Xa van 400!! Comezou como un soño e pouco a pouco tórnase en realidade!! Como subscritor número un do #SermosGaliza #Parabéns!! https://www.instagram.com/p/CBFt053C1hK/?igshid=6h0hm95jueev
seen from United States
seen from China

seen from United States
seen from United States

seen from United States
seen from United States
seen from China

seen from Canada

seen from Georgia
seen from United States
seen from Bangladesh
seen from China
seen from United States
seen from Peru

seen from Australia

seen from T1

seen from United States

seen from United States
seen from China
seen from T1
Xa van 400!! Comezou como un soño e pouco a pouco tórnase en realidade!! Como subscritor número un do #SermosGaliza #Parabéns!! https://www.instagram.com/p/CBFt053C1hK/?igshid=6h0hm95jueev
FreedomPop, a telefonía gratuíta
Semanas atrás comezou a operar no noso país FreedomPop, tras o seu éxito nos Estados Unidos (de onde é orixinaria) e o Reino Unido. Trátase da primeira compañía que ofrece un servizo de telefonía móbil básico 100% gratuíto, que inclúe 100 minutos de chamadas, 200 MB de datos (aínda que proximamente serán duplicados a 400), 300 SMS, uso de WhatsApp ilimitado e roaming sen pagar céntimo. A compañía tamén dispón de outras tarifas de pago moi competitivas, con chamadas e SMS ilimitados e 2 GB por 8,99 €/mes ou 5 GB por 15,99 €/mes, mais que en breve tamén serán duplicados a 4 e 10 GB, respectivamente, sen que aumente o seu prezo.
O modelo de negocio que emprega esta compañía é o chamado “modelo fremium”, moi popular no mundo da Internet. Este modelo está baseado na idea de ter un gran volume de clientes / usuarios, dos cales a meirande parte empregarán o servizo básico gratuíto, contribuíndo así a aumentar a popularidade do mesmo, mentres que aqueles que queiran acceder aos servizos avanzados deberán apostar por algún dos plans de pago.
No caso de FreedomPop, o negocio principal está naquelas usuarias que optan por escoller algunha das tarifas de pago da compañía, mais tamén en ter unhas estratexia comercial de cobrar ás clientas do servizo básico gratuíto por funcionalidades que, malia ser opcionais, poden ser esenciais para unha parte da clientela, como o buzón de voz (0,99 €/mes) ou a posibilidade de acumular os datos non consumidos mes a mes (1,99 €/mes). Deste modo, a empresa vai favorecendo que as usuarias vexan con mellores ollos os plans de pago, nos que xa van incluídas de serie algunhas destas cuestións.
En canto a cobertura, FreedomPop é o primeiro OMV en empregar dúas redes, maioritariamente a de Orange, aínda que tamén dispón dun acordo con Movistar para dar servizo aló onde non chega a rede de Orange, polo que teremos un bo servizo na práctica totalidade do territorio. Polo de agora a máxima velocidade de conexión é o 3G, aínda que desde a compañía aseguran estar negociando a incorporación do 4G para que as usuarias poidan empregar as maiores velocidades de conexión dispoñíbeis en cada lugar.
Terá futuro o modelo de negocio de FreedomPop no noso país? Até o de agora a compañía foi superando as súas previsións de crecemento, tanto en usuarias da tarifa básica como nas de pago, mais debemos agardar a que se estabilice o mercado para ver se mantén o éxito nos próximos anos..
Zetta, o calote do “iPhone extremeño”
Nos últimos días varios medios levaron ás súas páxinas titulares como “Zetta, a primeira marca extremeña de móbiles” ou “Zetta, nace un novo rival para o iPhone”. Esta marca, descoñecida para a inmensa maioría da xente, ten ademais como logo unha landra cunha dentada, e unha historia detrás demasiado bonita para ser certa: un mozo extremeño en paro e un inmigrante chinés coñécense nunha tenda de telefonía e apenas seis meses despois teñen no mercado unha liña de móbiles, accesorios e outros gadgets para competir coas grandes marcas, así como varias tendas físicas.
O aspecto principal que facía inverosímil a historia é o tempo transcorrido. Malia todo o que se ten avanzado, os tempos de fabricación dun teléfono móbil adoitan superar bastante os seis meses, sobre todo se se fan desde cero, xa que hai varios procesos que se deben cumprir: deseño, selección das compoñentes, testeo e fabricación de prototipos, produción en masa, ensamblaxe, empaquetado e distribución, cada un cos seus tempos. Por iso semellaba difícil de crer que Zetta, unha compañía recén creada e sen apenas persoal, puidese ter creado xa non un, senón varios modelos de teléfono e unha gama de accesorios para eles en tan pouco tempo.
Afortunadamente, o engano da compañía pouco durou, pois a comunidade internauta conseguiu destapar que o que estaba a vender Zetta en realidade eran dispositivos da marca chinesa Xiaomi, cambiándolle o logotipo na carcasa e nas caixas de packaging. A ocultación do logo de Xiaomi no interior dos trebellos, no espazo reservado para a batería, fixérono dunha forma aínda máis rudimentaria, tapándoo cunha simple pegatina.
Existen diferentes marcas, a maioría chinesas, que fabrican dispositivos de marca branca e que calquera pode personalizar para comercializar baixo a súa propia identidade, mesmo Pepsi fixo o propio cun móbil lanzado hai uns meses. Porén, o caso de Zetta é diferente, xa que neste caso estamos ante un calote no que alguén vende como propios produtos modificados de outras marcas sen autorización (e a un prezo bastante superior), aproveitándose da publicidade que lle fan os medios ao publicar comunicados acriticamente. Unha actitude da que, por certo, non están alleos os medios galegos, que teñen publicado historias semellantes como “o Facebook galego”, programado por dous adolescentes en tres días e que ao final descubriuse como unha simple capa de personalización dunha rede social xenérica.
Teléfonos “robustecidos” que o aguantan todo
Os teléfonos “robustecidos” non son algo novidoso, aínda que para moitas será a primeira vez que escoiten o termo. Trátase dunha adaptación do inglés “ruggedize”, que fai referencia aos aparellos que posúen unhas cualidades orientadas a ter unha grande durabilidade. Levando isto ao mundo dos teléfonos, estaríamos a falar de dispositivos que contan cunha protección especial contra agresións de todo tipo, como caídas, sólidos (pó, area), líquidos e mesmo altas temperaturas.
Os fabricantes clásicos da telefonía, como Motorola e Nokia, foron mantendo ao longo da súa historia algún que outro modelo deste tipo en catálogo, aínda que sen darlle moita publicidade ao estar pensados para as usuarias dun entorno profesional, persoas con empregos nos que os terminais tiñan serios riscos de caída, polo que na meirande parte dos casos a maior protección era un acabado en goma que facía rebotar o trebello ao tocar o chan.
Coa chegada dos smartphones produciuse unha revolución que fixo que os nosos teléfonos deixasen de ser simples aparellos que serven para facer e recibir chamadas a abrirnos a porta a todo tipo de ferramentas que nos facilitan a comunicación, organización e mesmo o traballo. Á vez, estes dispositivos resultan máis delicados cós teléfonos de antano, especialmente pola fraxilidade das pantallas, o que fixo medrar o interese polos teléfonos robustecidos.
A protección dos dispositivos pode acadar varios graos, e hoxe en día cada vez é máis habitual atoparnos con modelos que son resistentes a pequenos somerxementos en auga e pó. Porén, para casos máis extremos temos que acudir a marcas que se especializaron en teléfonos altamente robustecidos, como CAT, empresa coñecida pola maquinaria industrial.
No catálogo de CAT temos smartphones robustecidos que se adaptan a diferentes necesidades, tendo modelos de gama media baixa e outros que, polas súas especificacións, situaríanse nunha gama media - alta. Un dos últimos modelos, o CAT S60, destaca pola presenza dunha cámara térmica que permite coñecer a temperatura dos obxectos que capta, ou recoñecer a presenza dunha persoa na escuridade, o que fai que poida ser de gran axuda, por exemplo, para equipas de rescate.
*En Mallando no Android temos unha análise completa do CAT S60
Unha nova era para os auriculares
Durante estes últimos anos conseguiuse chegar a un consenso no uso de estandares nos aparellos de telefonía, e nomeadamente nos cargadores e auriculares, o que nos permitiu compartir os accesorios entre os nosos diferentes trebellos. Porén, este debate volve poñerse agora riba da mesa ante a chegada dos primeiros dispositivos que prescinden do conector de audio jack 3.5 mm, o máis extendido entre os auriculares con cable.
Aos poucos, e sen case darnos de conta, as usuarias fomos desprazando os reprodutores musicais mp3 polos nosos smartphones, uns aparellos nos que somos moito máis exixentes en termos de deseño. Segundo sinalan varios estudos, buscamos maioritariamente teléfonos que teñan pantalla grande e sexan, ao tempo, lixeiros e delgados para non resultar unha molestia no peto do pantalón ou no noso bolso.
Estas exixencias de deseño supoñen todo un reto para os fabricantes, xa que os obriga a ter que replantexarse a ubicación das distintas compoñentes internas que conforman os dispositivos. Certamente a presenza dun jack supón un gran consumo de espazo físico interno ademais dunha limitación clara no deseño, especialmente en termos de grosor.
Ante isto, a industria tecnolóxica estase a plantexar dúas alternativas. A primeira é recuperar o uso do conector de carga para enchufar tamén os auriculares, unha opción que se empregaba antes da popularización do jack 3.5, aínda que daquela con sistemas propietarios. De elexir esta opción é máis ca probábel que o novo USB Tipo C, unha vez completada a súa expansión, sexa a elección maioritaria.
A segunda alternativa é apostar polo uso do estándar sen fíos Bluetooth, unha opción que resulta moito máis eficiente ao aproveitar unha característica universal xa dispoñíbel no 100% dos dispositivos actuais e, ademais, prescindir dos cables. Lonxe dos altos consumos enerxéticos de antano, as últimas versións de Bluetooth non supoñen un gasto enerxético de relevancia nos nosos dispositivos, baza que conta ao seu favor.
Con estas propostas no centro do debate, a idea semella ter callado no sector, e un recente encontro de fabricantes realizado en Shezen (China) serviu para unificar posturas e tentar estandarizar unha ou dúas opcións, facilitándolle a vida ás usuarias e permitindo compartir os futuros accesorios entre os dispositivos, como viña sendo até agora.
Eiro, o robot galego para aprender programación
En decembro de 2014 naceu en Compostela a firma Neukos Robotics, unha empresa dedicada ao desenvolvemento de produtos e prestacións de enxeñaría e I+D con fins robóticos. A compañía, agora establecida no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, vén de dar a coñecer o seu primeiro proxecto de envergadura. Trátase de Eiro, un robot con fins educativos que busca financiamento a través dunha campaña no portal de micromecenado colaborativo Goteo, co fin de que poida ser unha realidade comercial en pouco tempo.
O obxectivo principal de Eiro é axudar ás usuarias a introducirse no mundo da programación. Así Eiro, que ten unhas dimensións finais de 140 x 150 x 93 milímetros e un peso de 880 gramos, non virá montado na caixa, senón en pezas para que as usuarias poidan construílo por si mesmas. Nesta liña, o kit de venda incluirá as diferentes partes impresas cunha impresora 3D (e indicacións por se hai quen quere deseñar outras pezas compatíbeis para personalizar o seu robot), así como todas as compoñentes electrónicas, entre as que destacan unha unidade compatíbel con Arduino, unha placa de expansión, sensor ultrasónico, vibrador, sete servos, un LED RGB, un módulo Bluetooth e un conector de cable para o computador. Tamén dispón de aplicación propia para Android que permite programar os movementos que queremos que faga o robot desde o noso teléfono móbil.
O deseño de Eiro está inspirado no traxe tradicional galego tanto nas cores, cunha vestimenta que combina o vermello e o negro, como nas diferentes partes, incluíndo a faixa á altura da cintura. Esta non é a única referencia ao noso país, posto que nalgúns dos bailes que se lle poden programar recoñécense os movementos típicos da muiñeira.
A través do xogo, Eiro permite ás usuarias, especialmente ás crianzas, descubrir o mundo da programación dun xeito divertido, así como potenciar o desenvolvemento de competencias como a autonomía, a iniciativa ou o traballo en equipo, polo que podería ser máis ca interesante a súa introdución en contornos educativos, onde xa temos visto outras alternativas semellantes vidas de outras latitudes.
Rebaixas no roaming antes da súa fin
O 15 de xuño de 2017 chegará a ansiada fin do roaming en Europa, unha cuestión que levamos tratando moitos anos e que permitirá, ao fin, poder viaxar polos diferentes estados membros do Espazo Económico Europeo sen ter que pagar sobrecustos por falar por teléfono ou navegar. Porén, e mentres agardamos a que chegue esa data, desde esta semana podemos desfrutar dunha importante rebaixa nos sobrecustos da itinerancia, achegándonos á converxencia que teremos o ano que vén.
Até o de agora aplicábase unha política de prezo fixado no roaming: establecíanse unhas tarifas de 23 cént/min para as chamadas realizadas, 6 cént/min para as recibidas, 6 céntimos por SMS enviada e 24 céntimos por MB de datos consumido. Porén, desde o primeiro de maio establécese un modelo de sobrecustos, é dicir, cóbrase unha cantidade extra por servizo á tarifa que teñamos contratada no noso país de orixe. Estes sobrecustos son de 6 cént/min en chamadas realizadas, 6 céntimos por MB gastado e 2,42 céntimos por SMS enviada. Recibir chamadas custaranos unicamente 1,7 cént/min.
Malia esta nova rebaixa, que se suma ás que se foron producindo nos últimos dous anos, é evidente que o gran momento vivirémolo en xuño de 2017, cando se eliminen totalmente eses sobrecustos. Porén, xa se fala de que non vai haber unha política de “barra libre”: desde a Comisión Europea están a estudar algún tipo de limitación como medida de uso razoábel. A finalidade destas limitacións é evitar que a xente aproveite a ocasión para contratar tarifas de outros países que puidesen ser máis vantaxosas, polo que é máis que probábel que haxa un volume máximo de consumo ou limitación temporal. Está previsto que estas medidas sexan dadas a coñecer antes do 15 de decembro.
Mentres agardamos á universalización destes cambios, algunhas operadoras xa se adiantaron ás normativas europeas. No caso español, Vodafone eliminou o roaming nas súas tarifas e as súas clientas poden empregar os seus móbiles en Europa e USA coas tarifas locais. Outras, como Orange, ofrecen bonos que permiten navegar ou falar por apenas 1 euro por día de uso.
Chegan os pagos co móbil
Móbil? Carteira? Chaves? Somos moitas as que antes de saír da casa revisamos os petos para comprobar se levamos connosco eses tres artigos básicos, mais este xesto podería ter os días contados: máis cedo ca tarde bastará con levar unicamente o teléfono. Isto será posíbel grazas á combinación da tecnoloxía de comunicación a curta distancia NFC e os lectores de pegadas dixitais, cada vez máis habituais nos smartphones de todas as gamas. O NFC permite establecer comunicación entre o noso teléfono e outros dispositivos (un TPV para pagos, unha pechadura que queremos abrir…), mentres que o lector de pegadas dixitais encargarase de identificarnos para autorizar as operacións (pago, apertura da porta…), resultando un sistema moito máis seguro ca os códigos PIN, o mecanismo máis habitual cando facemos pagos con tarxeta.
Na actualidade non hai moitas empresas que ofrezan estes servizos de pago co móbil no noso país; das poucas que o fan, o BBVA e Vodafone son as máis destacadas. Mentres que o servizo que ofrece o BBVA é exclusivo para as clientas dos seus produtos bancarios, a operadora británica permítelle ás súas usuarias ter virtualizadas todas as súas tarxetas bancarias, con independencia da entidade emisora, na aplicación Vodafone Wallet, unha carteira virtual coa que poder pagar co móbil nos terminais compatíbeis dos comercios.
Porén, a práctica exclusividade da que gozan arestora estes dous servizos comezará a desaparecer en breve, pois ao longo deste 2016 está previsto que cheguen ao noso país fortes competidores, como Google con Android Pay (que virá preinstalado en todos os teléfonos Android) e as alternativas de diferentes fabricantes. Entre estas, destacan Apple Pay e Samsung Pay, este último cun importante acordo de implantación con Abanca, que sen dúbida será de especial relevancia para a súa potenciación entre a poboación galega.
Con independencia de que elixamos usar a alternativa do fabricante do teléfono, do banco ou da operadora; os pasos para facer pagos móbiles serán moi semellantes: só teremos que abrir a aplicación de pagos elixida, seleccionar a tarxeta na que queiramos cargar o gasto, achegar o móbil ao terminal de cobro (TPV) e autorizar a transferencia coa nosa pegada dixital. Así de fácil, e sen ter sequera que sacar a carteira do peto… ou da casa.