E se desaparecen os xornais?
Que os tempos están a trocar é unha cuestión que non pode ser sometida a debate. É evidente que está a acontecer. Se os cambios son para mellor ou son para voltar para tras só no-lo pode confirmar o tempo; aínda que todo parece estar conxurado para que as vindeiras xeracións vivan peor que os seus devanceiros.
Por moito que nos inquede, isto tampouco é a primeira vez que acontece, nin seguramente tampouco será a última. A nivel de grandes avances sociais e científicos basta con comparar o que supuxeron períodos como os anos iniciais do Imperio Musulmán e a convivencia das tres grandes relixións na Península co escurantismo que supuxo despois a Inquisición... cada vez que vexo un anuncio da serie de TV nova sobre os Reis Católicos non son capaz de non lembrar a miña querida mestra de Literatura Galega, cando dicía aquilo de “E aquí comeza o período de Doma e Castración”... coma escarpías póñenseme os pelos aínda hoxe ... e máis cando se escoitan algunhas declaracións dalgúns que aspiran a ser representantes cidadáns... Deus no no queira!!
E vós dicides, por enésima vez, pero isto a que ven? Pois ven a que hoxe a primeira hora chegoume un correo da presentación da colaboración entre Praza e Eldiario.es, o cal sen dúbida é unha boa nova. Fai pouco chegou a nova da inauguración doutro periódico dixital, esta vez da zona pontevedresa. Sen dúbida, máis boas novas, porque a información procedente de fontes diversas é o que fai avanzar a Sociedade, e, sen posibilidade de erro, fannos falta moitos avances na tragaperras da Sociedade actual.
Pero polo camiño, tamén chegaron as malas novas sobre o País Edición Galiza, ou o ano pasado o cerre do Xornal, ... Malas novas! Porque a falta de pluralidade é o primeiro paso cara a volta á Doma e Castración... Tamén haberá que dicir que isto pasa en máis medios que nos escritos porque ver algún telexornal e pensar en pisarlle a cabeza o xefe de informativos, tamén é posible.
Está claro que a xente cada vez le menos o xornal, cada vez véndense menos, e é moi difícil competir co inmediato de internet cando dos medios en papel se trata. Non vou ser eu quen faga eiquí un análise profundo do tema porque nin me considero capaz, nin teño os bimbios necesarios, nin os coñecementos... nin as solucións lamentablemente.
O que sen dúbida é certo que cada vez hai unha aposta máis forte cara os medios dixitais (eiquí nos atopamos).
Pero eu non podo evitar pensar en botar de menos a agradable sensación de abri-lo xornal, mancha-los dedos de tinta, lelo nun bar mentres agardas, recortar unha noticia, e gardala... para descubrir despois que non a gárdache nas mellores condicións, que túa nai chame para dicir que te viu no periódico, ou que a partir dunha idade o que primeiro se le son as ísquelas...
E tamén é moi doado esquecer a uns pequenos grandes actores fundamentais para a difusión da prensa escrita e tamén para a conservación da prensa escrita, ... quen senón? Os microorganismos. Outra vez máis os grandes esquecedizos, pero para nada irrelevantes neste proceso.
Que fai falta para facer un periódico tradicional? Papel. E que é o papel? Pois entre outras cousas celulosa. E como se extrae a celulosa? Pois primeiro cun proceso químico destinado a libera-la doutros compostos coma a lignina, e a continuación fan falta uns enzimas que a liberen, coma a Willy. E de onde veñen eses enzimas? Pois as celulasas, que a así se chaman, veñen principalmente dun fungo: Trichoderma reesei, se ben podería haber máis fontes pero este é o que ten as F1 das celulasas. Por suposto, sobre estes enzimas fíxose biotecnoloxía para acadar mellores eficacias. Outro paso fundamental na elaboración do papel é o branqueado, ese que fai que o noso papel apareza impoluto e no que se contamina a esgallo... Unha alternativa para branquear sen contaminar sonche outros enzimas chamados lacasas procedentes do fungo Pycnoporus sanguineous.
Por suposto, tamén están os malos, os perversos microorganismos capaces de devorar, degradar, alterar ou botar a perder aquel recorte que gárdache un día. Se o recorte o gardas nun lugar cunhas condicións de temperatura e humidade adecuadas haiche unha serie de microorganismos que serán felices coméndoo. Hai máis de 200 especies de fungos que atacan arquivos e bibliotecas, menos mal que na Catedral teñen ben vixiado o Códice, e o valiosissisisismo arquivo que alí albergan. Os máis coñecidos son membros dos xéneros Aspergillus e Penicillium, son os responsables das manchas amarelo-pardas que poden aparecer nas follas e que se van estendendo co paso do tempo. Tamén as bacterias queren o seu pedazo de pastel. Especies pertencentes a xéneros coma Cytophaga, Cellvibrium, Cellfacicula son capaces de producir ácidos que atacan o papel e tamén as tintas...
O ser especies capaces de alimentarse da celulosa, ademais de provocar alteración na cor coma os fungos farán que as follas se troquen quebradizas e fráxiles.
Fai pouco saltou a noticia de que no Instituto Italiano de Tecnoloxía un grupo de investigadores estaba a desenrolar un papel impermeable, magnético e anti-bacterias. Obviamente non o facían pensando nos xornais senón en posibles aplicacións en campos coma a preservación de alimentos. Sen dúbida será un grande avance.
É mentres os avances e os trocos chegan, eu seguirei a botar de menos o periódico do domingo o que lle caía a cunca de café.
E que farían os meus pobres fungos e bacterias se desaparecen os xornais?
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
Seiboth B; Hakola S; March Rl; Suominen Pl; Kubicek Cp. Role de four major cellulases in triggering of cellulase gene expression by celloluse in Trichoderma reesei. J bacteriol, 1997 sep, 179:17, 5318-20.
Seiboth B; Hakola S; March Rl; Suominen Pl; Kubicek Cp. Role de four major cellulases in triggering of cellulase gene expression by celloluse in Trichoderma reesei. J bacteriol, 1997 sep, 179:17, 5318-20.Medve j; karisson j; lee d; tjerneld f. Hydrolisis of microcrystalline celloluse by cellobiohydrolase I and endoglucanase II fron Trichoderma reesei adsorption, sugar production pattern, and synergism of the enzymes. Biotechnol bioeng, 1998 sep, 59:5, 621-34.
Nutt A; Sild V; Pettersson G; Johansson G. Progress curves—a mean for functional classification of cellulases. eur J biochem, 1998 nov, 258:1, 200-6.
Takashima s; nakamura a; hidaka m; masaki h; uozumi t. Molecular cloning and expression of the novel fungal beta-glucosidase genes from Humicola grisea and Trichoderma reesei. J biochem (tokyo), 1999 apr, 125:4, 728-36.
IFLA – Principios para el Cuidado y Manejo de Material de Bibliotecas. Publicación del Centro Nacional de Conservación y Restauración DIBAM. Santiago de Chile 2000.
http://www.bbc.co.uk/mundo/noticias/2012/05/120511_tecnologia_papel_resistente_agua_aa.shtml










