Que os rastrexos están de moda é obvio, basta con mirar atrás para decatarnos do éxito obtido a tempada pasada, tanto pola participación coma polo número de eventos organizados. Agora ben, que cantidade sexa sinónimo de calidade xa non parece tan claro. Salvo uns poucos, a verdade é que a maioría dos rastrexos réxense polo mesmo modelo organizativo básico, algo que limita a orixinalidade e creatividade. Está ben inspirarse nos demais e manter a esencia orixinal, pero sería interesante que cada un adoptase a súa propia personalidade.
Ao crear estratexias para a realización dun rastrexo, temos que pensar en conceptos creativos e concretos, capaces de satisfacer a todos os participantes. Calquera que sexa o tipo de rastrexo que se estea a organizar, debemos ter en conta as características deste e o obxectivo que se quere lograr.
Un rastrexo consiste en completar un percorrido, pasando por distintos espazos, superando distintas probas e solucionando todo tipo de retos. Por este motivo, é moi importante e valorado polos participantes escoller os lugares máis singulares, ambientar o trazado, propoñer desafíos pouco habituais, canto máis orixinais mellor e, sobre todo, ofrecer as actividades máis atractivas e divertidas posibles. Normalmente o 90% das persoas participou nun rastrexo algunha vez e o obxectivo é sorprendelas.
Por iso, humildemente e coa mellor das intencións, queremos ofrecervos algúns consellos que poidan axudarvos a mellorar.
- Coñecer as nosas posibilidades. Organizar un rastrexo en condicións é un proceso relativamente complexo, ao tratarse dun evento non profesional, que esixe tempo e dedicación tanto para a planificación previa coma para a execución. Isto implica, que detrás ha de haber unha organización composta por un equipo humano -suficientemente rigoroso á par que numeroso- capaz de sacar adiante un rastrexo á altura do que cabe esperar.
- Probas 100% participativas. Para facer que un rastrexo sexa realmente divertido hai que pensar en actividades que todos poidan levar a cabo, pois a meta final é que todos os participantes o pasen xenial. Un rastrexo debe contar con probas de axilidade, destreza, coñecemento, habilidade, observación, enxeño, etc., que involucren a todos os participantes por igual.
- Adaptación e fusión de ideas. Inspirarse nos que o fan ben, é sinal de intelixencia. Por iso pódense adaptar ideas doutros rastrexos, dándolles unha volta de rosca, sempre e cando o resultado sexa coherente e atractivo.
-Rastrexar si, pero sen pasarse. Os rastrexos sempre se caracterizaron por buscar pistas ou obxectos escondidos en zonas determinadas, normalmente sinaladas cun círculo, ademais das propias frechas que nos marcan o percorrido. Isto é algo que se substituíu por unha modalidade un tanto monótona. Referímonos ao feito de rastrexar palmo a palmo cada centímetro do percorrido, para encontrar ás veces ata 200 símbolos, algúns colocados en zonas imposibles. Unha medida que ten a intención de evitar as carreiras, premiando aqueles que máis se fixan e non os que máis corren. Por un lado estamos de acordo, aínda que consideramos que tantos símbolos diminúen a intensidade emotiva e ralentizan considerablemente o ritmo do rastrexo.
- Escoller un obxectivo. Moitos dos que participamos en rastrexos non nos conformamos con seguir frechas e superar probas, necesitamos un obxectivo. Algo que nos motive a cada paso, por exemplo, tratando de encontrar pistas que resolvan un enigma, un asasinato ou a desactivación dunha bomba. En definitiva, unha historia que nos envolva de principio a fin.
- A temática marca a diferenza. Todos temos distintos criterios e maneiras de ver as cousas, pero se en algo coincidimos é que un rastrexo ambientado, sexa cal sexa o tema elixido, é especial. Terrorífico, de época, fantástico, intrigante, son só algúns exemplos que poden facer as delicias dos participantes. Os figurantes, caracterizados e metidos no papel, achegan ao rastrexo a parte máis persoal e, xunto a un trazado ben decorado, crean nos participantes a tensión e predisposición necesarias para meterse no xogo.
- Facer do percorrido unha atracción. Aproveitando as características do trazado, relevo, árbores, ríos, túneles, construcións abandonadas, pódense crear infinidade de situacións. Dende labirintos a camiños sen saída, ideais para tender emboscadas. Zonas moi tapadas e de paso estreito préstanse para colocar obstáculos. Os muíños ou casas abandonadas son espazos verdadeiramente polivalentes. Só hai que fixarse no que temos e deixar voar a imaxinación.
- Ollo coas cousas de mal gusto. Un rastrexo non é un Fear Factor, onde todo vale. A premisa principal é o respecto total e absoluto cara ós participantes e iso exclúe calquera práctica hixiénico-sanitaria inadecuada. Referímonos á manipulación de excrementos ou calquera aberración culinaria, algo totalmente fóra de lugar, aínda que existan participantes que accedan a pasar por iso. Non é unha cuestión de escrúpulos, senón de clase.
- Duración. A duración dun rastrexo, por regra xeral, debe ser a que permita cumprir cos obxectivos marcados dun xeito razoable. O nivel de expectativa adoita facer que os participantes empecen o rastrexo cun bo grao de emotividade. A emoción é óptima entre unha e tres horas. A partir deste punto, o cansazo aprema, e diminúe rapidamente o nivel de emoción, participación e esforzo dos participantes. Tendo en conta que non todos os equipos se moven ao mesmo ritmo, uns son moi rápidos e outros non o son tanto, é preferible percorridos máis curtos e intensos, evitando así que os rastrexos se prolonguen ata altas horas da madrugada.
- Un reto: evitar colas e embotellamentos. O número de participantes, a duración e dificultade das probas, as características do percorrido, o cansazo, a climatoloxía... Todos son factores que poden afectar ao xogo. É importante que todo estea ben medido para que haxa fluidez e os participantes non fagan cola nas probas, sobre todo cando se atopen mollados. Sabemos que é algo difícil ao tratarse de tanta xente e máis con percorridos de dobre sentido. Unha opción é sobredimensionar cada proba, permitindo que tres equipos ou máis poidan facela ao mesmo tempo. No caso de aglomeracións e sempre que o tempo sexa vinculante, é necesario ter presente a necesidade de descontarlles os minutos de espera ós equipos afectados, para que isto non inflúa no resultado final.
- Aproveitar as opinións. Todas as persoas que colaboran na organización dun rastrexo deben ter en conta os comentarios dos participantes. Polo tanto, é esencial favorecer a diversidade de opinións e ideas, por exemplo, a través dunha enquisa ou das redes sociais, xa que algunhas delas poden inspirar o desenvolvemento de conceptos para futuros eventos.
- O efecto ¡OU! Para que un rastrexo sexa unha actividade memorable e cale fondo nos participantes, ten que ser creativo, diferente, emocionante e que sorprenda constantemente, temos que buscar o efecto ou, que pasada! Non pensedes que para sorprender fai falta un gran despregamento, ás veces con pouco conséguese moito. Só entrando no plano das emocións conseguiredes que a actividade sexa un éxito.