"Patente? Non hai patente. Pódese patentar o sol?"
O 12 de abril de 1955, Jonas Salk anunciaba publicamente a efectividade da vacina contra a poliomielite. No ano 1952, esta enfermidade provocara a morte de 3145 nenos e vinte mil casos de parálise, só nos Estados Unidos. Cando se lle preguntou pola patente, Salk respondeu: "Non hai patente. Pódese patentar o sol?". En 2012, a poliomielite é inexistente en Europa e Estados Unidos (son zonas libres da doenza) aínda que segue a ser endémica en Nixeria, India, Pakistán e Afganistán. Para poder dicir que unha enfermidade infecciosa está erradicada, como no caso da varíola, son necesarias tres condicións:
1. que non exista nin un só caso ocasionado polo virus salvaxe durante polo menos tres anos
2. que as medidas de vixiancia en todos os países cumplan as normas internacionais
3. que cada país demostre a súa capacidade para detectar, notificar e responder aos casos importados da enfermidade
Ademais, será necesario certificar a seguridade dos laboratorios nos que se gardan as cepas e nos que se fabrican as vacinas.
A día de hoxe, no noso medio, a maioría dos médicos máis novos non vimos nunca un caso de poliomielite, nin de sarampelo ou tosferina, mais que en vídeos históricos. Pero que estas enfermidades non existan no noso medio non quere dicir que estean erradicadas, como si é o caso da viruela, polo que é necesario continuar administrando vacinas para impedir un rebrote.
En 1998, Andrew Wakefield publicou na prestixiosa revista médica The Lancet un estudo que relacionaba a adminsitración da vacina tripla vírica (papeiras, rubéola e sarampelo) co autismo. Posteriormente, numerosos estudos clínicos refutaron esta conexión, demostrando que os casos de autismo en nenos aos que lles foi adminsitrada a tripla vírica eran iguais en número aos que se presentaban na mostra de nenos non vacinados. Ademáis de evidenciar os problemas metodolóxicos do estudo de Wakefield (unha mostra de só doce nenos), este que foi calificado pola directora da revista British Medical Journal, Fiona Godlee, como "un eleborado fraude". Ao parecer, Wakefield podería estarse lucrando do movemento antivacinas que el mesmo promoveu, desenvolvendo vacinas "alernativas"'á triple vírica e outros produtos derivados. O Consello Médico Xeral de Reino Unido mantén a Wakefield inhabilitado para o exercicio da profesión, ao considerar que actuou de xeito deshonesto e irresponsable.
Porén, o movemento antivacinas, que nun primeiro momento esixía a investigación dos supostos efectos secundarios destes tratamentos, continúa pese a todas as probas negativas ao respecto. As consecuencias, polo momento, están a ser un descenso do número de vacinacións e polo tanto un debilitamento da inmunidade de grupo, que se traduce nun aumento do número de casos de enfermidades como o sarampelo, que no canto de tender cara a erradicación, rebrotan en países industrializados. Como se explica que unha alarma en principio lexítima (o artigo publicouse no Lancet, e atinxía a un trastorno suficientemente grave como para provocala) desemboque nun estado de conspiranoia tal que as consecuencias do propio medo sexan peores que o suposto perigo a evitar?
Na miña opinión, existen varios factores que sosteñen o chamado movemento antivacinas
Intereses económicos creados, como xa se demostrou no caso do propio Wakefield. As asociacións antivacinas e todos os produtos comercializados ao seu redor semellan ser un excelente negocio. Curiosamente, este é un dos argumentos empregados polos propios antivacinas para desacreditar a vacinación.
Analfabetismo científico: moitas das persoas que participan deste tipo de iniciativas non saben o que significa erradicación, inmunidade de grupo ou como funciona o sistema inmune.
Ideoloxías de ultradereita disfrazadas de defensa das liberdades: a liberdade individual remata onde empeza a liberdade (ou a saúde) do outro, e este é exactamente o caso das vacinas. Apelar á liberdade dos pais para decidir se vacinan ou non aos seus fillos vulnera o dereito á saúde dos propios nenos, ao expoñelos innecesariamente a enfermidades e secuelas graves, e de toda a comunidade, ao favorecer o contaxio. Os fillos non son unha propiedade privada de cada pai, nin a saúde pública é un asunto privado.
Gusto polo “alternativo” e tendencia ao pensamento máxico e conspiranoico: moitas das persoas que deciden non vacinar aos seus fillos sosteñen crenzas anticientíficas e irracionais noutros temas, sexa a homeopatía outras terapias médicas de efectividade non comprobada ou ideas sobre que os gobernos ou as institucións sanitaria están movidas por intereses escuros e turbios en temas de saúde. Para algunhas persoas, calquera argumento “non oficial” ten valor en si mesmo polo feito de ser contrario ao xeralmente aceptado, independentemente das probas a favor ou en contra.
No caso das vacinas, as probas a favor da súa efectividade e seguridade son tan abafadoras que no poden ser refutadas. A poliomielite, a tosferina, a hepatite B, o sarampelo, a varíola, pasaron de ser problemas de saúde pública de primeiro orde, e un drama persoal para moitas persoas que perderon aos seus fillos ou sufriron gravísimas secuelas, a converterse nunha lección de historia nas facultades de Medicina.
1. Burgess DC, Burgess MA, Leask J.The MMR vaccination and autism controversy in United Kingdom 1998-2005: inevitable community outrage or a failure of risk communication?Vaccine. 2006 May 1;24(18):3921-8. Epub 2006 Mar 3.PubMed [citation] PMID: 16564116
2. DeStefano F, Thompson WW.MMR vaccine and autism: an update of the scientific evidence.Expert Rev Vaccines. 2004 Feb;3(1):19-22. Review.PubMed [citation] PMID:14761240
3. DeStefano F.Vaccines and autism: evidence does not support a causal association.Clin Pharmacol Ther. 2007 Dec;82(6):756-9. Epub 2007 Oct 10. Review.PubMed [citation] PMID: 17928818
4. Fombonne E, Chakrabarti S.No evidence for a new variant of measles-mumps-rubella-induced autism.Pediatrics. 2001 Oct;108(4):E58.PubMed [citation] PMID: 11581466
5. Holton A, Weberling B, Clarke CE, Smith MJ.The Blame Frame: Media Attribution of Culpability About the MMR-Autism Vaccination Scare.Health Commun. 2012 Jan 11.[Epub ahead of print]PubMed [citation] PMID: 22236220
6. Roberts R.MMR vaccination and autism 1998. There is no causal link between MMR vaccine and autism.BMJ. 1998 Jun 13;316(7147):1824. No abstract available. PubMed [citation] PMID: 9624080, PMCID: PMC1113325
7. Taylor B, Miller E, Farrington CP, Petropoulos MC, Favot-Mayaud I, Li J, Waight PA.Autism and measles, mumps, and rubella vaccine: no epidemiological evidence for a causal association.Lancet. 1999 Jun 12;353(9169):2026-9.PubMed [citation] PMID: 10376617
http://blogs.elcorreo.com/magonia/2011/01/12/el-inventor-la-conexion-entre-triple-virica-y-autismo-planeo/
http://www.rtve.es/television/20110207/documentos-tv-guerra-vacunas/402095.shtml