Onde comen dous comen tres?
Se pregunto por tres das empresas tecnolóxicas máis importantes do mundo, seguro que vos veñen á cabeza Oracle, IBM ou Cisco. Ben, igual escolledes Intel, SAP e HP. Ou, se prescindimos do mundo occidental, entón a elección sería con toda certeza Samsung, Baidu e NTT Docomo. Fóra bromas, a selección que fariades seguramente inclúe Google, Microsoft, Apple, Amazon ou Facebook, non?
Curiosamente, aínda que todas tiveron un obxectivo de negocio inicial distinto, agora parecen competir rabiosamente entre elas. E podería parecernos que os contidos son o campo de batalla, pero non é así; pouco lles importa a estas empresas desenvolver contidos dixitais ou analóxicos. En realidade, son outros os campos de batalla.
En xeral, poderiamos establecer tres grandes mercados onde estas compañías loitan en maior ou menor medida: hardware, software e servizos web. Apple é o exemplo de empresa fabricante de hardware, Microsoft é a que desenvolve principalmente software e Google é a que ofrece numerosos servizos web. Por suposto, estamos xeneralizando xa que Apple tamén ofrece software, Microsoft proporciona servizos web e Google comeza a licenciar hardware co seu nome. Pero, ademais, Apple tamén fai os seus pinitos cos servizos web, Microsoft ábrese camiño co hardware desde hai tempo e Google comeza a distribuír o seu propio software personalizado.
Tamén Facebook ou Amazon tonteanen campos alleos aos seus negocios iniciais e é que o fin parece estar cada vez máis claro: centralizar os medios de control para chegar a ser quen proporcione todos os contidos. Serán aqueles que teñan o hardware, o software e os mellores servizos web os que dominarán o mercado? Será se nós queremos... ou tamén o serán por riba das nosas decisións ou as nosas preferencias?
Aínda queda moita loita por centralizar, controlar e distribuír, pero parece que a ninguén lle importa a creación. Talvez ese sexa un mercado moito máis aberto. Mesmo pode que sexa o único espazo onde nós teñamos cabida e, ao final, só nos quedará escoller en que tenderete imos vender e como (se podemos!). Será interesante ver como vai evolucionando esta guerra e que novos ocos van quedando para as empresas que están por chegar. Serán benvidas!
A loita, por suposto, aínda non está no seu mellor momento. A balanza non se inclinou e non hai nada decidido. Queda espazo para novos xogadores pero ollo, porque, como di meu pai, onde comen tres, catro pasan fame.













