Imos ir repasando algúns dos proxectos máis interesantes que traballan en Galicia para a creación, preservación, dixitalización e divulgación de arquivos. Comezamos por Proxecto Socheo, un arquivo audiovisual comunitario que desde A Guarda trata de recompilar a memoria da súa bisbarra, cun activo blog e canal en Youtube. No vídeo tedes unha boa síntese do proxecto. E así nolo explica Beli Martínez, unha das súas impulsoras e participante na rede “Abrir os arquivos”.
Proxecto Socheo é un intento de contrarrestar o impacto do esquecemento que produce o paso do tempo na vila da Guarda e na bisbarra do Baixo Miño. Por medio desta canle preténdese xuntar nunha mesma plataforma todas aquelas imaxes en movemento que supoñan un reforzo para evitar a fraxilidade da memoria colectiva. Vivimos en tempos onde a diario se desbota unha chea de material audiovisual e aquí pretendemos xuntalo e preservalo para, deste xeito, axudar a enriquecer o patrimonio da Guarda. Proxecto Socheo é unha maneira de repensar o pasado, facelo presente e re-dimensionalo para o futuro. A intención deste proxecto é convidar a quen posúa imaxes da Guarda e das súas xentes a que amose os seus arquivos e con eles axude a engrosar este proxecto común.















