O “WEIHNACHTSORATORIUM”, UNHA ORIXE FRAGMENTARIA.
Neste tempo de Nadal queremos ofrecer unha nota breve sobre unha das obras sacras cumes de J.S. Bach, refirímonos ao fermoso e máis importante dos tres oratorios compostos por el, o “Weihnachtsoratorium”, o “Oratorio de Nadal” (BWV 248) do 1734, porque a súa xénese agocha varias sorpresas ben curiosas.
Esta obra é, na verdade, un exercicio de “Parodie” musical (ese termo poderiase traducir como “parodia”, mais sen carga negativa algunha - da que carece o orixinal alemán-), é dicir, unha reelaboración moi coidada de materiais preexistentes, tales como os coros e as arias das cantatas profanas BWV 213 e BWV 214.
Mais debemos ir ata ao ano anterior ao da composición dese obra para seguir mellor os pasos da historia da súa elaboración… En 1733 J.S. Bach continuaba a ter a cotío diferenzas e tensións cos membros do consello de Leipzig, que, a ollos de Bach non valoraban o seu oficio e compromiso como deberían. Pensemos que o labor compositivo do músico era constante, esgotador: cantatas para todos e cada un dos domingos, así como moitas outras músicas para todas as festas relixiosas e universitarias.
No entanto, o desexo de que os seus fillos menores continuasen recibindo unha boa formación nas prestixiosas institucións académicas desa cidade, impedíalle procurar outro emprego lonxe dalí.
Así as cousas, Bach achou que podería servirlle para mellorar a sua situación o feito de procurar algún aliado que estivese un chanzo por riba dos membros daquel consello de Leipzig. Foi por iso que tentou gañarse o favor da corte saxona escribindo para ao fillo do príncipe Federico Augusto II, o pequeno herdeiro Friedrich Christian, unha cantata dramatizada -ou tamén chamada “drama per música”- co título de “Die Wahl des Herakles” (“A escolla do Hércules”), que ficaría rexistrada como a BWV 213.
Ademais diso, o mestre resolveu contactar co seu bo amigo, o famoso libretista Picander, para escribir polo Nadal daquel ano de 1733 outra cantata co gallo do aniversario da muller do príncipe, Marie Josephine. A cantata levaba o título de “Tönet ihr Pauken, erschället Trompeten!”, BWV 214 (“Atronade timbais, resoade trompetas!”).
Todo ese material será recuperado, pois, na escritura do Oratorio do Nadal. Vexamos, portanto, algún exemplos deste proceso:
Na primeira cantata do Oratorio achamos unha melodía de Hans Leo Haßler von Roseneck (c. 1564-1612), concretamente na coral a catro voces “Wie soll ich dich empfangen”, así como unha primeira elaboración da coral de Lutero “Von Himmel hoch” na coral final “Ach mein herzliebes Jesulein”.
Na segunda cantata do Oratorio, a aria de contralto, “Schlafe, mein Liebster” procede desa mesma Cantata BWV 213. Trátase dunha canción de berce para arrolar o pequeno príncipe que, no Oratorio, representa unha canción de berce de carácter celestial entoada pola propia Virxe María, cun acompañamento ao xeito “pastoril”, con frauta e óboe d’amore.
Doutra parte, o coro inicial da terceira cantata, o dúo n° 29 (“Herr, dein Mitleid”), o coro n° 36 e as arias n°39 e o n°41 proceden desa mesma cantata BWV 213, onde se celebraba o aniversario da princesa saxona.
O inicio da cuarta cantata, no que se adora o neno Xesús (“Fallt mit Danken, fallt mit Loben" (“Prostrémonos con gratitude, con devoción”), fora antes o treito que servía para loubar un Hércules neno.
Así mesmo, a coral nº 46 da quinta cantata retoma unha melodía de Calvisius (1556-1615), mentras que a aria do baixo (n° 47) procede igualmente desa cantata BWV 214. A coral coa que remata esa parte é dun discípulo de Heinrich Schütz, Heinrich Albert (1604-1651).
Por último, na derradeira cantata, a sexta, a coral n° 59 é de Lutero, rematando a obra cunha reelaboración poderosa desa coral de Haßler von Roseneck antes citada.
Este “Oratorio de Nadal” está organizado en seis partes ou cantatas que debían ser interpretadas nos seis días das Festas do Nadal: os tres días de Nadal (partes 1, 2 e 3), o día de Aninovo (parte 4), o primeiro domingo logo dese día (parte 5) e a festa da Epifanía (parte 6). A estrutura interna de cada unha desas partes é moi semellante ao dunha cantata bachiana: coro inicial –por veces cunha obertura ou sinfonía orquestal previas-, para seguir con recitativos, arias, duetos, tercetos, para rematar sempre cunha coral.
Como colofón a este texto adxuntamos dous enlaces onde se pode escoitar o Oratorio de maneira completa, interpretado polo “Concentus Musicus Wien”, baixo a dirección de Nikolaus Harnoncourt, e co acompañamento do “Tölzer Knabenchor”:
https://www.youtube.com/watch?v=98UjjwzJBFE
https://www.youtube.com/watch?v=5SHDTNy_rUM