DESPEDIDA DE OLIVER SACKS: BACH COMO CENTRO DA SÚA MUSICOFILIA
Hai apenas uns poucos días, o 19 deste mes de febreiro,o neurólogo, escritor e musicólogo Oliver Sacks (Londres, 1933) anunciaba nunartigo no NY Times, a xeito de carta de despedida, que padece cancro de fígado e que a doenza está xa nunha fase terminal. No entanto, a serenidade e a gratitude pola vida que desprenden as súas palabras son conmovedoras; como se dun vello sabio estoico se tratar, Sacks asume o seu estado irreversible e terma daquilo que foi dando un fondo sentido á súa vida. Na súas propias palabras : “I cannot pretend I am without fear. But my predominant feeling is one of gratitude. I have loved and been loved; I have been given much and I have given something in return; I have read and traveled and thought and written. I have had an intercourse with the world, the special intercourse of writers and readers.”
O amor dado e o amor sentido, a paixón polo coñecemento, pola escrita, polas viaxes, pola troca de pensamento…E pola música, sobre todo pola música, porque esta e a Botánica foron, seguramente, as dúas grandes paixóns de Sacks ao longo da súa intensa vida intelectual. E no centro máis íntimo desa paxión musical, a figura de J.S.Bach, por quen Sacks manifestou sentir devoción desde que era un neno de apenas sete anos.
Como el mesmo sostén no limiar dunha das súas obras máis coñecidas, Musicophilia: Tales of Music and the Brain (Knopf, 2007) – dedicada a profundizar nas relacións entre a música e o cerebro- , a inclinación dos homes cara á música xorde xa nesa altura, na infancia, é unha das capas freáticas máis vellas e fundamentais do noso ser, das nosas culturas.
Todas as persoas (ou case todas) poden percibir a música, os tons, o timbre, as pausas, os contornos melódicos, a harmonía ou o ritmo. Segundo Sacks, integramos todos eses elementos e imos “construíndo” a música na nosa mente, empregando diferentes áreas do cerebro para esa tarefa. A este proceso, habería que engadirlle tamén as reaccións, fondas e intensas, de carácter emocional, perante unha manifestación musical determinada.
No 2004 Sacks grabou para a canle televisiva PBS (dentro da serie científica NOVA) un documental -onde trata catro dos casos tratados en Musicophilia- co nome de Musical Minds. O traballo tenta mostrar as reaccións do cerebro perante a música e será o propio Sacks quen se someteu a unha proba (elaborada por dous investigadores no campo da neurociencia da Universidade de Columbia, Hal Henkel e Joy Hirsch) que certificaría se a súa predilección e paixón por Bach eran tan fortes como el afirmaba.
Colocóuselle nunha man un dispositivo para avaliar as súas emocións, mentres que un escáner rexistraba a actividade cerebral de Sacks durante o tempo que pasou na máquina de imaxes por resonancia magnética. Así, debía escoitar dúas pezas de música, unha da autoría de J.S.Bach e outra da de Beethoven. Os científicos escolleron fragmentos musicais con características semellantes: as dúas pezas eran obras corais e compartían un “tempo” parello.
Cando se lle preguntou a Sacks acerca daquelas músicas, respondeu que a peza de Bach “lle impactara”, mentras que a de Beethoven o deixara, máis ou menos, “como estaba”. E de feito, a análise confirmou eses sentimientos. A exploración do cerebro de Sacks mostrou que moitas das áreas do cerebro do autor se activaron durante a audición de Bach, especialmente a amígdala cerebral dereita, básica para o procesamento da emoción. Pola contra, ao explorar a resposta do cerebro de Sacks en relación a Beethoven, viuse que este aparecía escasamente iluminado.
Aínda mais, durante ese proba de exploración, houbo unha parte onde o propio Sacks admitía non poder distinguir Bach de Beethoven e non sentir unha predilección especial por unha ou por outra peza. Curiosamente, mesmo nese caso, o cerebro de Sacks decidiuse por Bach, posto que tamén durante eses treitos de indeterminación, as áreas do seu cerebro se iluminaban perante a música bachiana.
A seguir adxuntamos un link relativo a ese documental desde o que poderán ver parte desa proba ao que Sacks se someteu:
https://www.youtube.com/watch?v=AyY1ul_DbcQ
A vida deste grande home chega ao seu fin. Quizais este sexa o post máis emotivo e máis importante de todos os que levamos escrito ata a data de hoxe en “A páxina de Goldberg”. Non hai nada que salve perante esa fenda, perante esa certeza terrible, mais Oliver Sacks non estará só nesa despedida: a música única e perfecta do seu benquerido Johann Sebastian, aquela que o deslumbrara desde a súa nenez, irá con el, como algo firmísimo, dunha beleza dificilmente superable. Ata a onde for.
………………………………………………………
Nota: A xeito de colofón a esta entrada de hoxe, ofrecemos ademáis un link coa parte correspondente ao primeiro movemento, o “Kirie Eleison”, da Misa en si menor, BWV 232, que foi precisamente a obra bachiana da que Sacks escoitou varios fragmentos no curso da proba antes referida. (A versión é a de Marc Minkowski e “Les Musiciens du Louvre”, grabada no 2009 para o selo Naïve):
https://www.youtube.com/watch?v=ZZcY4hb2ynY










