ao principio eramos cinco
ti, eu,
a túa pantasma, a miña pantasma
e o dicionario.
as pantasmas foron desaparendo.
-necesario costume fantasmal-
quedamos ti, eu
e o dicionario.
o galego era para achegáreste a min.
se algo che debo
é que me aprenderas a túa lingua.
se algo me debes
é que eu che aprendera a miña.
non nos debemos pouco
e dito isto,
resalto
dunha conversa telefónica con meu tío:
“cando era pequeno meus pais discutían moito. a min iso non me gustaba e sentía que tiña que axudar pero non sabía como. máis tarde entendín que igual que se fan dicionarios francés-inglés ou ruso-italiano, tamén hai que aprender co tempo a facer un dicionario mamá-papá ou papá-fillo. ás veces unha mesma palabra significa cousas diferentes para diferentes persoas.”
por iso canto ti me dicías que tiñas que ir a holanda,
eu entendía que ías deitarte ó colo da túa pantasma
coma unha cadela enferma.
o tempo deume a razón.
e despois quitouma.
recordo que unha tarde nun coche
che explicaba o subxuntivo
indica, moitas veces, desexo dicía
poidamos, ogallá poidamos, entendes?
tamén indica dúbida, decateime, pero non cho dixen.
nin o alemán ten modo subxuntivo
nin eu che estaba a falar de gramática.
despois vin no teu ordenanor fotos del
e tena máis grande.
foi só sexo dicías.
pretendías quitarlle ferro.
eu debía ser de chumbo derretido.
lía a goethe contra a túa ausencia.
lía a goethe como penitencia.
lía a goethe porque escoitei del que toleaba polas perdices e sempre as pedía para comer cando estaba de viaxe.
lía a goethe porque polo menos así alguén comía perdices.
as fotos eran no lago.
e os picnics, as acampadas
nas que nos comían os mosquitos.
nas que nos comiamos a bicos.
no mesmo lago,
as batallas de bolas de neve.
todos os poemas suceden no inverno.
todos os poemas pertencen ó inverno.
magoámonos coa neve de onte.
que facer agora cos cascallos
das nosas linguas?
construir se cadra unha bicicleta
para fuxir a pedal contra esta parede.
había dirección, pero non movemento,
aínda eramos quen, pero onde?
se algo nos queda, é a lingua.
xa podemos volver
ao útero
das nosas linguas maternas.
***
ás veces penso que o alemán ten unha precisión exacta para describir certas accións. verbos como fremdgehen pintan para min no aire unha imaxe clarísima cando os escoito.
este verbo está formado por dúas partes: fremd e gehen. gehen significa ir, marchar. fremd é todo aquilo que nos é estraño, o seu contrario é heim. heimgehen describe a acción de volver á casa. fremdgehen significa pois, marchar cara o descoñecido, pero tamén, cometer unha infidelidade,
entón eu saín da cama e
collín
a roupa,
o cepillo de dentes,
que é o definitivo, unha ameaza
un non volvo nin de broma
os libros que eran meus,
a dignidade aínda latexante pero moribunda toda atropeladiña polo chan,
a bicicleta,
que empurrei ás tantas da noite polas beirarrúas cheas de neve fría neve de onte, antonte e dos moitos meses fríos meses que leva nevando nesta cidade europea alí eu empuxando a bicicleta no medio da noite no medio daquela cidade europea nevada e noite e cidade europea e fría
coma aquela sms que efectivamente, si
que só foi sexo, modestia á parte.
***
hoxe estás na cidade.
na cidade da que quero marchar
porque todo me recorda
a el, a el,
a el pretérito, a el hipotético,
quen-me-dera, case-pero-non,
a el que doe menos
a el, pero sobre todo
a ti e ó resto dos lovers that went wrong.
hoxe estás por fin
na cidade sempre-quixen-que-viñeras-e-non-viñeches-nunca-máis-que-a-visitarme-unhas-semanas-e volvías-sempre-á-cidade-europea-e-choraban-eses-teus-ollos-de-vaca-marróns-bonitos-de-vaca-ollos-de-vaca-bonitos.
hoxe estás na cidade e non na cidade-europea-que-goethe-chamou-o-seu-pequeno-parís-e-penso-que-igual-por-iso-nunca-chegamos-a-ser-felices.
estás na cidade escribía-poemas-longos-coma-ríos-e/ou-longos-coma-días-sen-ti.
hoxe estás por fin este verán
na cidade e eu tamén
e nunca estivemos tan lonxe,
e con todo
a serenidade dos cuartos pola mañá
ten algo de místico
como de misa a piques de comezar desta cidade-católica-apostólica-centro-meta-cumio-dos-camiños-que-volven-de-roma.
fomos xuntos por un momento unha luz acesa
colgada entre nubes de avelaíñas.
se antes
non soubemos atizar o lume,
por que habemos agora
adorar as cinzas?
fomos xuntos por un momento os momentos todos
das tardes que nevaba ao outro lado da ventá
e de súpeto
contra a túa acusación ti nunca me quixeches
a miña letanía, un mantra,
un pretérito:
ameite, terra gañada ao mar
ameite, noite de sábado
ameite, venus as a boy
ameite, resaca de formigón
ameite, ámbar do mar báltico
ameite, solsticio retido en salmos
ameite, proximidade da tormenta
ameite, acampada no lago
ameite, virus da dúbida
ameite, amnesia da botella
ameite, reloxo da paciencia
ameite, cando me lías a günter grass
e a thomas mann ou o frankfurter allgemeine
e espertaba e era de día
ou ti eras o día.
guíndasme bolas da neve de onte.
***
non houbo cartas de despedida. só
cadáveres gardados no faiado,
cascallos clasificados, etiquetados.
acabou a guerra, empaquetámola
por se algún día a volvemos precisar
nunca se sabe sobrevivimos
ao amor. ou o amor sobreviviunos
a nós, ou transformamos o amor
e chamámoslle sexo, ou obsolescencia programada,
ou termodinámica de corpos.
ou chamámoslle como lle chamaba bertolt brecht
non conectar co bo tempo pasado
senón co mal tempo presente. goethe
comeunos as perdices.
ainda eramos quen, pero onde?
eu a moitos quilómetros por hora sobre os alpes
ti na cidade onde-pensei-pero-non-escribín-este-poema-que-quero-acabar-e-non-quero-acabar-e-é-miña-forma-de-dicirche-que
este é un poema
e como poema pertence ó inverno
porque xa se dixo aquí que
todos os poemas en tanto que poemas
pertencen ó inverno malia o verán
pero ante todo é
un poema de despedida
para ti,
d. s.