Iniciativas como Plastika17, impulsada pola asociación sen ánimo de lucro Apo’strophe, historicamente existen pola necesidade de completar o espazo que as institucións non chegan a cubrir. Na actualidade, estes espazos independentes xorden a pesar das limitacións socio-económicas e culturais nas que estamos inmersos. Iniciativas deste tipo, crean plataformas moi interesantes para artistas, tanto nas grandes capitais culturais do mundo, saturadas de oportunidades, como na periferia, onde polo xeral, as oportunidades son máis escasas. Este é un feito indicativo de que a emerxencia destes espazos é necesaria, e o seu labor na circulación e difusión cultural é clave, independentemente da habilidade institucional para apoiar e promover a artistas e creadores contemporáneos. As tendencias internacionais actuais, enfócanse en apoiar prácticas emerxentes máis que a individuos particulares, e en descentralizar a distribución cultural. Espazos independentes e prácticas de difusión cultural como a de Apo’strophe, son posiblemente as máis próximas aos modelos de futuro.
Logo de moitos anos traballando no ámbito da cultura no estranxeiro, a invitación para ser xurado neste primeiro certame de arte Plastika17, organizado por Apo’strophe, ofreceunos a oportunidade de mergullarnos nun panorama artístico composto por un grande número de creadores a nivel galego e internacional. En liña coa mentalidade aberta de Apo’strophe, o certame abre o espazo a novas posibilidades. O noso proceso de selección enfocouse na diversificación e ampliación do espectro artístico do espazo. Podemos considerar que as obras seleccionadas son unha mostra da punta do iceberg da produción cultural contemporánea, e esperamos que iniciativas tan interesantes e necesarias como o Certame Plastika17, faciliten e impulsen o resto que aínda está por emerxer.