A bacteria come-miolos
Nunca che me gustaron moito as películas de terror. Nunca lle souben ver o valor a unha morea de sangue, berros, matanzas ... Nunca lle vin o mérito a títulos como “Sei o que fixestes o último verán” ... A verdade nunca che foi moi difícil de adiviñalo; levabámosche unha vida moi predecible, entretida si, pero predecible cando os veráns eran veráns.
Só unha película superou este frontal rexeitamento e chegoume o corazón, nel sempre haberá un anaquiño para o meu Haníbal. O terror psicolóxico do “Silencio dos años” é simplemente sublime. Cando saíu a segunda parte, lembro que fun con temor o Cine. Trocar a Jodie Foster por Julianne Moore era arriscado. Despois a xente dicía: buff!! é para perder o sentido (literalmente). Ben, direi que me pareceu unha encantadora comedia... Sen animo de caer en Spoilers, cando di aquilo de: Vas ter que ir para a mesa dos nenos”, é para rir a esgallo. Non podo opinar do resto de secuelas, precuelas, porque se xa a segunda non era a primeira, e para poder considerarala boa tiñámola que mover de xénero, decidín que era mellor non forzar e parar.
¿Por que me lembro hoxe disto? Por unha pequena ameba que foi bautizada por un xornalista do Guardian inglés coma a “Brain-eating amoeba” ou o que che ven sendo o mesmo a Ameba come-miolos. O nome científico desta ameba eche Naegleria fowleri e é nova porque xa leva causadas 10 mortes en Pakistan, concretamente na cidade de Karachi, que é unha das maiores cidades dese país; e que lamentablemente somos capaces de coñecer porque de cando en cando sae nos telexornais por algunha noticia dolosa.
Naegleria fowleri é unha ameba que vive nas augas e penetra nos humanos polo nariz (como cando te vas dar un chapuzón a praia). A través do nariz e capaz de alcanzar o sistema nervioso central. O nome populista ven dado porque despois o que fai é seca-lo cerebro. O que realmente provoca é una meningoencefalitis primaria ameboide (PMA ou PAM en inglés). A forma de contaminación é única, auga contaminada polo nariz, nin transmisión humano-humano nin reservorios animais, non só auga. Os síntomas que provoca mentres está a absorbe-los miolos son incriblemente sinxelos e similares os do catarro común: tose, mocos, dolor de estómago, e unha mortaldade do 98 % dos casos.
Se alguén lee a noticia publicada en The Guardian sobre o número de casos actuais en Pakistan verá que levan aproximadamente uns 10 casos pero que se queixan de que debido as condicións de vida e dos hospitais de Karachi pode ser que a maior parte dos casos da ameba come-miolos pasen desapercibidos. Certo, seguramente Karachi non é o mellor lugar do mundo para poñerse enfermo pero coidado cos exemplos que se poden chegar a poñer e con empezar a dicir cousas coma que: Nosotros no somos Uganda!, e bravuconadas de última hora, porque cantos casos de Creutzfeldt-Jakob, as vacas tolas, foron mal diagnosticados, ou diagnosticados coma outra doenza? E iso na terra xusto de The Guardian.
Cando lin a noticia non puiden evitar buscar fontes que me explicasen un pouco máis sobre Naegleria fowleri e a súa incidencia na poboación. E atopei a páxina dos CDC americanos (Centers for Disease Control and Prevention). Resulta que o primeiro caso diagnosticado prodúcese xusto en Estados Unidos, seguramente porque eles tiñan os medios para facelo. Pero cada certo tempo teñen un caso, concretamente no ano 2007 tiveron 6, e no período do 1998-2007 33. Realmente comparado co de Pakistan tampouco hai tanta diferenza. Seguramente a máis grande diverxencia estará na capacidade de reacción, ben para prever, ben para desinfectar cando aparecen augas contaminadas.
Bacterias, amebas, fungos ou prions capaces de ataca-lo cerebro e provocar graves doenzas hai uns cuantos.. O problema está en saber que tempo de vida lles queda porque cada vez é máis difícil atopar miolos non atrofiados que poidan atacar.
Patricia Veiga-Crespo
@pvcrespo
A nova en The guardian
http://www.guardian.co.uk/Orlando/2012/oct/09/brain-eating-amoeba-kills-karachi?CMP=twt_gu
Centers for Disease Control and Prevention. Primary amebic meningoencephalitis--Arizona, Florida, and Texas, 2007. MMWR Morb Mortal Wkly Rep. May 30 2008;57(21):573-7.
Parija SC, Jayakeerthee SR. Naegleria fowleri: a free living amoeba of emerging medical importance. J Commun Dis. Sep 1999;31(3):153-9.
Jung SY, Kim JH, Song KJ, Lee YJ, Kwon MH, Kim K. Gene silencing of nfa1 affects the in vitro cytotoxicity of Naegleria fowleri in murine macrophages. Mol Biochem Parasitol. May 2009;165(1):87-93.
Centers for Disease Control and Prevention. Factsheet of Naeglaria fowleri. Available at http://www.cdc.gov/ncidod/dpd/parasites/Naegleria/factsht_naegleria.html
Jamerson M, Remmers K, Cabral G, Marciano-Cabral F. Survey for the presence of Naegleria fowleri amebae in lake water used to cool reactors at a nuclear power generating plant. Parasitol Res. Apr 2009;104(5):969-78.
Centers for Disease Control and Prevention. Emerging Infectious Diseases. http://wwwnc.cdc.gov/eid/. Available at http://wwwnc.cdc.gov/eid/. Accessed February 2011.













