Cando os fillos son a escusa perfecta para mercar cousas (IV)
Non pode haber mellor forma de comezar o día que facéndote unhas torradas nesta Camper Van Toaster que, desde xa, pasa a ser unha das miñas necesidades vitais. Ademais, como polo meu problema de intolerancia na casa necesitamos dúas, estou xa por encargar varias e motar un aparcadoiro na cociña.
Desde que naceu Galileo Nenos, en Sinbad sempre os apoiamos polo simple feito (mira ti que parvada!) de fabricar xoguetes en galego. Agora declarámonos fans absolutos ao ver que no seu catálogo contan con peluches de animais autóctonos como a ovella galega ou a galiña de Mos. Se na cociña vou ter un párking, no cuarto da nena montarei unha granxa.
Os rainbow pencils son tamén outra desas cousas riquiñas que me poñen os dentes afiados, e xa non digo para escribir con eles (eu xa case nunca escribo con lapis), senón para pasar o día sacándolles punta.
A caixa de música de Totoro. Cando a mañá de Reis vin a miña sobriña abrindo un paquete e que dese paquete sacaba esta preciosidade confeso que por primeira vez na miña vida pensei que tampouco podía ser tan malo roubarlle a unha nena de catro anos, e moito menos ese día, que xa tiña tantos agasallos que non sabía a cal antender. Ao final gañou o anxiño bo (e a miña sogra, que ma quitou das mans cando xa estaba saíndo pola porta) e marchei á casa sen ela, pero desde ese día non podo deixar de pensar noutra cousa.
Se cadra, véndoa así non vos di nada, pero xúrovos que cando a vin en funcionamento case me poño a chorar. E cal sería a miña sorpresa cando, navegando pola rede, descubro que non é a única senón que tamén hai a de Nicky e a de Ponyo. Teño que acabar de convencer a Violeta de que o mundo Ghibli é moitísimo máis fascinante ca o de Dora a Exploradora!
Algo que tamén necesito (e non por bonito precisamente, senón por necesidade en si) é este baby shower cup que evitaría moitos berros e disgustos na casa. Porque a ninguén nos gusta que se nos meta xabón nos ollos pero, no caso de Violeta, ese acto tan cotián e tan recorrente á hora do baño, pode chegar a converterse nun dramón tal que logo se encargará de lembrárnolo durante todo o día seguinte repetindo ata a saciedade: "xabón-ollos-pica, xabón-ollos-pica, xabón-ollos-pica". O baby shower cup está á venda en Amazon por 1,50$, así que, se seguides meténdolles xabón aos pequenos nos ollos, será porque vos gusta velos sufrir.
Máis cousas riquiñas aquí, aquí e aquí.











