Citius, altius, fortius!!! Debo recoñecer que adoro a sonoridade do latín. Creo firmemente que é unha magoa que os rapaces agora non o teñen que estudar... aínda que sen dúbida eles estarán felices. Estes días é difícil non ter intoxicación deportiva olímpica. O das Olimpíadas é o escaparate mundial para deportes que despois de catro anos saen do seu esquecemento, é que despois de quince días regresarán a el; pero mentres as Olimpíadas duran todos nos tornamos expertos en calquera arte marcial, en natación, no que sexa... é será seguro nestes deportes minoritarios onde acadaremos un metal e converteremos en heroes a anónimos deportistas que a partires de fins de agosto esqueceremos outra vez. Que sería por exemplo de David Cal sen Olimpíadas? Pontevedra perdería un ilustre membro das listas electorais.
Por suposto non esperedes que isto sexa unha crítica os Xogos porque eu son desas que opinan que os verdadeiros Xogos non empezan ata que empezan o Atletismo, e porque cando aínda non había Fernando Alonso e a F1 era minoritaria eu toleaba intentando vela pola 2. Así que, SI gústame que durante 15 días deixemos de prestarlle obediencia a Messi e CR7 e tornemos os nosos ollos cara outros individuos menos mediáticos.
Hoxe púxenme a cavilar se podiamos establecer algún tipo de relación entre as Olimpíadas e a Microbioloxía... Obviamente o máis doado é botar man do sempre socorrido Pé de Atleta, malquerido acompañante de duchas e baños dos ximnasios! Non existe un único Pé de Atleta nin moito menos. Cando falamos del, realmente estamos a referirnos a un conxunto de fungos dermatótifos (traducindo o bruto que lles gusta a pel) que soen aparecer nos pés porque entran en contacto cunha toalla contaminada nun ambiente humedo, cunha sabana, cun solo... Son os responsables da maior parte das infeccións que se coñecen coma tiñas e poden ser especialmente molestos. E aínda por riba moitos individuos da poboación son asintomáticos: levan o fungo con el, non no padecen e por riba pégancho!!. Neste caso faise boa a expresión de: Ten coidado onde po-los pés. As especies que máis adoitan aparecer son Trichophyton rubrum, Trichophyton mentagrophytes ou Epidermophyton floccosum. Aparte da hixiene, cando xa aparece o contaxio, normalmente trátanse as infeccións con antifúnxicos clásicos e a cousa non soe ir a máis. Tamén hai unha morea de remedios caseiros coma unta-los pés en áloe vera, mete-los pés en auga ben quente con vinagre, en iogur, untalos cunha mestura de allo, aceite de améndoas e outras plantas medicinais. Hai algún outro pero por se ledes isto a hora de comer, imos non mencionar. Sempre que falo deste tipo de infeccións, lembro unha escena dos “Bufalos de Durham” na que un xove Kevin Costner lle explica a un aínda máis xove Tim Robbins porque non podía ter fungos ata que fose un xogador famoso.
Pero se matinamos no Citius, altius, fortius das Olimpíadas podemos intentar xogar a un friki-xogo sobre microorganismos para intentar ver quen sería o máis algo entre os microbios. O malo da Microbioloxía, como xa comentamos máis dunha vez, é que comprende organismos moi diversos polo que seguro que se nos escapan algúns, ou coma no fútbol todos temos un adestrador dentro.
Por exemplo, no caso das bacterias: cal sería o bicho de menor tamaño: pos os individuos do xénero Mycoplasma que teñen un tamaño de 0,3 μm mentras que as bacterias máis grandes son as especies tipo Thiomargarita namibiensis e Epulopiscium fishelsoni que poden chegar a medir ata 0,5 mm, unha animalada!!
E despois están os máis entre os máis. Os excelsos entre os excelsos, poderiamos aplicar moitos criterios para establecer esta categoría: os máis agresivos, os que causan maior dano, os que son máis resistentes, os que son máis beneficiosos... Pero antes de que isto pareza un anuncio de certa bebida refrescante e espumosa, podemos intentar centrarnos naqueles que son os máis entre os máis porque son capaces de vivir e colonizar lugares onde ninguén coa cabeza no seu sitio desexaría estar; en lugares onde o normal é que non exista a vida. Calquera podería pensar que aproveitando que no Sétimo día, Deus estaba a bota-la sesta, eles colonizaron eses lugares. E quen veñen sendo estes organismos destroy total? Os extremófilos.
Os extremófilos viven alí onde ninguén máis querería vivir, e de acordo a esa tendencia así se clasifican: temos termófilos, que adoran vivir a altísimas temperaturas, por riba de 70 ºC, e a min que me parece que 38 xa é inhumano!!. Están tamén os psicrófilos, estes por contra prefiren vivir no frío máis extremo. Tamén temos os acidófilos, que gustan de vivir en ambientes extremadamente ácidos, non sei se tamén teñen un humor mordaz; ou os basófilos, os que lles gusta máis o básico; temos halófitos, que prefiren vivir en ambientes hipersalinos... vamos que non teñen problemas de hipertensión! A existencia destes individuos fai errada a afirmación de: sen ningún rastro de vida!. Lembrade que os bichos que eiquí nos ocupan son seres vivos, microscópicos, pero vivos.
A importancia dos extremófilos ven dada non só porque demostran que Impossible is nothing que dirían unhas coñecidas zapatillas, senón tamén porque teñen unha morea de posibilidades de cara a aplicacións industriais: un dos maiores problemas en determinadas industrias é o control de microorganismos non-desexados (coma a natalidade pero aplicada as bacterias...). Imaxinade o aforro que pode supoñer ter un microorganismo capaz de soportar condicións extremas: asegurádesvos que nun so paso conseguides controla-la poboación: nesas condicións poderá medrar o voso bichiño e pouco, moooi pouco máis. Iso é un aforro brutal. Se ademais pensades en temas de produción industriais aqueles que sexan capaces de producir o que nos queremos a baixas temperaturas deberían ter un monumento na praza do pobo. Sabedes o custo que supón nunha empresa elevar a temperatura dun tanque de produción un só grado?. E aínda por riba coa factura da luz veña de subir!! Os psicrófilos son a solución.
Exemplos de extremófilos hai uns cantos, pero así a grandes trazos imos destacar un par ou tres deles: tedes Pyrococcus furiosus, que non é unha canción de Shakira con Pitbull, non, pero é capaz de medrares feliz a máis de 80 ºC. Xa falamos hai uns días de Thermophilus aquaticus, que foi un dos primeiros extremofilos illados grazas o que podemos levar a cabo a reacción da PCR. Polaromonas vacuolata pola contra vive feliz entre 0 e 4 ºC, polo que ten moito interese en procesos alimenticios e incluso de conservación dos cosméticos; a quen nunca se lle estragou unha leituga na neveira? Non digo que fose culpa da pobre Palomonas vacuolata que foi illada na Antártida, digo que os científicos a estudan para entender a que pode ser debido. De entre tódolos extremofilos hai uns verdadeiramente peculiares: os radiófilos. Estes son capaces de aturar condicións de radicacións extremas, máis que algunhas desas xentes que van a praia, tómbanse o sol untadas en bronceador e adquiren un ton malo, malo. Thermococcus gammatolerans é un radiófilo capaz de aturar ata 30 Kgy de radiacións gamma... só 10 Gy son suficientes para matar unha persoa... Lactobacillus acidophillus é un deses acidófilos capaces de actuar coma probiótico.
Entón, unha vez máis cando pensedes na definición de organismo vivo, pensade que haberá un organismo microscópico que vola complique. Cando pensedes, isto non pode acontecer, pensade que haberá un organismo microscópico que chegou antes ca vós seguro. E cando pensedes en Cituis, altius, fortius! Pensade que un extremófilo xa está vindo de volta.
Habif TP, ed. Clinical Dermatology. 5th ed. Philadelphia, Pa: Mosby Elsevier; 2009.
Schulz H, Jorgensen B. ( 2001)«Big bacteria».Annu Rev Microbiol 55: 105–37..
Robertson J, Gomersall M, Gill P. (1975). «Mycoplasma hominis: growth, reproduction, and isolation of small viable cells». J Bacteriol.124(2): 1007–18.
Rede Nacional de Organismos Extremófilos: http://web.ua.es/es/rnme/