AGARDANDO EN ADVENTO COAS CANTATAS DE BACH (II)
Despediamos o ano 2016 desde „A páxina de Goldberg” coa primeira parte dunha entrada dedicada ás chamadas “Cantatas de Advento” de J.S.Bach. Nela, referímonos a aquelas cantatas correspondentes aos dous primeiros domingos de Advento e ás especificidades das regras e costumes daquela época do ano no Leipzig dos tempos de Bach, as cales tiveron unha influencia directa na xénese e transmisión desas mesmas composicións. E encetaremos, pois, o novo ano, comentando as outras cantatas restantes para os dous domingos seguintes de Advento.
Continuamos aínda no “tempus clausum” (”tempo de silencio”) en Leipzig e chegamos, entón, ao terceiro domingo de Advento. Durante a súa estadía en Weimar, en 1716, J.S. Bach xa compuxera unha cantata para esa mesma data de Advento baixo o título de “Ärgre dich, o Seele, nicht”, BWV 186a (que se podería traducir como “Non te turbes, oh, alma miña”), pero esa partitura orixinal perdeuse. Así, a que nos chegou foi unha reelaboración e ampliación da mesma, pero para o séptimo domingo da Trindade, do 1723, procedente de Leipzig, onde sería estreada o 11 de xullo dese ano.
A cantata orixinal baseábase nun texto de Salomon Franck e sería interpretada por vez primeira un 13 de decembro de 1716. A súa estrutura era a a seguinte: 1. Coro: “Ärgre dich, o Seele, nicht” - 2. Aria: “Bist du, der da kommen soll” - 3. Aria: “Messias läßt sich merken” - 4. Aria: “Die Armen will der Herr umarmen” - 5. Aria: “Laß Seele, kein Leiden” e 6. Coral: “Darum, ob ich schon dulde”. En 1963, o „Kirchenmusiker“ alemán Diethard Hellman publicaría unha reconstrución desa cantata perdida.
Como dixemos, a cantata posterior, a de Leipzig (BWV 186) é unha sorte de ampliación da de Weimar, dividida en dúas partes ou seccións. A estrutura devén rica e complexa. Hai un coro inicial (o mesmo que o da cantata orixinal, “Ärgre dich, o Seele, nicht”) con forma de rondó - A B A B A - onde se mesturan partes “a capella” con partes para coro e orquestra. A seguir, temos un recitativo (”Die Knechtsgestalt, die Not, der Mangel”.) e logo unha aria para baixo co único acompañamento do continuo (”Bist du, der mir helfen soll”). Logo, mais outro recitativo (”Ach, daß ein Christ so sehr”) e mais unha aria (”Mein Heiland läßt sich merken”), desta volta unha aria para tenor pero cunha estrutura case de trío. Esta primeira sección da cantata, que debía ser interpretada antes do sermón, remata cunha coral que combina estruturas propiamente corais con instrumentacións (”Ob sichs anließ, als wollt er nicht”) A segunda sección ábrese cun novo recitativo (”Es ist die Welt die große Wüstenei”), seguido dunha aria para soprano (”Die Armen will der Herr umarmen”), outro recitativo (”Nun mag die Welt mit ihrer Lust vergehen”) e unha nova aria - para soprano e alto -, rematando cunha coral idéntica á que pechaba a primeira sección (“Die Hoffnung wart’” der rechten Zeit”). A instrumentación empregada nesta cantata é a de soprano, alto, tenor, baixo, coro, dous óboes, taille (óboe tenor), dous violíns, viola e baixo continuo con fagot. As lecturas do Evanxeo indicadas para ese domingo eran, segundo a versión da Biblia de Lutero, a da “Epístola aos Romanos” 6,19-23 e a do “Evanxeo segundo San Marcos” 8, 1-9. Finalmente, en relación a esta data de Advento diremos que no catálogo bachiano hai outra asignada para ese día (a BWV 141, “Das ist je gewißlich war”), pero, na verdade, sábese que é obra de Georg Philipp Telemann.
E chegamos á última estación desta viaxe bachiana polo Advento, ao seu cuarto e último domingo, xusto o anterior ao Nadal. E para iso debemos deitar de novo a vista sobre Weimar, de onde procede a cantata (que nos chegou case íntegra) “Bereitet die Wege, bereitet die Bahn!” (“Preparade os camiños, preparade a calzada!”), BWV 132, composta para ese domingo.
Como indica o título da cantata de maneira explícita, trátase xa dunha preparación para a chegada inminente do Redentor. Para esta data estaba prevista a lectura do “Evanxeo de San Xoán” onde se presenta a Xoán o Bautista, quen responde a aqueles que acreditaban que el era o Mesías que el apenas está aí para “abrir o camiño para a súa chegada”. De novo, Salomon Franck, autor do texto para esta cantata, baseouse nese fragmento do Evanxeo para tal fin, rematando a cantata coa quinta estrofa da coral de Elisabeth Cruciger (poeta pertencente ao círculo de Lutero) “Herr Christ, der einig Gotts Sohn”. Do mesmo xeito que no Evanxeo, Franck refírese a “Jesaja”: “Bereitet dem Herrn den Weg” (“Preparade o camiño para o Señor”) e alude tamén ao bautismo, apelando aos diferentes cristiáns como “membros de Cristo”.
Bach escribiu a cantata durante a súa estadía en Weimar, como „Konzertmeister“ da Corte de Johann Ernst von Sachsen-Weimar e alí, na igrexa do palacio foi onde a estreou un 22 de decembro de 1715. As lecturas para ese domingo eran a da “Epístola aos filipenses”, 4-7 e a do “Evanxeo segundo San Xoán” 1, 19-28 (segundo a Biblia de Lutero).
Esta obra ten certo carácter de música de cámara, con arranxos para catro voces, cordas, óboe e baixo continuo con fagot. A estrutura é de tres arias con dous recitativos intercalados: 1. Aria (Sopran): “Bereitet die Wege, bereitet die Bahn!” - 2. Recitativo (Tenor): “Willst du dich Gottes Kind und Christi Bruder nennen” - 3. Aria (baixo): “Wer bist du? Frage dein Gewissen” - 4. Recitativo (alto, cordas): “Ich will, mein Gott, dir frei heraus bekennen” - 5. Aria (alto, violín): “Christi Glieder, ach bedenket” . A obra péchase cunha coral (6. “Ertöt uns durch deine Güte”) cuxa música non se conservou. Así, o que se costuma facer é rematar a cantata co movemento que pecha a cantata BWV 164, que é esa quinta estrofa do himno antes mencionado de E.Creutziger de 1524, posto que ambos movementos comparten o seu texto.
A aria que inaugura esta cantata está chea de vida, cun motivo que se repite e que semella facer referencia á prosecución do vieiro que se vai abrindo á chegada do Mesías. O recitativo a seguir contén pasaxes extensas en “arioso”, creándose unhas normas imitativas entre voz e continuo que aluden á noción de imitación de Cristo presente no texto. A segunda aria está escrita para voz e baixo, pero este sepárase do conxunto a xeito case “concertante”. A aria repite con insistencia “Quen es ti?”, pregunta dirixida no Evanxeo a Xoán o Bautista e que aquí o fai a cada un dos ouvintes. Despois dun segundo recitativo con acompañamento de cordas, a terceira aria culmina a cantata cunha intervención delicada e requintada do violín, o que contrasta coa sinxeleza da voz do alto (representación alegórica do bautismo?).
E aquí remata esta sorte de pequeno (aínda que moi relevante) ciclo na produción bachiana de cantatas. A súa significación é moi especial, tanto polos avatares que rodearon a xénese e a pervivencia destas composicións ata aos nosos días, como polo tempo para o que foron concebidas: unha travesía cara ao Nadal que é tamén, ao mesmo tempo, unha fase de transformación, de recollemento e de revelación.
Como fixemos coa parte primeira desta entrada, a seguir poden escoitar unha versión para cada unha destas dúas cantatas de Advento, a BWV 186 e a BWV 132. Escollemos dúas gravacións de referencia para cada unha destas cantatas: para a primeira delas a de Nikolaus Harnoncourt co Tölzer Knabenchor e o Concentus Musicus Wien (Teldec, 1989); e para a segunda, a de Ton Koopman coa Amsterdam Baroque Orchestra & Choir (Antoine Marchand, 1995).
....................................................................











