Quen non ten unha cinta de casete na casa? Que din sobre nós esas cintas? Que lembranzas levan aparelladas? Se un casete garda a memoria dunha persoa, os casetes de toda unha aldea conforman a súa memoria colectiva. O proxecto Cancasete, que se estrea este venres no propio Festival de Cans, realizou durante semanas un labor de recollida de casetes nos faiados e caixóns das casas da parroquia de Cans, falando tamén cos seus donos, facendo emerxer as lembranzas asociadas a esas músicas e a esas cintas. O proxecto, no que participan María Lobo, Roi Guitián, María Yáñez, Javi Campo e Alfonso Pato, deu lugar a un documental de 25 minutos, sobre o que falamos con María Yáñez.















