Así sería o Congreso español aplicando os datos do barómetro do CIS publicado hoxe.
Onde se produciría a perda de escanos do PP (24, en total):
2 en Madrid: 1 para o PSOE e o outro en principio para IU, mais moi desputado con UPyD.
2 en Barcelona: 1 para o PSC-PSOE e outro para ICV.
1 na Coruña (PSOE), Cantabria (PRC), La Rioja (PSOE), Guipúscoa (PSOE), Zaragoza (PSOE), Tarragona (ERC), Lleida (CiU), Girona (PSC-PSOE), Valencia (PSOE), Alacante (UPyD), Baleares (PSM-IV), Murcia (PSOE), Albacete (PSOE), Badaxoz (PSOE), Tenerife (PSOE), Las Palmas (CC-NC), Huelva (PSOE), Sevilla (UPyD), Cádiz (PSOE) e Málaga (PSOE).
Onde habería outros movementos de escanos:
Euskadi. EH Bildu e PNV desputan senllos escanos en Biscaia e Guipúscoa, por unha marxe moi estreita, polo que se lle outorgou 1 a cada un; en calquera caso, sería un gaño dos jeltzales ás custas da esquerda abertzale.
Navarra. Geroa Bai perdería o seu escano, en beneficio do PSOE.
Comunidade Valenciá. En Alacante, o PSOE tamén perdería 1 escano en prol de IU.
Observacións persoais.
Estes datos son a aplicación estrita da cociña do CIS, i.e. da estimación de voto que ese instituto realiza a partir dos datos declarados polos entrevistados. O único que fixen foi trasladar as perdas e os gaños dese cálculo mecanicamente (p.ex.: restarlle 8,0 puntos ao PP) circunscrición por circunscrición, aínda que obviamente o comportamento electoral pode variar duns lugares a outros.
As estimacións do CIS son bastante fiables en universos amplos, mais as forzas políticas de territorios menos poboados están suxeitas a maiores flutuacións. De aí que os datos de todas as que están por debaixo dos 4 escanos deban ser vistos con especial cautela.
A xa mencionada cociña do CIS subestima, a respecto da intención de voto declarada, algunhas forzas políticas, sobre todo EH Bildu e Compromís-Equo, que poderían ter mellores resultados na proxección se o CIS tivera aplicado un criterio, ao meu xuízo, máis apurado.
Polo contrario, tanto o PP como o PSOE son tratados con bastante benevolencia neste último barómetro e non sería estraño, á vista dos datos brutos, que os seus resultados fosen inferiores aos prognosticados na estimación de voto do CIS, aspecto que só posteriores entregas do barómetro permitirán confirmar ou refutar. Sexa como for, dado que en moitas provincias só esas dúas candidaturas concorren polos escanos, unha maior baixada do PP tradúcese automaticamente nun incremento de escanos do PSOE.
A estimación á alza tamén ocorre, neste último barómetro, con forzas como o BNG ou CC-NC, cuxos resultados deben ser vistos dentro de series históricas máis amplas para poder extraír conclusións válidas.









