartphones, pantallas… facéndonos reflexionar sobre a gran responsabilidad que temos co mundo que nos rodea, mais alá de ser espectadoras/es pasivas/os.
*Agustín González Alonso é alumno da especialidade de Dirección escénica e dramaturxia da ESAD de Galiza.
*Coordinación e supervisión de Afonso Becerra de Becerreá.















