O KINTSUGI TEATRAL E LA GIOIA DE PIPPO DELBONO NA 34 MIT RIBADAVIA. Por Afonso Becerra de Becerreá
LA GIOIA de Pippo Delbono, no Auditorio Rubén García do Castelo, o 15 de xullo de 2018 na 34 MIT Ribadavia.
O teatro pode ser un camiño cara á “gioia”, esa emoción inefable, esa palabra italiá intraducible que casa ledicia e dor, que apunta cara á unha ledicia fonda, cara a un sentimento de plenitude e pracidez non exento de melancolía. Quizais un estado fulgurante de éxtase existencial, porque pode ser experimentado na meditación budista, durante unha enfermidade severa, como a que padeceu o propio Pippo Delbono, segundo nos confesou na conversa pos-espectáculo, cando aínda estabamos baixo os efectos de La Gioia.
O teatro de Pippo Delbono está contaminado pola vida, por aquilo que proe e que doe, mais tamén por aquilo que produce éxtase e unha ledicia alén do riso provocado por chistes ou divertimentos.
Desde o propio palco, Pippo cóntanos anacos da súa historia e das de algúns dos compañeiros e compañeiras que o acompañan na peza. Esas historias, son fragmentos de vida, que serven como unha especie de declaración de principios que non pretende ser aleccionadora senón que consiste nun exercicio de espirse e ofrecer aquilo que un trae consigo.
A dramaturga AveLina Pérez comentaba, ao saír do espectáculo, que lle causara unha fonda impresión, unha mistura de riso e dor, tamén lle chamou a atención o feito de que as costuras do espectáculo estiveran á vista. E este, a min, paréceme un tema de radical importancia desde a perspectiva compositiva e creativa da dramaturxia de Pippo Delbono, na que paga a pena deterse.
Cito o que AveLina escribiu ao respecto nas redes sociais:
“pippo delbono, onte, falou de bobó dicindo que neste home estaba o sentido profundo do teatro
eu , onte, recibín unha importante lección de teatro
quizais agardaba ver a pippo nunha desas "tolerías" que tantas veces vin nos videos, desas descargas vitais.. e non, vin un espectáculo calmo - que non manso - controlado, coas costuras ao ar, un espectáculo que ata podía parecer "a medio facer", que logo podería, polos amantes da pulcritude e da limpeza - ser "traballado" (agardo que se note a ironía, recálcoo porque isto das redes, xa se sabe ...) e construír desde aí o "espectáculo"...
no coloquio pippo falou de que neste traballo había unha técnica importante, e estaba claro que a había
pero si, esa técnica pode usarse para moitas cousas.. para, por exemplo, permitir que as flores saian de bolsas do lixo
ando constantemente coa teima da relación do teatro e a vida, busco atopar na escena o humano - e para nada me refiro a autobiografías - e claro, nada disto pode elaborar unha teoría, nin sequera un modelo, nin ningún tipo de claridade .. .mellor! así poderemos seguir na busca sen ter seguridade, e creo que iso é unha boa cousa
nestes momentos terribles de espectacularidade e produto, agradezo ver estas cousas
emocioneime moito onte, e descoloqueime moito
agradezo, si” (16/07/2018)
Certamente “as costuras” dunha peza, nunha concepción herdada da estética clásica deben estar ocultas, agochadas ou disimuladas, en pro da boa figura e de xerar a ilusión de que a peza de arte é un ente autónomo á realidade e á vida cotiá, xerar a ilusión de que a obra de arte é unha entidade equilibrada e pechada, redonda, completa, porque na completitude cífrase o concepto da beleza clásica. Un ser incompleto ou inconcluso é un ser eivado e non belo.
Porén, como xa anotamos, o teatro de Pippo Delbono fai abrollar a beleza das miserias, das grazas e desgrazas da vida. É un teatro vital, vitalista e fondamente humanista, ou sexa: comprometido co xénero humano na súa diversidade, na súa debilidade, na súa loucura. A loucura, que me fai pensar en Antonin Artaud, tamén está en Pippo Delbono. A loucura que outorga unha luz diferente á luz da ciencia ou á luz do día. Unha luz, a da loucura, que provén do raio, ás veces do reflexo da lúa nas noites escuras, unha luz que fere.
As feridas deixan cicatriz e é desde esa cicatriz-costura que Pippo Delbono semella alumar as súas pezas teatrais.
No palco hai actores sen unha formación actoral, persoas con diversidade funcional que levan máis de vinte anos acompañando e compartindo o palco e a vida con Pippo Delbono. Gianluca, con síndrome de Down; Bobó, que ten 81 anos, e que non oe nin fala e ten moitas dificultades para moverse; Nelson Lariccia, cunha fisonomía e un movemento extremadamente magro e feble... Un elenco, en resume, moi diverso, fóra dos cánones do considerado “normal” enrelación á maioría.
A realidade que traen consigo estas persoas non pode taparse, igual que non se poden tapar as cicatrices máis fondas cunha cirurxía estética.
A realidade vibra no palco aínda que o xogo teatral a module a través do simulacro circense, cun aquel onírico, a través do disfraz e do recurso das figuras alegóricas dun circo de fantasía ou das flores de plástico que poboan algúns cadros de La Gioia.
Todo é real e, ao mesmo tempo, está xogado teatralmente, para, na montaxe, outorgarlle ese nivel transcendente que despega cara ao extraordinario, cara a catarse.
Todo é real, incluso os textos que Pippo escribiu, con pequenas historias alegóricas respecto á “gioia” e á loucura. Eses textos, como adoita acontecer en todas as pezas de Pippo, están nos papeis que el colle e nos le. Non hai unha memorización previa e unha elocución que finxa que o que se di é algo espontáneo, palabras que aparecen de maneira espontánea. Non. O que se di foi pensado e escrito previamente e, por tanto, esa é a súa realidade, por iso as palabras escritas non son ditas como se non fosen palabras escritas, senón que son lidas, para poñer en evidencia, tamén, a realidade do texto, a relación coa escrita e coa lectura.
No entanto, non se trata dunha lectura calquera, senón dunha lectura extremadamente coidada e temperada, sostida por unha técnica e unha dicción maxistrais. Ademais, o timbre de voz de Pippo Delbono é fermosísimo. Consegue modular, articular e proxectar a voz de maneira musical, para chegar a unha performance vocal que extrema a sensorialidade contida nos sons das palabras, nas curvas melódicas, nas pausas, nas interxeccións, nas diferentes dinámicas do fortísimo ao pianísimo, pasando polo murmurio e desenvocando no salouco, axitando os lindes entre éste e o riso...
Os textos escritos en folios de papel, sostidos nas mans e lidos baixo a luz dunha lanterna, enganchada ao micrófono, son outra costura dentro das pezas de teatro de Delbono.
En La Gioia cítanse poemas sobre a experiencia da “gioia” dunha poeta mirando as estrelas na noite dun campo de concentración, o monólogo de Enrique IV de Pirandello, en pleno arrouto de loucura, cancións pop en francés ou italiano, ligadas a unha visión máis naif do amor e o desamor, como “Petite fleur” ou “Dove é la gioia”, actuada en playback por Gianluca, travestido de diva da canción.
A estrutura da peza é serena e cun aquel de sinxeleza, consistente en diferentes cadros contiguos, relacionados polos textos de Pippo e por asociacións visuais respecto á loucura e á “gioia”, tamén pola presenza das actrices e os actores, unha presenza entre a icona, a figura alegórica e incluso a metáfora.
En cada un deses cadros asistimos á construción dunha instalación plástica, in situ, realizada, na meirande parte dos casos, pola acción de Zakria Safi, un rapaz refuxiado afgano, que xa participara en Vangelo (2015) e que segue colaborando con Delbono.
O feito de asistirmos á propia actividade de compoñer o escenario de cada peza, mentres soa unha música ou escoitamos a lectura que fai Pippo de algún dos seus textos, desde algún recuncho do palco ou da grada do público, tamén é un xeito de non esconder a natureza do xogo teatral, as costuras, a artesanía como metáfora da propia vida.
Así se compón o cadro no que o linóleo negro se cobre de filas de barquiños de papel branco, cun banco no centro, onde van sentar Bobó e Pippo, para deixarnos ver un aspecto da súa singular relación.
Así se compón a instalación de moreas de pezas de roupa multicolor estendidas polo chan, con Gianluca vestido de Pierrot Lunaire, cunha bágoa negra pintada na fazula esquerda, mentres Pippo nos le un texto alusivo á tristura e á dor, que han pasar igual que o inverno deixa lugar á primavera.
Así se compón a instalación na que Zakria Safi esparexe montes de follas secas, que enchen o chan, e saca flores de sacos de lixo e pendura tamén restras de flores, que ascenden cara ao ceo, para crear unha postal surreal, que contrasta cunha do comezo, na que Pippo danzaba entre reixas de metal e, agora, neste cadro, danza entre restras de flores, na composición floral de Thierry Boutemy.
Neste mesmo entorno van celebrar o 81 aniversario de Bobó toda unha troupe de personaxes alegóricos dun circo de fantasía, que danzan arredor do banco no que senta o clown Bobó, para soprar as candeas dunha torta de fantasía e para soltar un discurso inintelixible, pero emocionante, igual que aquel de Lucky en Á espera de Godotde Beckett.
En La Gioiaa ledicia, como unha flor, é unha emoción que xorde nun tremor sen despegar do substrato doloroso, que se sente e se evoca, entre os textos e os xestos, no estar desas persoas que deambulan polo palco. Logo está o poema escénico tecido polas accións escénicas que se suma ao abraio e ao misterio desas presenzas e mesmo do que nos aconteceu, a cada espectadora e a cada espectador, desde a grada.
O teatro de Pippo Delbono é semellante ao Kintsugi xaponés: unha técnica para arranxar as fracturas das pezas de cerámica, aplicando unha resina mesturada con po de ouro, prata ou pratino, seguindo unha filosofía segundo a cal as roturas e as reparacións forman parte da historia do obxecto e deben amosarse en lugar de ocultarse. Esas pezas coas costuras visibles son dunha beleza que desacouga e produce “gioia”.