Podedes probar a maquetar a historia de vida coa que estabamos traballando. Usade, por exemplo, Scribus. Ou calquera outro maquetador.
Historia de vida de Dorinda
A vida das persoas que viven na Residencia de maiores de Castro ten, como case todas as vidas, unha parte rutinaria, pero tamén agocha moitísimas experiencias persoais e máis dinamismo e variedade de actividades das que unha persoa que non a teña visitado podería sospeitar. Así, por exemplo, teñen a opción de asistir á misa os venres, acuden a sesións de fisioterapia cando o precisan, realizan manualidades ou colaboran coa repostería, ven a tele, escoitan música, asisten á lectura do xornal, fan saídas, visitas e excursións e mesmo xogan ao bingo.
O do bingo é, xunto coas cartas, un dos entretementos favoritos de Dorinda Sierra Fernández, nacida en xuño de 1929 en Abeledo, unha parroquia de Abadín. Neste entorno da Chaira é onde viviu sempre, posto que dende Abeledo marchou coa familia a varias aldeas de Bretoña, ata establecerse, ao casar, en Duarría (onde aínda ten a súa casa, na que vive o seu fillo e a súa familia), e vir finalmente á Residencia de maiores de Castro, onde vive dende hai un ano.
Da súa infancia garda moi bos recordos no que ten que ver coa súa familia, que se dedicaba á labranza e na que foi filla única de Josefa e Salustiano. Non obstante súa nai foi nai solteira, e nunca tivo relación con seu pai. Criouse con súa nai, súa madriña e seu avó, que ademáis de labrego era zoqueiro e carpinteiro. Dorinda lembra ser unha nena obediente e, como anécdota, só recorda ter sido castigada nunha ocasión por súa nai, que lle deu cun puñado de ortigas no cu por escoitarlle unha blasfemia que ela escoitara antes a dúas veciñas da aldea que habitualmente discutían.
Sempre mostrou interese e curiosidade por aprender, así que daquela época o único que bota de menos foi non ter tido a posibilidade de ir á escola que había na aldea do lado. Porén, todo o que sabe débello á súa experiencia da vida e á observación dos que a rodearon. Así, os seus coñecementos de matemáticas adquiriunos observando e imitando as contas que se facían na casa por mor das vendas. Tamén aproveitou que súa nai sabía ler e escribir para aprender dela, de xeito que con 6 anos era capaz de facelo usando libros de aprendizaxe da época, como o Silabario, co que melloraba a lectura, e o Manuscrito, co que se aprendía a escribir.
O normal na vida despois da Guerra Civil era que todos dos membros da familia tiveran que axudar nos traballos da casa, como ocorreu no caso de Dorinda, que se encargaba de faenas como a de colaborar na labranza, coidar o gando, muxir as vacas, fregar os cacharros na cociña, facer a limpeza ou lavar a roupa a man no río (ocupación que lle agradaba salvo cando se trataba da roupa da cama, polo pesada que se volvía ao enchouparse), así como outras moitas tarefas.
Entre as faenas agrícolas cotiás ou estacionais que Dorinda lembra, atópanse algunhas que hoxe vemos máis como festas folclóricas que como traballos, e é capaz de dar bastantes detalles sobre elas. Por exemplo, fala da matanza do porco, que incluía o sacrificio, o despezado e o salgado do animal, que facían os homes, así como a recollida do sangue para filloas, o lavado das vísceras e a elaboración dos embutidos, do que habitualmente se ocupaban as mulleres. Tamén lembra o proceso de recollida da herba seca para abastecer o gando no inverno, que se facía segándoa a man con gadañas, estendéndoa, volteándoa, xuntándoa en “gorgotos” para volver a estendela ata que estivese seca, e finalmente carretándoa ata o palleiro onde se almacenaba. E bastante parecida era a faena da malla, que empezaba coa sega, feita a man, a recollida, que incluía a elaboración dos mollos de centeo, o seu transporte nos carros e a construción das típicas medas para protexer o gran e, finalmente, a malla propiamente dita , que cando Dorinda era nena se facía a man. Todas estas labores, ás que Dorinda se dedicou toda a súa vida, tamén tiñan a particularidade de que case sempre eran comunitarias, porque se facían coa axuda mutua dos veciños da parroquia, suplindo así a falta de ferramentas modernas pero tamén convertendo os labores nunha forma de convivencia e mesmo de festa.
Pero ademáis das tarefas propias do fogar e do traballo agrícola e gandeiro, as mulleres que viviron na posguerra tamén se ocupaban doutras obrigas, como podía ser a asistencia ás feiras e mercados tradicionais, ben para mercar ben para vender produtos excedentes; Dorinda, por exemplo, lembra ter comerciado nas feiras da contorna con ovos, coellos ou aves de curral. Do mesmo xeito, entre as habilidades de Dorinda, que aprendeu pola súa conta, estaba a calceta, que facía empregando a lá das propias ovellas; estas primeiro eran trasquiladas, logo lavábase a lá no río, poñíase a secar, e despois escarpelábase para separar os fíos e, por último, fiábase usando unha roca e un fuso. O fío xuntábase en novelos que se torcían e quedaban nun só, que logo era usado para calcetar diferentes prendas, no caso de Dorinda sobre todo calcetíns.
Todas estas faenas formaron parte do día a día de Dorinda na maior parte da súa vida, xa que mesmo logo de xubilarse, aos 65 anos, continuou ocupándose delas. As súas lembranzas tamén nos serven para comprobar as diferencias que existían entre homes e mulleres naquela Galiza tradicional e os cambios que se foron producindo; por exemplo, as atribucións xa comentadas respecto da matanza, e tamén lembra que nos seus anos mozos e adultos había certas tarefas do campo propias dos homes, como a labranza maior do campo, mentres que as mulleres se ocupaban da casa, da crianza dos fillos, do coidado dos animais e de axudar aos homes no campo.
Como é lóxico, Dorinda foi testemuña dos cambios radicais que se produciron no campo galego no século XX e ata a actualidade. Por exemplo, lembra cando o traballo na terra se facía cun arado de pau, logo substituído por outros máis modernos, como o metálico de vertedeira, ou incluso cando se pasou de traballar a man ou coa forza dos animais á modernización que supuxeron os tractores e a maquinaria agrícola.
Por outra banda, tamén foi testemuña dos cambios históricos, sociais e políticos de España no século XX. Cando estalou a Guerra Civil española Dorinda tiña uns 7 anos, así que lembra aquela época e a inmediata posguerra como un momento moi duro, marcado sobre todo polas restricións de produtos que hoxe consideramos de uso diario, como o pan, ou polo racionamento doutros aos que se raramente se tiña acceso, como o azucre.
Ese cambio chegou tamén de forma moi visible a asuntos tan cotiáns como a alimentación, porque Dorinda ve moitas diferencias entre a comida do pasado respecto da de agora: antes dábase con produtos da casa, como o leite, o queixo, o pan, os chourizos, a carne de porco e os produtos da colleita propia, mentres que agora é maioritariamente con alimentos procesados e mercados nas tendas. Non obstante, a Dorinda nunca lle gustou o viño.
Pese ás dificultades do mundo no que Dorinda naceu e medrou, tamén había tempo para a diversión. Aínda que non tiña xoguetes propiamente ditos, salvo algunha boneca de trapo que facía ela mesma, entre os recordos divertidos da súa infancia estarían algúns dos xogos cos que se entretiña. Por exemplo, mentras coidaba do gando, improvisaba un arrandeadoiro cunha corda pendurada dunha árbore, ou xogaba a prantar a horta ou ao escondite.
A maior parte destes xogos compartíaos con amigos e amigas que coñeceu dende a infancia e cos que seguiu tendo relación durante toda a vida, como Armando, Rodrigo, Luís e moitos máis.
Con estes mesmos compañeiros e compañeiras, e en xeral coa xente da contorna, compartiu outros entretementos segundo foi medrando e facéndose moza. Lembra que naquela época, en torno aos 17 anos, empezou a saír de festa, pero nunca tivo moito interese nos rapaces, e mesmo se viu obrigada a mostrar o seu carácter varias veces, defendéndose deles cando se tentaron propasar con ela. Así ata os 20 anos non tivo mozo formal, chamado Alejandro, a quen fixo agardar oito meses para saber se o aceptaba como mozo. Con Alejandro casaría o 23 de abril de 1953 na igrexa de Bretoña, e con el viviría durante medio século, ata que quedou viúva.
Da súa voda lembra que se celebrou ás seis da mañá nun día de moita xeada; foi moi sinxela pero moi bonita: só acudiron os padriños e os testigos, Dorinda só estreou un abrigo aquel día, e a súa madriña levou unha cesta de roscas que comeron na casa do cura despois da cerimonia, aínda que a maior parte delas comeunas o cura.
Froito daquel matrimonio naceron as súas fillas Ana e Eva e o seu fillo Félix, que criou coa axuda da súa sogra, e que posteriormente lle darían os seus sete netos e tres bisnetos.
As actividades sociais que lembra daquela época eran en parte diferentes das que existen actualmente. Por exemplo, o normal era acudir á misa nas festas e o domingo —costume que conserva aínda hoxe na residencia—, ir á polavila entre as casas dos veciños, ou ir ás festas patronais e improvisar bailes, con música de acordeón ou gaita, nas casas da aldea, onde se divertían con cancións de moda na época como “La raspa”.
Naqueles encontros era habitual que se formaran moitas parellas, que adoitaban bailar, pasear e falar. Outros entretementos que hoxe son habituais, como ir aos bares ou facer deporte, daquela non eran frecuentes e menos aínda para as mozas. De feito, Dorinda destaca que nunca lle gustou o viño e mesmo cre que a xuventude actual, á que ve con simpatía, debería procurar afastarse de hábitos como o alcol e as drogas, que poden resultar perigosos.
Pasados os noventa anos, o carácter alegre de Dorinda e a súa memoria son dous dos trazos que mellor a definen. E precisamente mostra desta última, xunto coas anécdotas e detalles que comparte con quen a visita, é a gran cantidade de textos de tradición oral que lembra, entre adiviñas e cantigas. Algunhas delas son as seguintes:
Dicen que tus manos pican,
también los rosales pican
y de ellos salen las rosas.
tres peras nun ramalliño;
quen me ten tanto cariño.
Cucurico non ten ollos, cu nin bico;
e os fillos de cucurico teñen ollos, cu e bico (o ovos e os pitos)
y en la tierra labradora.
Andar, andar e nunca á casa chegar. (O muíño)¡
donde la voz corre y suena,
por chalatana está presa.
Soldados le hacen guardia
que los más fuertes son hembras.
Alto te vexo no teu caparexo
vexote vir e non podo fuxir
Cando vou po monte miro pa casa
e cando veño pa casa miro po monte
Cando vai po monte vai encollido
e cando ven pa casa ven estendido
Detras de una puerta lo vi hacer