Żoliborz
I
Un rumor de ollos insomnes,
un pulular dos insectos
tras as lañas que ameazan
as paredes das garitas.
As voces luídas,
forxadas no silencio da contenda.
II
Tremen os corpos
na profundidade abisal da cidadela
-bastión peláxico-
e o fío dos teus dedos calados
enceta o meu rostro
na procura dun misterio
-ou da morfoloxía da dor-.
III
Continuación das hostilidades.
Manifesto salvaxe
-ladaíña extraña-
que pronuncias
unha
dúas
tres veces:
nigdy naprawdę
nigdy od serca
nic prawdziwego
IV
Fuxida cara adiante.
De mans dadas
sorteamos nenúfares e anémones
e un vello toca o acordeón en Plac Wilsona
mentres ti confesas:
“Sabes? Aquí os salgueiros tamén choran”.















