Galileo Nenos amplía o seu catálogo de xoguetes en galego para este Nadal
Non é a primeira vez que falamos de Galileo Nenos no blog. De feito, case poderiamos dicir que Sinbad medrou con eles dende que alá polo Nadal do 2012 vos presentaramos o primeiro xoguete en galego creado por Guido Leboroni. Pois ben, botándolle unha ollada á súa web, comprobamos que o catálogo de Galileo Nenos medrou de xeito considerable dende aquela e iso a nós encántanos. Sen perder ese espírito educativo que caracteriza os xoguetes de Galileo Nenos, este novo catálogo inclúe dende quebracabezas para nenos e nenas a partir dos dous anos, pasando pola Escola de escritura con Xabarín, un maletín para aprender inglés e exercitar a memoria, ata xogos de mesa como o Peregrinus e, por suposto, as nosas adoradas Galiña de Mos e Ovella galega.
E como sabemos o difícil que resulta competir coas grandes marcas para entrar nas tendas de xoguetes, dende Sinbad queremos apoiar a iniciativa de Guido e desexarlle o mellor e que siga creando xoguetes en galego por moitos anos.
E vós tomade nota porque son o agasallo perfecto para este Nadal!!















